martes, 2 de octubre de 2018

Sociedade e desexo


José Domingo de Prada
 
Parece estraño que sociedades tan complexas como as nosas que tecen permanentemente intricados labirintos de relacións, significantes e interpretacións potencien de forma tan convulsa o desexo nos individuos, pero esta é a situación na que nos atopamos. As primeiras sociedades capitalistas defínense a través do traballo e moven aos individuos pola necesidade, en cambio, as actuais fano a través do desexo e móvense por sedución.
Que sociedades formais, regulamentadas e sometidas a cambios permanentes semellen compatibles co desexo resulta aínda menos comprensible se se atende á orixe do termo. O desexo é cuasi  subversivo, berce da libertinaxe, nace arroupado pola preguiza e a ociosidade e, ademais, é instigador da libido ou do apetito sexual. Nun primeiro momento o seu  significado facía referencia á vagancia, á inmobilidade, á quietude. Este é o sentido etimolóxico do termo que procede do latín DESIDIUM –‘ociosidade’, ‘libidum’-, o cal, a súa vez provén do étimo DESIDERE –‘permanecer sentado’, ‘deterse’-. Quen permanece sentado e non fai nada anhela e bota de menos aquelo que non consegue -aí xorde o desexo- e paradoxalmente cando nos poñemos en disposición de lograr o que pretendemos, o desexo desaparece, arrasado pola actividade que permitirá, ou non, obter o que nos propoñíamos.
Así, o desexo devén conciencia do propio fracaso, conciencia da imposibilidade de acadar o desexado, por dicilo con palabras de Ortega y Gasset. Ante este,  opón o filósofo madrileño o querer, a determinación da vontade para poñer os medios que fagan real algo. Continúa deste modo a liña clásica que separa desexo e querer, e que sitúa no querer a vinculación coa vontade e en cambio o desexo enlázao coa insatisfacción.
Cando Jacques Lacan analiza o desexo observa como este se despraza continuamente dun obxecto a outro para así preservar permanentemente algún obxecto de desexo. Non pode darse un cumprimento do mesmo, pois neste proceso de desprazamento queda aberta a propia imposibilidade de conseguir o que desexamos.
Estes elementos poden permitirnos entender como estas sociedades hiperactivas e da multitarefa acaban por este camiño sendo tamén sociedades desexantes e só cabe explicalo dende os propios intereses internos das mesmas. O continuo desprazamento, a necesidade de vender o producido, a imperiosidade do consumo para a supervivencia do sistema fan que o desexo se converta no eixe das nosas vidas. Non queremos, senón que desexamos aquelo que nos vén inducido pola publicidade. Sabemos e temos plena conciencia de que non poderemos obter todo o que nos seduce, e permanecemos impasibles ante moitos dos nosos desexos -literalmente permanecemos ‘sentados’- entendendo aquí o desexo como ensoñación irrealizable. En cambio, si conseguen que nos movamos e superemos o desexo para convertelo en querer noutros casos, e así activámonos na procura dos obxectos que os provocan. Velaí o extraordinario logro da publicidade.

Publicado no Progreso o 29-9-2018


No hay comentarios:

Publicar un comentario