Mar Carballo Cela
Comprendemos facilmente que se banalizamos o uso dos fármacos e os
utilizamos frivolamente na nosa vida diaria como simples fontes de pracer e
divertimento, estamos entrando no ámbito das adiccións, da perda de liberdade,
da banalización da nosa existencia; en cambio, percibimos con maior dificultade
que iso é exactamente o comportamento que nos están inducindo con respecto ó
uso da tecnoloxía.
O capitalismo, sempre ávido de novos mercados, ábrese paso na industria
tecnolóxica e, para iso, debe converternos en consumidores adictos ás máquinas.
Xa pouco importa o que ofrezan os novos aparellos, o simple feito de ter un nas
mans e entreterse co seu funcionamento e xa unha fonte de pracer e
satisfacción. Asombrámonos ante o feito de descubrir unha nova aplicación sen
pararnos a analizar se o que nos ofrece é realmente importante para a nosa
vida, e pensamos, erroneamente, que debemos sucumbir ante ela debido ó
inevitable da nova era tecnolóxica.
“Velocidade”, “inmediatez”, “conectividade permanente”, “todo ó alcance da
nosa man nun simple clic”….son slogans que nos venden como valores en si
mesmos, e conseguiron que os asumiramos sen cuestionalos. O resultado: unha
sociedade cada vez máis ensimesmada, atenta ás pantallas, frívola, narcisista,
idiotizada e saturada de información irrelevante. “Novidoso” non é sinónimo de
“mellor”, pero a industria manda tecnificar ó máximo as nosas vidas ata o
absurdo.
E aí nos atopamos, repetindo mecanicamente o discurso imposto polo mercado,
temendo ser tachados de resistentes ó progreso cando, en realidade, non somos
máis que amplificadores da súa publicidade.
É propio da nosa especie idear ferramentas. Cada unha delas cambiou, en
maior ou menor medida, a nosa relación co mundo e a percepción que temos del;
pero este non é un argumento que xustifique o avance tecnolóxico sen límites.
En decidir os límites, precisamente, está a cuestión: Ata onde resulta
beneficioso incorporar a tecnoloxía ás nosas vidas? A lóxica do mercado non se
ocupa deste tipo de cuestións, a súa é unha lóxica imperialista, que avanza
colonizando calquera aspecto da nosa existencia que xere beneficios. Silicon
Valley non entende de límites.
Publicado no Progreso o 20-10-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario