domingo, 2 de septiembre de 2018

Sobreacumular


José Domingo de Prada
 
Parece que na sociedade e no tempo actuais vivimos na sobreacumulación. A medida que transcorre a nosa vida imos gardando todo tipo de cousas: obxectos, recordos, informacións, imaxes, isto é, todo o que denominamos ‘bens propios’. Realmente constituímonos nesta acumulación de presentes, materiais ou temporais (a ambivalencia do termo adquire aquí pleno sentido) que xa pasaron e que despois deixamos de lado. Ou iso facíamos ata agora, porque o noso novo problema xérase cando tratamos de actualizalos de forma enfermiza. Sabemos, ou deberíamos saber, que somos o resultado do paso do tempo, que imos configurándonos como síntese de experiencias particulares que van modificándonos e deixando pegada sobre nós e sobre a nosa percepción da vida. Habitualmente elaboramos esta síntese por superación das nosas experiencias privadas e incluso dos nosos ‘bens propios’, e facémolo soltando lastre e abandonándoos para poder avanzar; co cambio de tendencia autoimpoñémonos conservalo todo, especialmente, e gracias ao desenvolvemento dos procesos informáticos, arquivamos o que é convertible dixitalmente.
A sociedade na que vivimos —capitalista, da información, da ansia de posuír, da ambición permanente de reedificar o futuro— induce en nós esta cobiza de retención. Sen embargo, o que atesoramos son meras bagatelas, banalidades, nimiedades que nos levan a desposuírnos de nós mesmos, na medida en que posuímos cada vez un maior número destas. Esta sobrecarga de futilidades provoca que perdamos aquilo que si ten auténtico valor, isto é, fai que nos extraviemos. Ao final acabamos identificándonos e sendo só o que temos, a suma dos nosos presentes, e deste xeito, ao non superalos, diluímos a nosa personalidade e a nosa forma de ser entre aquilo que conservamos que pasa a converterse no que dá sentido a nosa vida, en lugar de ser un mero apoio para a construción da mesma.
O proceso conleva a que acabemos disipándonos entre as cousas, literalmente vendémonos a cambio das nosas posesións (vendemos o noso tempo para poder gañar con que mercar cousas, ou vendemos a nosa intimidade e o noso pensamento -chámanlle datos- nas redes dixitais para poder usalas). Somos mercados polo capitalismo que nos empuxa a entrar no seu territorio e a que nos despoxemos da nosa humanidade, da nosa personalidade, invitándonos (habería que matizar que significa esta invitación e a posibilidade de rexeitala sen realizar esforzos de titáns) a autocousificarnos.
Esta autocousificación voluntaria prodúcese a base de gardar, de ansiar gardalo todo. Nomeadamente, e xa que estamos nos tempos da informática e das comunicacións, estamos a substituír as cousas físicas (que seguimos amontoando, aínda que sempre son limitadas e nelas a acumulación devén dun permanente intercambio de obxectos de usar e tirar) por outras dixitais e así almacenamos miles de Tweets, de comentarios de Facebook, de seguidores, de Like, de fotos (propias e alleas), de mensaxes, de contactos... Todo é sobreexposición, sobreactuación, perda de referencias, onde o desproporcionado peso do que imos gardando acabará esmagándonos e, dende logo, nalgún momento fracturará algunha parte de nós, porque somos memoria, pero tamén esquecemento.
A situación na que nos atopamos parécese á descrita por aquel conto no que o rei ordenaba aos topógrafos do seu reino que lle fixeran un mapa a escala real do seu territorio para poder observar todos os detalles do mesmo. Efectivamente, estamos a construír un mapa, non físico -o que nos parecería desproporcionado e absurdo- pero si dixital e temporal a escala case real da nosa propia vida. Non queremos deixar que se perda ningunha imaxe, ningún comentario, ningún momento, por banal, repetitivo e cotiá que sexa o que nos pasa, pretendendo que nada pase (nin facemos nada, nin estamos dispostos a perder esa ‘nada’ -de novo, un termo cunha ambivalencia para pensar-) e que todo permaneza. Que diferencia con aqueles tempos nos que as imaxes e os comentarios que se gardaban tiñan que ter unha relevancia especial!
O malo do contexto actual é que viciamos a perspectiva e que canto máis acaparamos máis nos desprendemos de nós mesmos: non logramos ver a realidade que temos diante ao delimitala e filtrala coas nosas cámaras; non conseguimos controlar as nosas posesións nin materiais nin dixitais, mercando permanentemente e amoreando detalles inanes do que nos pasa; e, non somos quen de vivir a nosa vida por ter que actuar sobre ela como presuntos narradores que lla contan a outros para que a axexen deformándoa en función dos receptores.
É sobreacumular a nova escravitude?

Publicado no Progreso o 4-8-2018

1 comentario:

  1. Para Byung-Chul Han vivimos nunha sociedade de autoexplotación!
    O ser humano tense convertido en “verdugo e vítima de sí mesmo”
    Pero supoño que se somos "conscientes" aínda podemos tentar sair do labirinto...

    ResponderEliminar