Elías Pérez Sánchez
Hai tan só uns días celebrouse o cabodano do que algúns demos en chamar ‘a
semana tráxica’ da cultura galega. A finais do mes de novembro do ano pasado
falecían, no intervalo de tres días, Xosé Neira Vilas, Esperanza Guisán Seijas,
Xosé Alvilares Moure e Xosé Chao Rego. Nada menos.
Xosé Neira Vilas, escritor e ensaísta, voz literaria do rural galego e da
emigración en tempos sombríos, personificou en Balbino, dun xeito maxistral, a
crúa realidade da Galicia rural nos tempos escuros da longa noite de pedra e de
inverno aterrorizada por aquela pantasma de espada e palio distinguida
literariamente como Atila.
Filósofa inasequible ao desalento, a Esperanza Guisán lle debemos a
introdución e difusión da filosofía utilitarista no ámbito universitario. De
prestixio internacional, fundou a Sociedade Iberoamericana de Estudios
Utilitaristas e a revista Télos. Feliz e xenerosa, en ocasións incomprendida
(muller nun mundo profesional dominado por homes, anglófila nun espazo
filosófico español fortemente xermanófilo e francófilo) transmitiunos a quen a
coñecimos o seu fondo vitalismo e a súa xenerosidade.
Xosé Chao Rego, entrañable crego obreirista, fraternal e solidario,
filósofo e teólogo transgresor e xenuíno dunha fe cimentada no pobo.
Cuestionado pola cúpula eclesiástica, levantou bochas cos seus ensaios rebeldes
e renovadores. Promotor das revistas Encrucillada e Irimia, o chairego foi un
símbolo para a nova Igrexa galega de base.
Por fin, Xosé Alvilares, teólogo e filósofo chantadino, era coñecedor como
poucos do pensamento filosófico. Sensible coa poesía e a literatura
comprometida, era posuidor dunha lucidez intelectual asombrosa a pesar da súa avanzada
idade. As súas conversas e os seus ensaios tiñan un intenso substrato ético e
social. En palabras do teólogo José Manuel Vidal, "quería unha Igrexa
menos parecida a unha axencia de cultos e ritos e máis construtora de
comunidade". Crítico, tamén, coa corrupción política á que propinou duros
ataques nas súas publicacións, foi especialmente combativo cunha Igrexa
clerical involucionista caciquil, clientelar e impositiva.
Inconformistas, moi a miúdo incomprendidas, ás veces esquecidas, estas
persoas deixaron, hai un ano, un profundo baleiro difícil de encher naqueles
que as coñecimos e nunha cultura como a galega antes tan prolífica como hoxe
escasamente fecunda. Para a cultura galega as súas mortes foron perdas
irreparables, porén, lembralas é un xeito de mantelas vivas. Quedan os seus
valores, os seus escritos, os seus exemplos de vida, a fortaleza do seu
compromiso, a súa vitalidade e valentía. Porque a morte nin pode nin debe ser o
final.
Publicado no Progreso o 10-12-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario