martes, 25 de octubre de 2016

Certezas



José Domingo de Prada

Para vertebrar o relato do mundo no que vivimos, do noso mundo, acudimos ás certezas. Vostedes que están lendo estas liñas, eu que as escribo, todos en xeral, construímos unha determinada imaxe do mundo en función das nosas certezas, as cales se configuran a si mesmas e configuran o mundo no que se desenvolve a vida do suxeito. Guíanse neste desenvolvemento polas necesidades -reais ou inducidas-, coñecementos e experiencias, expectativas, medos, desexos ou limitacións, ás que se enfronta cada quen. Isto se atendemos á perspectiva persoal, pero tamén as hai no plano social: tradicións, ideas integradas como evidentes, costumes, ameazas, prexuízos, dogmas, saberes non demostrados... erros, en suma.
As certezas son instintivas, describen mal o mundo, e precisamente por ese motivo non se someten á revisión racional, nin á crítica, nin á memoria. Sobreviven en nós -e na sociedade- a base de non render contas, non explicarse, non lembrar os seus fallos na interpretación da realidade, non recoñecer as deformacións que provocan e presentarse sempre como verdades inamovibles.
É máis fácil desmontar unha verdade que unha certeza, pois a verdade si se somete a revisión, asume a crítica, xorde da dúbida, da inquisición sobre o mundo, da ansia de saber. En cambio, a certeza é segura, obstinada, firme, tanto se acerta coma se erra.
Nós, os que vivimos nestes comezos do século XXI, somos suxeitos cargados de certezas e desposuídos de verdades. Abondosos de nós mesmos damos conta da realidade desde a superioridade de quen está nela, de quen cre que entende o mundo porque pensa con compracencia que o domina.
Consideramos que as novidades que constitúen a nosa vida son novidades absolutas, innovacións orixinais dun novo humano superior en coñecemento, técnica e desfrute da realidade.
A tendencia é mirar con certa soberbia ao pasado: ignorante, bárbaro e cruel. Vivimos convencidos das nosas bondades e iso nos fai cegos aos nosos defectos. Presos desta soberbia -hybris, dirían os gregos- repudiamos a procura da verdade pensando que é nosa e que está nas nosas certezas.
Aínda que moitos o neguen, a confusión do pensamento coa realidade está cada día máis presente no noso mundo, a separación entre a realidade e a ficción (ou realidade virtual como se lle denomina actualmente) cada día é máis difícil, e desa confusión se aproveitan os que estruturan a sociedade.
Fronte á certeza, a verdade é o relato que supera o que vemos, que descompón as opinións, que fura no mundo para profundar alén das apariencias e aínda que con dificultade, tratar de dar conta do que hai. A verdade require memoria, atención, comprensión, revisar permanentemente opinións e saberes, avanzar con calma, cartografar o mundo para poder entendelo.
En cambio, a certeza vai lixeira, deslízase sobre a realidade coma un patinador, foxe das paradas e dos compromisos e abóndalle con ver a superficie das cousas.
Como non nos van manipular? Desmemoriados, arrogantes, autosuficientes, carentes de curiosidade e fartos de seguridades, faltos de verdades críticas, pero cheos de certezas inducidas, sustentadores dunha técnica que admiramos e que nos domina, inconscientes, impulsivos, irracionais, volitivos... Poñémosllelo tan fácil coas nosas certezas aos que queren converternos nos seus xoguetes!

Publicado no Progreso o 22-10-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario