domingo, 12 de enero de 2014

O festín da crueldade




Elías Pérez Sánchez

          O frío e o fame aínda non desapareceron. A inxustiza e a explotación tampouco. E a historia salvaxe e violenta da humanidade fainos pensar a miúdo, como dicía o filósofo Jonathan Glover, que o ser humano debe ser comprendido nun contexto de amor á crueldade cuxo atractivo psicolóxico é dificilmente explicable. No seu libro Humanity: A Moral History of the Twentieth Century describiu e analizou infinidade de atrocidades perpretadas no último século concluíndo que o século XX foi o máis sanguento e vergoñoso da historia da humanidade. Buscar unha contorna social e moral axeitada para previr tantas atrocidades no futuro era, para este autor, un reto inescusable.
          Debemos admitir que a natureza humana ten un lado escuro e destrutivo inquietante que nos fai responsables ou cómplices (tamén por omisión) das atrocidades que se levan a cabo na sociedade actual. E parece difícil eludir semellante evidencia. A crueldade aumenta paralelamente ao avance do tempo, da ciencia e do coñecemento humano en xeral. Facémonos cada vez máis sofisticados e sutís despregando a brutalidade e desocupándonos dos demais, sobre todo, dos máis vulnerables. Por outra banda, se o respecto e a tolerancia (eses logros ilustrados) terían que facilitar unha convivencia humana pacífica e civilizada, atopámonos que o exercicio social dos mesmos acubilla moitas veces prácticas intolerantes e irrespectuosas. E isto parece contraditorio. E o é se non se impide aos intolerantes e irrespectuosos ser interlocutores lexítimos. Impedimento necesario (que non atenta, precisamente, contra tales valores) se queremos preservar ese ben tan desexable e desexado como é a tolerancia. E como é o respecto.
          Cabe imaxinar unha sociedade feliz? Custa esforzo sobre todo polo empeño que poñen algúns en acadar o contrario. O abandono político e diplomático por parte de Occidente no conflito actual de Siria e que leva custando máis de setenta mil mortes desde o seu inicio, a violencia de xénero persistente no noso país e os suicidios consumados froito dunhas leis inxustas e intransixentes que regulan os desafiuzamentos son algúns exemplos que mostran o grao de crueldade que segue mantendo nos seus xenes o ser humano. Por acción ou por omisión. Porque as omisións ou inaccións son, en grao sumo tamén, condutas responsables. Os filósofos da moral anglosaxóns chamábanlle “responsabilidade negativa” ao sermos incapaces de colaborar activamente na supresión do fame, do sufrimento, da pobreza e da inxustiza no mundo ofrecendo para iso un esforzo cuantitativamente insubstancial que, no entanto, podería xerar beneficios cualitativamente significativos.
          Porén –sempre hai un “porén” nesta vida-, o peor de todo é a indiferenza e a ausencia de empatía cara aos demais, cara aos diferentes e os vulnerables. A sociedade observa impasible, case dun xeito glacial, o sufrimento e as mortes, sempre gratuítas de aqueles que están a vivir una “vida espida”, como diría Giorgio Agamben. Uns utilizan a indiferenza, outros as leis, outros as pistolas ou as navallas. Pero todas son armas que matan ou deixan (permiten) morrer.  Armas, en definitiva, responsables das vidas, das mortes e dos sentimentos alleos.
          O psicólogo e psiquiatra Simon Baron-Cohen desenvolveu unha teoría sobre a crueldade humana no seu libro Zero Degress of Empathy: a new theory of human cruelty no que conclúe que o mal consiste precisamente na ausencia de empatía, esa destreza básica da comunicación interpersoal que permite comprender aos nosos semellantes. É posible. En todo caso, xerar as condicións para mellorar a vida na sociedade actual e fomentar a convivencia solidaria e incluinte é un esforzo (un reto, dicía Glover) que merece intentarse. Non podemos perder a esperanza de que o final do festín da crueldade sexa posible.

          Publicado no Progreso o 16-2-2013

A tiranía do tempo



Mª del Mar Carballo Cela.

           Parece ser que a primeira experiencia que temos do tempo é a través dos latexos do corazón da nosa nai (é un fermoso comezo), pero isto que nos une inicialmente a todos baixo a orde natural, logo nos acabará separando dependendo da latitude na que teñamos por sorte nacer. Así é: a experiencia do tempo, á que os antropólogos chaman “temporalidade”, será finalmente modelada pola cultura atendendo ás necesidades que esta nos reclame.
          Isto fíxome reflexionar sobre por que na nosa cultura o tempo nos acabou tiranizando. Quen é o responsable de que nos vexamos vivindo baixo a escravitude do reloxo?... Sinto acabar sempre no mesmo punto, pero a industria, como “alma mater” da organización social moderna, é sen dúbida a culpable . A nosa vida laboral organízase en función dunha estrica exactitude temporal e o peor é que isto se acabou estendendo  ó outro tempo que chamamos “libre”. É bastante habitual ver como na nosa sociedade se programa o ocio con estritos horarios que a calquera persoa amante do sosego e da liberdade lle resultarían intolerables. A vida urbana, en todas as súas ordes, acaba sendo absorbida por  unha organización temporal propia da empresa, que como autómatas reproducimos sen decatarnos e mesmo levamos á esaxeración: actividades programadas, cronómetros para o deporte, obsesión por acadar marcas temporais... Chegamos a sentirnos perdidos, desorientados, cando non sabemos que día é, aínda estando de vacacións, e botamos de menos a disciplina horaria que devolva o equilibrio ás nosas vidas… Incluso falamos do tempo en termos económicos: gañamos e perdemos tempo, aforrámolo, investímolo… e ata o compramos e o vendemos (págase por horas de traballo e de ocio). Resulta moi indicativo que a palabra “calendario” veña do termo latino “calendarium” , que era como os romanos lle chamaban ó libro de contabilidade. O primeiro día do mes, a “calenda”, era cando o contador pasaba co seu libriño ou “calendarium” a cobrar as contas.
          Desde logo, esta estrica organización só é posible baixo unha consideración do tempo como algo abstracto, con entidade propia, que pode ser cuantificable e medible. Algo imposible para outras culturas que non entenden o tempo como algo que discorre separado dos acontecementos. A tribo dos amondawa, por exemplo, carece de palabras para computar o tempo, non existe na súa linguaxe algo equivalente a “hoxe”, “mañá” ou “o ano que vén”, non teñen calendario e deben facer referencia a algún suceso para situarse cronoloxicamente (un nacemento, unha morte). Só distinguen entre a noite e o día, e a estación das chuvias da estación seca.
          Son formas diferentes de vivir . Efectivamente a cuantificación temporal é necesaria para a organización social moderna, e esta puido prosperar grazas ó noso concepto de “tempo”; pero tamén invade innecesariamente outros ámbitos da vida non contribuíndo en absoluto a aumentar o noso benestar e a nosa felicidade. O estres é un dos peores males da nosa era.
          Nin que dicir ten que o noso é un “tempo” propio dunha cultura materialista, obsesionada con pesos e medidas. Falamos de algo tan intanxible como se fose un obxecto: as horas pasan lixeiras ou fanse pesadas, os anos pesan. Tamén, quizais alentados pola idea de ter cada vez máis, lle supoñemos ó tempo a capacidade de recipiente que debemos ir enchendo, ocupando, como se esta fose a maneira de engrandecer a nosa vida, de facela máis valiosa…  A linguaxe é un síntoma que nos delata.

Publicado no Progreso o 9-2-2013

U-lo traballo



Xosé Ramón Cando

          Conta Jorge Bucay que dende neno tivo curiosidade por saber a razón que impedía a un elefante de circo arrincar a feble estaca a que está amarrado habitualmente, a explicación chegoulle, xa adulto, cando alguén lle dixo que, aínda que a estaca non podería retelo, o elefante non tentaría marchar porque tiña asumida a súa impotencia dende que, sendo unha cría, fracasara en todos os seus intentos por conseguilo.
          Na actual conxuntura padecemos unha progresiva perda de dereitos e liberdades desenvolvendo, se cadra, o mesmo rol do elefante de circo. Mesmo colaboramos, ás  veces, con quen se beneficia do noso padecer asumindo un “non podo” que na maior parte dos casos non é produto da nosa reflexión informada e autónoma, se non da propaganda á que se nos somete por parte daquelas persoas e institucións que posúen e/ou controlan a información que chega ao conxunto dos cidadáns, conseguindo convencernos de que non existe ningunha alternativa viable e que calquera outra opción político-económico-social terá consecuencias apocalípticas e impedindo que nos decatemos de que o certo é que a apocalipse está chegando xa para moitos e moitas como consecuencia desta desfeita.
          Hai un tempo, regresando da cidade de A Coruña, constatei que na cabina da autopista destinada ao pagamento da peaxe a persoa que realizaba o cobro fora substituída por unha máquina. Este é un feito que pode verse de xeito reiterado na maior parte dos ámbitos de actividade e as previsións apuntan a un incremento pronunciado do mesmo de cara ao futuro. En principio é un dato neutro e que mesmo pode ollarse como positivo no que ten de liberación do ser humano da escravitude do traballo forzado e de recuperación do tempo para a realización de actividades relacionadas cos seus intereses e afeccións. Non estou frivolizando, afirmo que é posible a construción dunha sociedade na que os traballos mais mecánicos e, se cadra, menos apetecíbeis, sexan realizados por máquinas, unha sociedade na que os seres humanos poidan dedicar mais tempo ao desenvolvemento das súas potencialidades, á expresión das  súas capacidades e, por suposto, á participación na vida colectiva para conseguir unha organización da sociedade erixida sobre parámetros de equidade e sustentabilidade.
          Antes ou despois sucederá que a man de obra humana será substituída por máquinas, por mecanismos automatizados que a súa vez serán dirixidos mediante a intelixencia artificial e so na cima da pirámide será precisa a presenza humana, responsábel en última instancia do funcionamento ordenado do proceso de produción ou de servizos. Segundo un documental de ZEITGEIST (1) a tecnoloxía actual permite mecanizar o 75% da actividade laboral e nese proceso de substitución nos atopamos, proceso que se vai acelerar se é que algún día se produce a recuperación económica e as empresas (baleiradas de traballadores coa axuda da reforma laboral) recuperan a súa actividade económica, para a que contratarán o menor número de persoas posíbel  porque as máquinas serán mais competitivas e o beneficio económico dos investidores experimentará o incremento correspondente.
          A conclusión resulta obvia, ou a cidadanía emprega o seu (elefantiásico) poder para conseguir que a tecnoloxía estea ao servizo do ben común e dese xeito todos poidamos vivir dun xeito mais humano, ou enormes masas de cidadáns veranse (verémonos) empurrados a unha loita pola supervivencia abocada, en termos xerais, ao fracaso, ou sexa, a desesperación e á morte.

                                      (1)  Zeitgeist Moving Forward  (subtítulos en español)


          Publicado no Progreso o 2 - 2 2013

Filósofas premiadas con respostas á crise

Miguel Ángel M. Quitanar



A Filosofía aporta perspectivas que axudan a pensar problemas actuais. Tamén elabora solucións. Dous casos salientables son as filósofas laureadas o pasado ano: a norteamericana Martha Nussbaum (premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais) e a española Victoria Camps (premio Nacional de Ensaio por ‘O goberno das emocións’).
Nussbaum ten unha obra inxente que abrangue filosofía política, dereito, ética, educación e vinculación entre economía e filosofía. Colaborou durante máis dunha década co premio Nobel de Economía Amartya Sen. A súa teoría parte da extrema vulnerabilidade de calquera cidadán que non pertenza ás elites económicas. A exposición a decisións gobernamentais, tomadas en virtude de informes elaborados por ‘think-tanks’ e difundidos por lobbies afanados no lucro, pode frearse reactivando a xustiza social. Segundo Nussbaum os gobernos toman decisións baseándose en teorías incompletas, datos rabenados, enfoques parciais. Comprometen gravemente outras obrigas contraídas coa cidadanía. O ‘paradigma das capacidades’ serve de alternativa.
Este paradigma pretende fornecer as políticas gobernamentais democráticas con argumentos teóricos e criterios prácticos para protexer a dignidade das persoas. Trátase de que as persoas poidan «apoderarse» axudándoas a desenvolver dez capacidades: vida, saúde, integridade física, entendemento, emocións, razón práctica (ética), afiliación. recoñecemento doutras especies, ocio, e máis control do propio entorno político e material. A xustiza social é a finalidade: o respecto á dignidade obriga aos gobernos a situar á cidadanía por riba dun limiar mínimo (mais amplo) en todas e cada unha das capacidades. Perséguese minimizar a influencia doutros modelos de toma de decisións como, por exemplo, o baseado na medición do PIB que iguala, automática e irreflexivamente, «crecemento económico» (nas elites) e «calidade de vida» (de todos). No apoderamento das persoas a filosofía ten un papel clave no sistema educativo democrático: axuda a que avalíen por si mesmas obxectivos económicos e programas políticos; xustifiquen con argumentos a súa posición diante de presións das autoridades e pares; aprendan a poñerse no lugar dos desfavorecidos; resistan a implantación de modelos autoritarios; reforcen o seu carácter persoal. Este último obxectivo estúdao Victoria Camps. Aporta unha resposta á crise desde outro ángulo.
Para Camps as sociedades democráticas afúndense sen unha cidadanía forte. Xa que logo deben facilitar que cadaquén constrúa un carácter pleno. Por que? O cidadán capaz de gobernar as súas propias emocións é autorreflexivo, enfróntase con éxito ás dificultades, coñécese a si mesmo. Habilitar as persoas para convivir con imaxinación e creatividade, nunha sociedade avanzada, formalas para superar as crises sen deixar de vivir con dignidade, implica reforzar os seus vínculos emocionais, elos de compromiso, empatías participativas, virtudes cívicas e disposición a deliberar. A educación sentimental é socialmente útil porque asenta a coordinación, favorece o traballo en equipo, a confianza mutua, requisitos para superar calquera crise. Nunha democracia, os sentimentos educados non poden ser un capricho ou unha estratexia para que as organizacións funcionen con máis eficiencia e rendibilidade. Márketing e coaching carecen de valor ético, cívico. A cidadanía é democrática se adquire un carácter disposto a respectar a liberdade, favorecer a igualdade material, sentir repugnancia pola inxustiza, gozar co exercicio diario da equidade.
Emocionarse nas virtudes cívicas, promover o desenvolvemento das capacidades, son respostas ás crises. Respostas que dá a filosofía. Entón, quen lle teme á filosofía?


Publicado no Progreso o 26-1-2013

Cultura “Low cost”



Juan Carlos Fernández Naveiro

Dentro de pouco, se prospera a nova lei educativa, non haberá nin ética nin cidadanía –e cada vez menos filosofía. O que pase coa filosofía na educación secundaria será un espello do que pasa na sociedade, un signo máis da nosa devaluación cultural. E cando a filosofía sexa proscrita estaremos mellor preparados para o goberno económico da sociedade, e para non pensar noutras alternativas.
A devaluación cultural é o dobre necesario da “devaluación interna” da nosa economía: o descenso inducido dos costes de produción, dos salarios e das cotizacións sociais, que nos permitan flexibilizar o mercado de traballo e proceder a “reformas estruturais” que se presentan como necesarias. É un círculo vicioso que nos atrapa a todos, a espiral de austeridade e recesión que domina hoxe en Europa, na que os desaxustes contables, a pura e simple necesidade financeira, se converte nun argumento a prol da desarticulación política e social das sociedades.
O elemento común na actual crise cultural, económica e política está na “revolución das elites” que se ven producindo desde finais do século XX: o aumento dos beneficios dos grandes capitais vai da man da privatización da existencia e da despolitización dos pobos, así como o estreitamento dos nosos horizontes temporais garda relación co imperio da publicidade. Son signos aquí e alá dun longo proceso en marcha, no que a decadencia da soberanía nacional, da división de poderes e dos instrumentos tradicionais da representación política van parellas da apertura dos sectores públicos aos mercados e do desmantelamento das sociedades de benestar. E de fondo, permanece inconclusa a pregunta por cómo se constrúe e cómo se expresa unha vontade colectiva, nun contexto de competencia electoral curtopracista e de obsolescencia programada dos programas políticos. Non hai sitio para a imaxinación política no escenario institucional, e o mercadeo de intereses e de parcelas de poder priman sobre o intercambio de propostas e argumentos. 
Agora que na situación laboral tan precaria parece que volvemos ao século XIX, tamén semella volver a sospeita marxista de que a desigualdade é unha condición de partida que ao cabo, cos procedementos democráticos, acaba por adquirir carta de natureza. Co agravante de que agora os poderes económicos e financeiros xa non precisan dotarse de aparencias igualitarias e atopan o terreo abonado para calquera fascismo popular. ¿Semella aínda posible unha xestión civilizada do capitalismo como a que pretendeu a socialdemocracia?
Pero en lugar de debater estas cousas encamiñámonos a unha paisaxe cultural de baixo custe: unha cidadanía devaluada, unha ética inoperante e unha filosofía case inexistente. Aí nos leva unha nova lei de educación que se chama de “calidade”, cando quere dicir ideoloxía, eficiencia, produtividade. ¿Quen teme á filosofía? E ¿cómo explicar na clase os principios dun sistema democrático, cando a realidade percibida contén os variados mecanismos que os nosos sistemas políticos poñen en práctica para adiar, contrariar ou anular a vixencia deses principios? Cada un fará como pode para sortear o desencanto constitucional e as omisións dos manuais, que apenas falan de cousas como alienación ou explotación, e dar unha de cal e outra de area, un pouco de idealismo e outro pouco de realismo. Cada quén terá que facerse a súa propia composición de lugar, pero ¿non nos estaremos facendo inmunes ás sutilezas do razoamento? 

Publicado no Progreso o 19/01/2013