Xosé Ramón Cando Vázquez
Explicaba Rousseau que o concepto "vontade xeral", que define a
expresión democrática dunha sociedade, non debe ser entendido como a suma das
vontades de todos. O philosophe esixe
máis que unha vontade
conformada polo denominador común dos intereses de cada membro da sociedade, esixe que se asuma a categoría
de cidadán que neste caso consiste –nin mais nin menos– que en constituírse
como parte dun todo e comprometerse con ese todo, feito que a efectos prácticos
significa que a vontade de cada cidadán debe estar determinada, non polos seus
intereses particulares, senón polos do conxunto da sociedade, ou sexa, polo ben
común. Ben sabemos que esta é unha teima da filosofía antiga na que teñen
insistido tanto Platón como Aristóteles xa que só no benestar da polis pode
agromar a felicidade individual.
Vén de facer un mes que os galegos e as galegas participamos (en diversa
medida) nunha xornada electoral que expresou a nosa vontade de adxudicar a
competencia de gobernar este país ao Partido Popular, a expresión da vontade
dos galegos e as galegas foi absolutamente diáfana, un de cada dous electores
que exerceu o seu dereito ao voto manifestouse no sentido mencionado. Cabe
preguntarse agora se esa vontade expresada de xeito tan rotundo, corresponde ao
concepto de "vontade xeral" antes definido.
Por que a vontade maioritaria se conformou no sentido que expresaron as
urnas? Quizais porque os indicadores económicos mostran unha sólida
recuperación do país? Quizais por un incremento do gasto na atención a persoas
dependentes? Quizais porque grazas ao goberno desa forza política as persoas
pensionistas non teñen que pagar nada polas menciñas que precisan? Quizais nas
zonas rurais percíbese un renacemento da economía relacionada coa gandería e a
agricultura? Quizais porque os que residen na costa constatan unha recuperación
clara dos sectores relacionados co mar? Quizais porque o país está aumentando a
súa poboación? Quizais porque ningún rapaz ou rapaza ten que marchar fóra do
país porque aquí hai traballo digno para todos e todas? Quizais porque o sector
da investigación científica está acadando cotas que o converten en punteiro en
Europa? Quizais porque os rapaces e as rapazas que estudan teñen máis
oportunidades grazas ao incremento do gasto en becas? Quizais porque o partido
no poder é un esforzado axente na defensa da igualdade de dereitos entre homes
e mulleres? ou quizais porque dita forza política se ten convertido no valado
que impide a corrupción?
Consonte ás informacións que recollen os medios de comunicación e á
experiencia diaria da vida aquí, non parece que poida darse unha resposta
afirmativa en ningún dos indicadores mencionados, os cales deberían constituír
unha parte importante da vontade cidadá expresada nas urnas se esta tivese
algunha semellanza coa vontade xeral rousseauniana. A conclusión resulta
evidente, existe un déficit democrático en canto que o ben común non e
apreciado por unha porcentaxe elevada (como de elevada?) da poboación galega
como o ben que convén a todos e todas e os criterios de decisión electoral
teñen máis a ver cun percibido presunto
beneficio individual. Con todo, debe quedar claro que ese déficit non afecta exclusivamente ao
electorado do partido maioritario pero resulta escandaloso observar concellos
nos que a porcentaxe de sufraxios destinados a ese partido está preto do 90 por
cento.
Neste contexto de hábitos democráticos mellorables, é no que o goberno
presidido polo señor Rajoy decidiu suprimir unha materia de carácter
obrigatorio para todo o alumnado de Primaria e Secundaria que se chamaba Educación
para a Cidadanía e os Dereitos Humanos e aínda quedan (quedamos) cidadáns e
cidadás que preguntan (preguntamos) que parte da mesma non gustaba a quen nos
goberna, se a educación cidadá ou a formación en dereitos humanos.
Publicado no Progreso o 29-10-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario