viernes, 27 de mayo de 2016

Manolo de Riba



Xosé Ramón Cando Vázquez

Finou Manolo de Riba, un home ao que, coma a outros, a historia deparou a oportunidade de ser útil á sociedade dende o liderado. Algúns declinan dita responsabilidade pero, afortunadamente, moitos outros asumen ese rol nos seus diversos niveis de responsabilidade. Manolo puido seguir a vivir como a maioría, como se viña facendo decote ata ese intre, puido emigrar como fixeron algúns dos seus antepasados e mesmo  varios dos seus coetáneos  pero el non quería marchar e sentía que era posible mellorar as condicións de vida na terra.
Na aldea, coma en tantas outras  aldeas, non existían tractores pero o noso protagonista caeu na conta de que o tractor era ferramenta imprescindible para saír do círculo de economía de subsistencia vixente; tendo clara esta conclusión encamiñouse de maneira perseverante, moitas noites de insomnio incluídas, a acadar o obxectivo de ter un tractor que, finalmente, conseguiu porque alguén lle contou que en Trabada se vendía esa xoia de segunda man que, despois de obter emprestados os cartos que precisaba, puido adquirir.
Xa está o tractor na aldea, agora preséntase outro problema, as corredoiras de carros existentes non permitían transitar este novo vehículo, polo que Manolo conseguiu que o Sr. Alcalde (pre-democrático) comparecese para avaliar a situación, co resultado da doazón dunha pequena axuda para pagar o transporte da pedra que a veciñanza debería extraer na canteira e igualmente debería estender e desfacer para acondicionar camiños que cando se podía, dada a boa vontade dos propietarios, se facían mais anchos.
Agora xa se pode empregar o tractor, xa se pode acceder a boa parte das fincas pero estas non eran moitas e estaban dispersas de aí que a nova xeira consista en mercar algunhas leiras susceptibles de  apezar coas da casa co obxecto de optimizar o rendemento da mencionada ferramenta que, por outra banda, pasa a ser empregada en masa á vista da mellora no labrado das terras e no transporte de mercadorías.
Pero Manolo que contempla a Colonización levada adiante na Terra Cha, entende que o sistema tradicional de estabulación do gando en cortes repartidas pola  vivenda e en alpendres adxacentes non é adecuado e, sobre todo, non é rendible, polo que é un dos que encetan a construción de cortes (que chamarían “cuadras modernas”) de cemento nas que as vacas están suxeitas polo colo diante de comedeiros corridos. Agora o gando non está destinado ao autoconsumo coa venda ocasional dalgún xato, o que parece que vai permitir entrar nos circuítos comerciais e facilitará o acceso a liquidez económica será a produción de leite, actividade que se estenderá pola aldea, favorecendo deste xeito o éxito económico da mesma.
Encamiñada a vertente económica, toca agora a mellora da vivenda, neste senso, e tendo participado unha década antes na consecución da electricidade, Manolo inicia a excavación dalgún pozo cuxo manancial é escaso para o obxectivo de instalar auga corrente. Isto conseguirase cando se asocien varios veciños e constrúan unha traída, feito pioneiro na aldea (o da auga corrente).
Para que se teña producido o tránsito da aldea e, en xeral do rural galego, dende a idade media ata o século vinte e un tiveron que existir moitos líderes coma Manolo de Riba e moitos veciños que os acompañaron con intelixencia, confianza e sentido de que o común facilita o propio. Probablemente se poderá dicir que non é a mentalidade comunitaria a característica que mellor define o rural galego, pero mais alá deste estereotipo, existe unha tradición ancestral de defensa do colectivo en canto supón de imprescindible e, aínda mais, cando  resultan evidentes as vantaxes da cooperación e líderes confiables, a resposta social e positiva.
Cabe preguntarse se esta epopea (grande para a xente implicada) sería posible hoxe en día e responderse que non porque xa non existe masa crítica de cidadáns e cidadás nas nosas aldeas que a poidan desenvolver pero tampouco non existen as canles comunitarias que faciliten a xuntanza e a exposición de proxectos individuais que poden ser comúns. Esta carencia é perfectamente extensible ás vilas e ás cidades e está na base da inconsistencia da chamada sociedade civil, condicionando de xeito radical o escaso interese e a febleza da batalla polo común, circunstancia que non desaproveitan os partidarios do individual por enriba de todo e de todos.

Publicado no Progreso o 16-4-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario