lunes, 24 de octubre de 2016

O erótico na sociedade que ven




Xosé Ramón Cando Vázquez

Dicía o vello Sigmund que era necesaria a represión dos instintos, a  través da sublimación, para o mantemento da estabilidade social. Esta operación psicolóxica non deixaría de ter efectos colaterais como el mesmo sinalaba en “o malestar a cultura”. Marcuse, entre outros, prestou moita atención a esta proposición freudiana e concluíu  que o que debía ser reconsiderado era a necesidade da represión dos instintos, propoñendo porén a liberación dos mesmos paralelamente a supresión do traballo alienado.
Dende a perspectiva desa vinculación entre represión instintiva e traballo (alienado) podemos estar a piques, en termos históricos, de crebar algunha algunha desas cadeas opresoras/represoras se temos en conta as seguintes consideracións:
a)         É coñecido que unha das principais fontes de represión instintiva está na necesidade de obter o máximo rendemento dos seres humanos entendidos como recursos económicos.
b)         É igualmente coñecido, e cada vez mais aceptado, o feito de que boa parte do traballo humano desenvolvido na actividade económica tende a quedar obsoleto e, razoablemente, a desaparecer.
c)         Coherentemente, de xeito mais pacífico ou mais violento, hase facer realidade unha sociedade en que, dada a súa escasa rendibilidade como recursos produtivos, os seres humanos escaparán, polo menos parcialmente, dunha das súas condenas bíblicas.
d)        Esa sociedade experimentará un considerable incremento do tempo de ocio e razoablemente do traballo non alienado (homo laborans de Marx). Efectivamente, o ocio non implica ausencia de actividade, o ser humano é axente, é transformador)
Hai un eido que resulta especialmente danado coa mencionada represión instintiva porque está no cerne do noso ser (homo eróticus?), o erotismo é quizais a parte do ser humano mais asoballada neste contexto produtivo á vez que o consumo de sexo se converteu nunha importante fonte de ingresos como sucedeu con todo o ámbito do desexo. As probas dese asoballamento témolas en nos e arredor de nos, a industria farmacéutica obtén moreas de cartos facéndonos o favor de fabricar as pílulas que conteñen o noso desexo diagnosticado como patoloxía (cantas neuroses!).
Se cadra chegou o momento de preguntarlle a Freud (mágoa de oráculo!) se tendo en conta as condicións desa sociedade que está por vir, mantén o seu criterio das urxencias represivas ou propón afrouxalas un chisco. É probable que, dada a escasa preocupación que ten mostrado polos aspectos socioeconómicos e considerando que a súa “sublimación” e o fundamento da ciencia, a filosofía, a arte e o dereito, peche de novo a porta á vivencia do erótico, á súa expresión xenuína e non, necesariamente, desviada a través de códigos filosóficos ou legais.
Parece evidente que entre as transformacións que se aveciñan por mor do que se adiviña como un cambio no actual modo de produción (Marx dixit)  están as que han de afectar ao noso ser erótico. Semella razoable subir un chanzo no que atinxe a afrouxar as cadeas da represión sen esquecer que conta cun aliado poderoso no mercado do sexo que adormece  o erotismo  no berce do consumo.

Publicado no Progreso o 3-9-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario