jueves, 6 de septiembre de 2018

Ciencia e verdade


Mar Carballo Cela


Os ilustrados confiaban en que o coñecemento científico os liberaría da superstición que mantiña á sociedade da época presa das tebras da ignorancia, e que neste novo rumbo camiñarían cara ó progreso en todos os ámbitos. Así foi  nalgúns aspectos; pero, como en case todo, sempre hai un lado escuro. Un lado escuro que os filósofos da Escola de Frankfurt xa denunciaron a mediados do século XX, ó decatárense de que a razón científica e tecnolóxica se estaba poñendo ó servizo de intereses económicos. A ciencia constata feitos, pero non entende de valores, por iso unha sociedade deshumanizada non pode facer un bo uso dela.
É un grave erro formar mentes científicas sen preocuparse de proporcionarlles unha formación humanística previa, se queremos que contribúan a unha sociedade mellor. Pero esta non parece ser unha preocupación prioritaria xa que seguimos separando ciencias e humanidades, ignorando que a realidade non está fragmentada, que só o está o coñecemento que temos dela, e que crear especialistas útiles para alimentar o mercado –descoidando a formación integral- é o camiño máis directo cara ó fracaso como sociedade (non debemos esquecer que todo está interrelacionado). Ignorar o artificio de tal fragmentación estanos privando da busca auténtica da verdade, da comprensión máis profunda da nosa relación co mundo, porque todo coñecemento debe ter en conta dita relación.
Caer no cientifismo é non decatarse de que a ciencia non é máis que unha mirada parcial que debemos incorporar a outra máis ampla sobre a realidade. Certamente, é o mellor instrumento do que dispoñemos para manipular o noso mundo desde a perspectiva humana, desde a percepción que temos del; pero pódese aprender a manipular sen necesidade de comprender nada en profundidade. Á súa vez, as metas últimas que debe perseguir dita manipulación transcenden ó propio coñecemento científico.
Como debemos vivir?, que intereses económicos ou políticos dirixen as investigacións?, que debilidades lóxicas internas presenta a propia ciencia?, son preguntas fundamentais que deben ser incorporadas a toda meditación científica. Circunscribir o ámbito da verdade á ciencia é renunciar ó empeño de mellorar como sociedade. A poesía, a historia ou a filosofía tamén buscan a verdade, unha verdade igualmente difícil de alcanzar que a da ciencia, plasmada en relatos que nos axudan a comprender o que somos,  aínda sabendo que para iso non hai demostración posible; por iso a ciencia está incompleta se se mantén á marxe do autocoñecemento que nos proporcionan tales relatos, porque non deixa de ser humana, “demasiado humana”.
Na era tecnolóxica pola que transitamos non debemos esquecer, como dicía Wittgenstein, que aínda cando a ciencia teña resoltas todas as súas incógnitas, os nosos problemas vitais seguirán intactos. Quizais por iso teña sentido afirmar -aínda que nos resulte paradoxal- que a ciencia, tal e como foi evolucionando, “privounos da verdade”; e iso é así porque “pretende facernos crer que todo canto existe debe ser científico, se non, non é importante. E isto é unha mentira” (Rob Riemen, “Para combatir esta era”, Taurus, Madrid, 2018, p. 101).

Publicado no Progreso o 25-8-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario