Elías Pérez Sánchez
É unha evidencia que estamos a vivir unha realidade política pouco
edificante. Estes son tempos nos que a dereita pretende utilizar como modus
operandi a fin da política, a redución ao mínimo do espazo público de debate
impoñendo outro espazo, o do mercado. E no espazo regulado polo mercado non
caben os dereitos, o debate público, o debate político. Non cabe, xa que logo,
a democracia. A lóxica do mercado anticipa o fin da época dos dereitos.
Por outra banda, nas augas descompostas e noxentas da nosa democracia,
xorden todos os días cadáveres de dirixentes políticos corruptos que tentan
reducir a actividade política a un estercoleiro, estercoleiro que cómpre
remexer con vasoira feita de xesta e de pau de salgueiro (o salgueiro do Incio
é, a dicir de Fiz Vergara Vilariño, o mellor de Galicia).
Este estado de cousas (por simplificar) supón un espectáculo desagradable e
pouco exemplar que está a provocar xa desde hai tempo unha sensación de
desafección cidadá cara as organizacións políticas como ferramentas útiles e
coherentes que poidan levar a cabo una (cada vez máis) necesaria transformación
social. A democracia e a actividade política sostéñense sobre as virtudes da
confianza e da vergoña, ten dito a filósofa Victoria Camps, e cando ditos
piares amosan esvaecerse, unha das posibles consecuencias pode ser que a
cidadanía chegue a vivir un estado de desesperación colectiva e de fartazgo
social que derive no desexo dun empoderamento cidadán. Así xorden mareas
cidadás, plataformas cívicas, iniciativas político-sociais (ou
cívico-políticas, como queiramos) que hoxe mesmo teñen un obxectivo claro e
evidente: darlle o protagonismo á cidadanía no ámbito público e recuperar a
iniciativa do debate político. Este feito, salientable, de darlle voz á
cidadanía supera a tradicional democracia representativa en beneficio dunha
democracia participativa consistente na organización ou asociación de cidadáns
coa finalidade de exercer una maior influencia directa nas decisións públicas.
Hai boas razóns polas que a democracia participativa debera, pouco a pouco,
funcionar e acadar o éxito: a cidadanía ten un coñecemento máis íntimo e
cercano das necesidades da veciñanza que os propios políticos, a participación
desenvolve a capacidade das persoas para traballar dun xeito cooperativo e, por
fin, a participación na vida pública fai que os propios cidadáns acaden un
maior grao de responsabilidade social. En definitiva: a democracia
participativa (a actividade participativa) pode axudar a que a veciñanza deixe
de cumplir o rol de mera espectadora allea aos asuntos públicos, exercendo como
tal, e coa finalidade de convertirse en parte activa da democracia. En
definitiva: en convertirse en mellores cidadáns.
Publicado no Progreso o 13-12-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario