miércoles, 25 de diciembre de 2013

A xustiza dos xustos



José Domingo de Prada

      A xustiza é complexa, escorredía, indefinible, fluída, irrealizable, volátil. A xustiza é un enramado feble, como unha tea que fixeramos sen entrelazar os fíos. Manterase fermosa mentres estea no tear, pero cando intentemos sacala para lucila desfarásenos entre os dedos. A xustiza só vale como utopía, como referente, como ideal ou como marco teórico de acción.  É difícil saber en qué consiste a xustiza, e calquera que afirme ter claro o seu significado, delata que non ten pensado moito sobre ela.
      Si que parece máis sinxelo decatarnos da inxustiza, de falta da xustiza, porque a súa ausencia mostra un baleiro, un desacougo, unha traba, algo que, ou ben falta, ou non está como debería.
      Se facemos unha analoxía entre a idea primixenia de xustiza e a que temos hoxe, atopamos algúns paralelismos que poden botar algo de luz sobre ela, salvando os matices incorporados tras máis de dous mil cincocentos anos.
      A xustiza grega, a DIKÉ, xorde no ámbito da realidade material. Expresa a orde das cousas, a súa medida e as súas relacións. Este sentido material e xenérico da xustiza emparéntaa co concepto de ‘cosmos’, que tamén significa ‘orde’. Enfrontada coa xustiza está a HYBRIS, que significa inxustiza, falta de medida, desorde, exceso, ruptura do que debería ser. Ponnos no camiño do ‘caos’, da desorde.
      Co desenvolvemento do concepto de DIKÉ no ámbito social se ampliará aos campos ético, político e legal. A xustiza seguirá balanceándose entre a orde e a desorde. É xusta a orde, inxusta a desorde. Cando unha sociedade está organizada, será xusta a orde actual, e inxusta calquera desestabilización da mesma. Atendendo ao sentido social do termo, HYBRIS significará soberbia, ruptura do establecido, e, polo mesmo, desmesura. Mais, se xa hai problemas para establecer a orde natural, presuntamente obxectiva, estes medran e os desacordos multiplícanse, cando hai que decidir sobre a orde social, absolutamente subxectiva.
      No momento de establecer a xustiza, as sociedades, fanno idealizando un modelo, que pode saír da tradición, da forza, da relixión, do consenso. O modelo escollido establece a orde, o xusto; o que se separa do modelo é inxustiza, soberbia, e debe ser castigado. Así, os distintos códigos, non nos dan a verdade, nin sequera a xustiza, senón a orde social imperante, -ás veces a que desexamos e non temos-. E, sobre todo, danlla ao seu brazo executor, a maxistratura, para que poidan castigar calquera quebranto contra esa orde. A quen non hai que castigar é ao xusto, ao que cumpre a lei, é dicir, ao que está de acordo con esa orde social imperante.
      Coma hoxe temos xustificacións moi febles da orde social e calquera modelo semella ser válido só dun xeito provisorio, a xustificación da xustiza vese moi debilitada. O labor dos seus brazos executores problematízase, e, con frecuencia, cuestiónase. Isto faise especialmente relevante nos casos nos que os xuíces xulgan (ou os lexisladores lexislan) desde perspectivas abertamente ideolóxicas, de clase, relixiosas, sociais ou persoais disociadas das da sociedade.
      Ademais, se o xuíz xulga desde a posición do que cumpre a lei por convencemento (de calquera tipo, incluso por convencemento moral ou legal) será ríxido en extremo. Esta rixidez puido valer noutras sociedades -nas coercitivas, que impoñían a lei ‘a sangue e lume’-, mais na nosa non é válida porque, carente de conviccións fortes, cúmprese coa lei por mera conveniencia.
      O xuíz ten que xulgar desde a legalidade provisoria na que vive, desde a incerteza que implica a aplicación da lei que ten diante. O peor que lle pode pasar a un xuíz é crerse xusto. O xusto ou é o voceiro de Deus, da ideoloxía, do poder, dos opresores ou dos ricos. O xusto ten claro todo o que fai, sabe quen é o seu amo e cal é o camiño recto para servilo. Xulgará aos máis en función dese camiño. O problema do que se cre xusto é que non admite camiños paralelos ao seu. Por iso non debe xulgar os demais, pois pon por diante o seu recto camiño.
      Hoxe xeran lei e xúlgannos moitos xustos (e xustas -non imos empregar sempre o xenérico inclusivo-) e ese é o problema, pois a xustiza do xusto é inxusta.

Publicado no Progreso o 22-12-2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario