Gonzalo Pérez López
Unha mañá dun día calquera de novembro,
como tantos outros días dende que comezou o
inverno moral neste país, érgome apesarado e con ese pouso de tristura
de fondo que che deixa o desolador panorama que nos rodea, resultado do
progresivo e imparable deterioro ou desaparición, sen máis, de dereitos
sociais, cuxo recoñecemento supuxera o sacrificio de tantas e tantas xeracións.
Paro, especialmente de xente nova, privatización, encuberta ou explícita, da
sanidade pública e universal, potenciación do ensino privado en detrimento do
público, aparcamento sen condicións axeitadas de atención de dependentes,
administración de xustiza só para ricos, miles de persoas durmindo na rúa e un
interminable cúmulo de realidades
cotiás, expresión evidente da exclusión e da inxustiza que pasaron a formar
parte da paisaxe social deste país.
Sen convicción, e por pura inercia,
abro o xornal e navego polas procelosas augas das noticias que non son tales:
máis risco que prima, “banco malo” (pero, hai bancos bos?), ameaza de
temporal, parece que esta vez
meteorolóxico e moito máis levadeiro que o tsunami dos mercados, éxito da
reforma laboral expresado en ERES, cunha única erre e con maiúscula
(desvergonza, claro), ata que, de súpeto, tropezo co anuncio da publicación, a
escala planetaria, doutro libro do sumo dirixente da igrexa católica no que
ofrece unha das súas habituais contribucións ao desenvolvemento da ciencia
contemporánea e que desmantela dunha sentada boa parte da miña iconografía
infantil. Resulta que nin a mula nin o boi formaban parte, como faunísticos
notarios, do milagroso nacemento de Belén e, aínda máis, tampouco existiu a estrela que se dicía guiara aos Reis Magos ao portal. Así as
cousas , non podería ser que, no futuro, se confirme a plausible hipótese de que esa confluencia de monarquía
e maxia non ten correspondencia real e me quede tamén sen reis neste vendaval
iconicida?
Superado o primeiro impacto, tento
orientar a mente cara a pensamentos positivos e paso a valorar a achega papal á
ciencia actual dende unha perspectiva pluridimensional: etnografía, zooloxía,
historia e antropoloxía son algunhas das disciplinas que se ven enriquecidas, á
vez que se abren novas vías de investigación cara ao benestar da humanidade.
Pero lonxe de evadirme, invádeme, por
asociación, a presenza daquela escenografía da nenez: o imaxinario críptico,
aportado pola igrexa, a base de reis, estrelas, fauna variada, e aquel San
José, cun papel inconsistente e diluído para aquela España machista no marco da
ditadura , con fame e frío externo e interno, con medo e falta de liberdade
para poñer de manifesto o obvio: a inxustiza que o inundaba todo, co silencio
cómplice da todopoderosa institución eclesiástica franquista.
E pasaron anos e décadas, o país
accedeu á democracia formal, que non á real, e a igrexa como institución
mantivo intacto, coa aquiescencia dos sucesivos gobernos de Madrid e da
periferia, o seu extraordinario poder. E nestes último anos, ata que a dereita
-límite recuperou o goberno, encabezada polos seus máis egrexios xerarcas, saíu
reiteradamente á rúa en manifestacións amplificadas polo eco dos corifeos do
coro mediático que a alimenta. Pero non reclamaba un cambio radical do sistema
económico dominante, que fomenta a inxustiza social como parte esencial do
mesmo, senón que pedía restricións de dereitos de persoas e grupos, eliminación
da educación cívica da escola e incremento dos seus enormes privilexios. Situado no poder o partido que mellor pode garantir o cumprimento dos seus
caprichos, a igrexa retírase aos cuarteis de inverno e, quente e allea ao
sufrimento da xente, repite o silencio cómplice, sen acción nin palabra
solidaria, nin sequera a máis tenue crítica á mentira que, como parte inherente
a súa acción política, practica o goberno actual.
Por iso, neste escenario social
espantoso que nos tocou vivir, onde as persoas son números suxeitos ó
mercantilismo radical e a súa dignidade non é a súa esencia irrenunciable senón
un adorno a eliminar, adquire a súa real dimensión este libro do xefe do
Vaticano.
Sen embargo, parece que non se nos
esborralla todo e que se pode albiscar unha vía para o optimismo, xa que,
segundo entendín, aínda se mantén o presebe . Quédanos o presebe!
Publicado no Progreso o 15-12-2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario