domingo, 7 de agosto de 2016

Futuro anterior




M. A. Martínez
 
Desde o punto de vista dun espectador distante e imparcial a sorpresa das persoas diante do acontecer (ás veces chamado "Historia") resulta cómica se non tivese, con frecuencia, consecuencias negativas para elas mesmas. Para este espectador a inxenuidade do público diante do curso dos acontecementos sociais e persoais, é dunha candidez que oscila entre o risible e o arrepiante. O produto do cruzamento de ignorancia e mala fe soe ser un híbrido de dupla face: inocencia culpable. O noso espectador percibe que a xente estráñase dos acontecementos inesperados que os asaltan. Atender ao que o teatro e a filosofía descobren grazas ao futuro anterior é unha das maneiras remediar esta eiva. Tomemos dous exemplos.
En 1988 o novelista e dramaturgo Thomas Bernhard publica e estrea a obra de teatro Heldenplatz (Praza dos Heroes). Nela figuran algunhas claves do devir das sociedades europeas dos últimos anos: a quebra social, o ruxe ruxe da multitude, o desarraigo persoal, o odio á cultura, a presenza espectral pero real do pasado. En 1990 o filósofo Alain Badiou tira do prelo Rapsodia polo teatro. Breve tratado filosófico, unha meditación sobre o teatro e a súa forza didáctica, as complexas relacións co Estado e o público, a capacidade de revelación de verdades inaccesibles, impresentables. Bernhard e Badiou, con medios expresivos e reflexivos diferentes, esfórzanse por esclarecer o inesperado, o terrible, o irremisible que só pode aceptarse mercé á súa posta en escena. Dito outramente: encaixar o real sen facelo símbolo (linguaxe común), imaxinación (imaxe, ficción intercambiable).
Segundo o psicanalista Lacan, o real non é o imaxinario nin tampouco se pode simbolizar. Non é a realidade. Non é conceptualizable, imaxinable ou pensable. O real é o que na realidade aparece negado, reprimido, desprazado. É o que dá que pensar e facer. O real preséntase (no teatro, na filosofía) para que ninguén poida ignorar de onde procede a verdade do presente. Para que ninguén poida declarar que non sabía.
Un dos nomes do real é o acontecer, a Historia. A obra de teatro e a meditación filosófica sobre o teatro poden presentar o real na forma do "terá sido": o futuro anterior. Establecen o futuro anterior dun estado de cousas colocado á distancia que precisa o presente. O teatro pensa o tempo futuro no pasado, no pasado desde o futuro. Pensamento teatral e filosófico comparten método: son demostrativos, case matemáticos, non representativos. Esixen dos seus partícipes un esforzo de elucidación temporal non narrativa, non figurativa. O resultado é a clarividencia. E, por suposto, a non inocencia.
Odiar o teatro e a filosofía é denegar o real. Baixo a aparencia social de respecto á arte e á filosofía, hai unha forclusión diso real que produce a verdade insoportable, impresentable. Mais, como recordan Bernhard e Badiou, o retorno do forcluÍdo sempre acontece de forma alucinatoria e con consecuencias fatais para os suxeitos e as colectividades. Teatro e filosofía son agora moito máis urxentes na medida en que precisamos do futuro anterior para descubrir que é real no presente.

Publicado no Progreso o 25-6-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario