M. A. Martínez
Que difícil resulta
pensar, pensar en algo! Con coherencia, rigor, un mínimo de orde e mirando para
a verdade. Pensar algo no relativo á política, economía, sociedade. Pensar o
que atinxe ás relacións cidadás, laborais, persoais. Pensar no lexítimo, xusto,
equitativo. Pensar, tamén, o bo, preferible, razoablemente desexable. Por que?
Adóitase dicir que as cabezas están baleiras. As mentes baldías. Que, por
exemplo, as tecnoloxías relevan o pensamento individual e os grandes centros de
pensamento producen o que resulta útil pensar. Afírmase, tamén, o contrario:
que nunca tivemos unha cantidade de informacións e unha calidade de
coñecementos tan sorprendentes e contrastados. Que gozamos das xeracións mellor
formadas da historia da humanidade. Que a capacidade destas xeracións deixa
abraiados aos que son incapaces de elaborar unha mínima idea. Mais, que hai de
certo en todo isto?
O pensamento de cada persoa é un feixe de cousas variadas: imaxes, frases
feitas, lugares comúns, estereotipos, clixés, tópicos, convencións. Unha
mixtión onde todo está ao mesmo nivel, mesturado nunha especie de borrón, unha
mancha sen límites. A súa funcionalidade é clara. Eses garabatos de pensamento
“axudan” a entender o que acontece, a integralo nun “todo” con sentido e
“adaptarse” ao estado de cousas. Serven para capturar a realidade nunha rede na
cal a persoa se sinte en casa, nunha contorna familiar, segura, non estraña.
Aínda que, con frecuencia, eses trazos non representen nada e, por esta razón,
poidan dar sentido a calquera suceso. Malia que sexan confusos e
contraditorios, e se fagan pasar pola auténtica realidade. Dá igual. O
individuo cre estar no real, non na confusión. É o seu efecto principal:
producir unha crenza, unha certeza fideísta, un convencemento inequívoco. Cada
persoa ten a fonda convicción de que iso é o seu pensamento propio, único,
singular. E, ante todo, a realidade. A realidade de verdade. Sen dúbida.
Os anteditos hábitos de pensamento
prenden, e agroman, na pasividade e a reacción. Pasividade e reacción que, por
ser involuntarias, fanse pasar por sentido común e, tamén, exercicio de
protesta. Con outras palabras: son un tipo de pensamento que se presenta como cega
aceptación (que reafirma o real) e forza rebelde de negación (carente de
crítica), respectivamente. Esta duplicidade (aceptación irreflexiva, negación
sen crítica) é un serio obstáculo para o pensamento. É a liña que dá unha
figura ao tempo presente desde un pasado histórico moi achegado.
En primeiro lugar, a
herdanza dos hábitos de obediencia e submisión, aceptan e, inclusive, reclaman,
que calquera posición de pensamento sexa ocupada por un significante supremo.
Cal? A decisión unívoca, unidireccional. De quen? Dun portador inquebrantable,
firme. Un puro signo sen significado nin fendas, sen quebras nin dúbidas. Isto
é, sen contido de verdade.
En segundo lugar, as rutinas de oposición e antagonismo, devecen por
substituír o significante antigo por un novo. Cal? A decisión equívoca,
multidireccional. De quen? Dun rostro orixinal, inédito. Isto é, outro
significante sen significado, unha aparencia de participación, un simulacro de
desexo e a súa satisfacción. Dito outramente: sen vontade de veracidade. As
persoas non tratan de aprender novas prácticas (de pensamento) e poñer a
circular novos pensamentos (da práctica), senón de cambiar os portadores
conservando espazos de obediencia e rebeldía (en realidade, intercambiables). O
obxectivo é manter vixentes os procesos de pensamento baseados na pasividade e
na reacción.
Para pensar algo
verdadeiro, e con vocación de veracidade, hai que comezar por cortar e
baleirar. Cortar co “naturalismo” da necesidade de buscar un regra verdadeira
que obedecer. Baleirar o “espontaneísmo” que atribúe veracidade ao máis recente
polo simple feito de selo. Desta maneira, pódense tornar explícitos os
compromisos tácitos e as falsas tolerancias, as fortes inclinacións a ceder ás
vías únicas e, tamén, á multilateralidade.
De ser certa a devandita descrición, pensar é o resultado dun esforzo, dun
gran desvelo por disipar o desconcerto, poñer orde na desorde e reducir o caos
disfrazado de certeza. Pensar é unha inquietude que principia por un borrado,
xa que logo, unha supresión. Pasar pola peneira da reflexión calquera parecer e
opinión investida de razón. Isto é, antes de poñerse a pensar en algo, no que
sexa, a persoa debe desfacerse de ideas completamente feitas, pensamentos
redondos e sentidos fáciles.
Restituírnos a nós mesmos
é lograr pensar. Insinuar que máis alá do pensamento do xefe (que todo o
impregna) e mais acá do aparente pensamento da masa (que tende ao gozo), aboian
xestos, apoderamentos, arranxos, nas ondas irregulares das conversas. Mostrar
que máis alá dos monólogos narcisistas da propaganda, e máis acá dos diálogos
delirantes da mercadotecnia, hai marxe para a influencia e o significado. Isto
é, un espazo público para os feitos verdadeiros e a vontade de veracidade.
Velaquí o principio do pensar. E da emancipación.
Publicado no Progreso o 13-10-2018
________________________
No hay comentarios:
Publicar un comentario