Mar Carballo Cela
Non te empeñes en ser o que non eres, senón en acadar o que eres” . Este
podería ser un consello de calquera dos moitos filósofos clásicos que
recomendaban a autenticidade como base de calquera vida feliz e digna de ser
vivida; pero é do economista e escritor contemporáneo José Luis Sampedro,
dunhas anotacións publicadas de maneira póstuma baixo o título “La vida perenne”.
Sempre estaremos necesitados de quen nos recorde o difícil pero acertado
camiño de chegar a ser o que un é, porque os extravíos dos intereses
minoritarios que se impoñen na nosa época ameazan continuamente con
converternos en seres frustrados, insatisfeitos na carreira por acadar cada vez
máis, por demostrar cada vez máis, e olvidarnos do que realmente somos: seres
fráxiles, mutuamente dependentes, que para ser libres e felices necesitamos da
liberdade e a felicidade de tódolos demais. Neste sentido afirmaba tamén
Sampedro que vía ós homes moi empeñados en ser máis, pero non en ser mellores,
o cal nos leva a olvidar que unicamente desde o perfeccionamento interior
podemos construír un mundo máis amable.
A filosofía en si mesma é unha invitación a ser auténticos e mellores:
auténticos (authentés: dono absoluto de si mesmo), porque nos anima a pensar
por nós mesmos, a ser fieis á busca da verdade, do que realmente somos, libres
de coaccións e intereses alleos; e mellores, porque esa necesidade de buscar a
verdade só pode xurdir en espíritos que ansíen perfeccionarse. Así comezou iso
que decidimos chamar "amor á sabedoría", con xente que se enfrontou
ós mitos, ás tradicións e ás máscaras que outros lles impoñían impedíndolles
incluso o coñecemento de si mesmos.
A auténtica revolución consiste nun cambio de perspectiva interior, nesa
invitación constante a querer comprender o que somos e o que necesitamos. Pero
isto obríganos, como individuos e como sociedade, a estar nunha deliberación
permanente, nun exercicio crítico constante; como se non podemos ir facendo
fronte a cada nova circunstancia?, como se non podemos concretar en que
consisten esa liberdade e esa felicidade?
O lema socrático "coñécete a ti mesmo" segue sendo o punto de
partida por excelencia: Qué outra maneira temos de saber o tipo de relación que
debemos manter co noso entorno natural e social se non é desde o coñecemento do
que realmente somos? Se asumimos as identidades impostas, nunca poderemos
chegar a descubrilo.
É por iso que, como dicía Nietzsche, a filosofía debe ser sempre un
pensamento intempestivo, que alce a mirada máis alá da oficialidade da súa
época. Facilitar esta actividade e educar no seu exercicio só pode ser un
síntoma de sociedade saudable.
Publicado no Progreso o 30-4-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario