domingo, 7 de agosto de 2016

Depresión política



Gonzalo Pérez López
 
A existencia dunha relación entre estados deficitarios de vitaminas ou minerais e depresión, co seu correlato de tristeza, parece incuestionable. Pero, excluída a etioloxía orgánica, haberá que buscar outras causas que expliquen esta tristeza que me inunda. Só pode ser unha tristeza social e política por unha carencia ou déficit democrático. Por ser social, non por unha tentación egocéntrica, permítome a licenza de falar aquí da miña tristeza, por se algún hipotético lector, integrante do todo social, tamén a puidera padecer.
Este estado anímico que sufro tivo un pico de intensidade a raíz do desenlace das últimas eleccións, expresión dun estado carencial democrático que arrastramos desde aquela inconclusa transición que foi cernando ata hoxe as lexítimas aspiracións a organizar a convivencia dun xeito máis racional e xusto.
Falar de Transición esixe falar de franquismo sen Franco, pero non só dos exhibicionistas nostálxicos, que algúns deron en catalogar como "residual" para minimizar o impacto, senón doutro que incide na nosa vida cotiá e que fai que aquel "atado y bien atado" garantido polo ditador hai case medio século, teña unha vixencia patente na sociedade actual.
Un repaso dos apelidos relevantes en bancos e consellos de administración, reforza a idea de que os herdeiros daquel réxime seguen controlando a economía do país e a conseguinte toma de decisións políticas en prol dos seus intereses. Revístense dun pedigree falazmente democrático. Gaban o que chaman Transición, presentándoa como proceso histó- rico culminado e converténdoa en paradigma político. Denomínanse "constitucionalistas" sen que isto vaia máis alá dunha entelequia habilmente traducida, coa aquiescencia dos medios afíns, en orde e seguridade fronte un inimigo, inventado polos seus propagan distas, que quere dinamitar este estado de graza que gozamos. Isto ven confirmar que a transición (suponse que á democracia) está por consolidar e a constitución (tótem de papel) convertida nunha lousa inamovible para ocultar esa realidade que me sume nesta tristeza que describo.
Por iso, cando o aínda ministro de Interior saíu na xornada electoral falando da "fiesta de la democracia" sen ruborizarse nin provocar sequera un amago de indignación popular, sufrín un estremecemento que volveu sacudir as miñas entrañas de cidadán frustrado polo desprezo á intelixencia e á moral que supoñen algúns dos momentos estelares do encargado de velar pola liberdade e seguridade de todos: concertinas, asociación de refuxiados e terrorismo, patrocinio da coñecida como Lei Mordaza para frear as reivindicacións sociais, esperpénticas condecoracións ó mérito policial a imaxes de virxes e utilización espuria dos resortes do Estado, en conivencia cun xurista encargado de perseguir a fraude, para desacreditar a persoas por defender lexítimas opcións políticas non coincidentes coas súas. Non só non dimitiu, nin o cesaron, nin provocou a reacción democrática que cabía esperar, senón que a lista electoral que encabezaba incrementou os votos do partido.
Especialmente grave parece a aceptación da mentira instalada como práctica política e da onda expansiva da corrupción como elemento corrosivo da vida colectiva sen que supoña castigo social nin político, nin se albisca penal, para quen as practica con naturalidade.
Non menos deprimente resulta a asunción resignada de atentados á xustiza social como o recorte de dereitos e o incremento da desigualdade, combinados coa amnistía fiscal aos defraudadores máis ricos e a actitude dos que exercen de patriotas, ministro incluído, levando os cartos fóra e evadindo impostos en paraísos fiscais.
E apenas houbo reacción social ante a reforma da Ley de Enjuiciamiento Criminal que, vendida como axilización da xustiza, abre a posibilidade de facilitar a impunidade dos casos máis graves de corrupción ou a renuncia do goberno á Xustiza Universal por non incomodar ás grandes potencias.
E neste ambiente de esmorecemento social e atonía democrática desenvolveuse a campaña do mercado electoral, co cidadán convertido en público, na que o leitmotiv foi inocular un medo a un inimigo virtual que nos retrotrae a escuras etapas que parecían superadas. E o medo é precisamente a negación da liberdade.
Ademais, monarquía imposta, impunidade para os colaboracionistas coa ditadura e esquecemento e desprezo para os que se opuxeron a ela, mantemento das prebendas dunha igrexa enquistada no Estado, radiotelevisión pública ó servizo do goberno, intocable lei electoral, urdida polos que se reparten ciclos de poder, que propicia a infrarepresentación de boa parte da poboación, represión do dereito á autodeterminación dos pobos, colonización Usa, institucionalización do machismo e de discriminacións varias e unha casuística que non fai crible a separación de poderes, completan ese endémico déficit democrático, consentido durante décadas, que xustifica a depresión social e política que me invade.

Publicado no Progreso o 16-7-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario