M.A. Martínez
Un dos trazos que distingue á sociedade moderna (no Renacemento) fronte á
anterior (do Medievo), é o interese por acadar a autocomprensión de si mesma.
Coñecer a súa singularidade e a época histórica que inauguraba, era unha
preocupación importante. O seu obxectivo: entender, e facerse cargo, do rumbo
da historia. Nos séculos seguintes esta preocupación impulsa achegamentos
variados. A sociedade autocualifícase de burguesa, de clases, industrial,
liberal, democrática, nacional, cosmopolita. Tamén se exploran os seus
reversos: sociedade alienada, de masas, disciplinaria, imperialista, entre
outros. A día de hoxe aínda se considera relevante lograr unha fotografía
completa. A sociedade descríbese a si mesma como posmoderna, do risco, da
información, comunicación, innovación, da seguridade e o control, posfordista,
da globalización, das redes. Os cualificativos seguen a medrar. En que
contribúe isto á autoconsciencia social?
O sociólogo Niklas Luhmann (1927-1998) estudou en que consiste a
complexidade da sociedade: é a imposibilidade de relación dun elemento do
sistema con todos e cada un dos restantes elementos. Materialízase na
imposibilidade de construír unha imaxe clara, interna ao sistema, do propio
sistema. Dito outramente: toda sociedade é incapaz de elaborar unha
representación axustada de si mesma. A súa visión de si será parcial. Por
exemplo, cando se retrata a sociedade fálase realmente só dun subsistema, ou
dun dos seus elementos: económico, financeiro, político, artístico, educativo,
mediático, tecnolóxico, relixioso, científico, ou calquera outro. A sociedade
non é un suxeito como as persoas físicas. Para Luhmann calquera autodescrición
extráese dun momento social determinado e cunha función específica que non
resta clara para o público. Hai que renunciar, polo tanto, a autocomprenderse?
Quizais totalmente non. Hai un subsistema social que pode proporcionar un
debuxo precario, mais útil e audaz, dalgún aspecto das sociedades
contemporáneas: o teatro.
En 1944 Albert Camus tira do prelo a obra de teatro Calígula. O
emperador romano encarna nela os sensentidos e paradoxos do poder pero, sobre
todo, de calquera persoa común con vontade de dominación. Calígula
ama e despreza a vida por igual. Diante da morte e a infelicidade só encontra dous refuxios para vivir: a
lóxica implacable e o humor desproporcionado. É unha persoa calculadora,
desapiadada e cruel, que irrompe na historia acompañado do seu reverso: o
infantilismo, a irresponsabilidade, o impulso lúdico. Nel o desexo do imposible
tenta a palabra e a comunicación, mais arruína a paz social e a liberdade dos
outros. A liberdade absoluta de Calígula fracasa no intento, entre lóxico e
humorístico, de dar sentido a un mundo absurdo, no que a lealdade obsesiva a un
mesmo conduce á autodestrución.
É posible ter en conta as reflexións de Luhmann e Camus? En que poden
axudar? Se nas sociedades actuais as persoas non dispoñen dunha ferramenta
eficaz para conseguir a transparencia da total autocomprensión, as meditacións
de Luhmann e Camus poden ser un recurso para aprender prudencia e cautela,
ponderación e xustiza, nas valoracións, privadas e públicas, sobre nós e os
outros.
Publicado no Progreso o 23-4-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario