Xosé Ramón Cando
Adoitamos dicir que a esperanza é
o último que nos queda, se cadra facendo referencia, mais ou menos
conscientemente, á caixa de Pandora da que saíron todos os males pero na que,
agachada no fondo, quedou precisamente a esperanza que nos debe axudar a
soportalos. Non coincide nas bondades da esperanza o filósofo francés
Comte-Sponville que afirma que “quen espera a vitoria xa está vencido (como
mínimo polo medo a ser derrotado). Tan so quen nada espera vive sen temor. E
esta falla de temor vólveo difícil de vencer e imposible de someter. É posible
privalo da vitoria, pero de ningunha maneira se lle pode privar do combate”(1).
Esta introdución permítenos
conectar con outro artigo anterior no que facíamos referencia a que acotío renunciamos
a actuar, movidos pola esperanza nunha intervención allea que ten que ver coa
falsa percepción da nosa propia incapacidade. Á reflexión sosegada sobre esta
presunta incapacidade permítenos achegarnos á verdadeira natureza da realidade
na que existimos, decatándonos de que a convivencia e as súas normas son
produto da actividade humana (da nosa actividade), de que a estrutura política
na que desenvolvemos a nosa vida é igualmente produto do noso actuar e de que a
organización da actividade económica é así mesmo resultado do que a sociedade
desexa (o que nos queremos que sexa), chegando á conclusión de que se non
estamos satisfeitos con estes produtos nosos, sempre nos queda a opción de
cambialos.
Non é posible realizar estes
cambios coa forza dun so ser humano, precísase o concurso de sociedades
constituídas por tecidos asociativos que articulen a participación dos membros
das mesmas. Cunha sociedade destas características sería mais difícil destruír
o estado de benestar que estaba a construírse dende hai mais de cen anos. Cunha
sociedade destas características sería mais difícil que se tivesen que
transferir recursos pertencentes a pensionistas e parados aos usureiros que
chantaxean ao conxunto da sociedade. Finalmente, cunha sociedade participada
polos cidadáns, non teríamos que aceptar que centos de miles de persoas,
temporal e involuntariamente sen recursos, se vexan obrigadas a abandonar as
súas vivendas, desafiuzadas por entidades bancarias que, por outra banda,
reciben cantidades inmensas de recursos da propia sociedade…
Se a presión exercida por unha
sociedade articulada asociativamente non é suficiente para producir os cambios
que vimos mencionando, esta sociedade dispón dun recurso que historicamente se ten
mostrado extraordinariamente efectivo, especialmente en contextos (mais ou
menos) democráticos, a desobediencia civil. Esta ferramenta empregárona Gandhi
e Luther King, concienciando e liderando as súas respectivas sociedades coas
que se enfrontaron, pacificamente, a inimigos dotados dun poder considerable
e determinados a utilizalo.
Parece, logo, que se queremos
construír estruturas políticas e económicas que estean ao noso servizo (do conxunto da sociedade)
non resulta moi efectivo esperar que tal cousa se produza en virtude do seu
propio dinamismo ou da intervención do santo patrón do ramo correspondente,
mais ben teremos que tomar conciencia do poder do que dispón unha sociedade
participada polos cidadáns e facelo valer de maneira pacífica e democrática
pero coa firmeza e a causa esixe.
___________________________
(1)COMTE-SPONVILLE, André: El alma del ateísmo. Paidós. Barcelona 2007. pax.18.
Publicado no Progreso o 24-11-2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario