Xosé Ramón Cando
Conta Jorge Bucay que dende neno tivo curiosidade por saber a razón que
impedía a un elefante de circo arrincar a feble estaca a que está amarrado
habitualmente, a explicación chegoulle, xa adulto, cando alguén lle dixo que,
aínda que a estaca non podería retelo, o elefante non tentaría marchar porque
tiña asumida a súa impotencia dende que, sendo unha cría, fracasara en todos os
seus intentos por conseguilo.
Na actual conxuntura padecemos unha progresiva perda de dereitos e
liberdades desenvolvendo, se cadra, o mesmo rol do elefante de circo. Mesmo
colaboramos, ás veces, con quen se
beneficia do noso padecer asumindo un “non podo” que na maior parte dos casos
non é produto da nosa reflexión informada e autónoma, se non da propaganda á
que se nos somete por parte daquelas persoas e institucións que posúen e/ou
controlan a información que chega ao conxunto dos cidadáns, conseguindo
convencernos de que non existe ningunha alternativa viable e que calquera outra
opción político-económico-social terá consecuencias apocalípticas e impedindo
que nos decatemos de que o certo é que a apocalipse está chegando xa para
moitos e moitas como consecuencia desta desfeita.
Hai un tempo, regresando da cidade de A Coruña, constatei que na cabina da
autopista destinada ao pagamento da peaxe a persoa que realizaba o cobro fora
substituída por unha máquina. Este é un feito que pode verse de xeito reiterado
na maior parte dos ámbitos de actividade e as previsións apuntan a un
incremento pronunciado do mesmo de cara ao futuro. En principio é un dato
neutro e que mesmo pode ollarse como positivo no que ten de liberación do ser
humano da escravitude do traballo forzado e de recuperación do tempo para a
realización de actividades relacionadas cos seus intereses e afeccións. Non
estou frivolizando, afirmo que é posible a construción dunha sociedade na que
os traballos mais mecánicos e, se cadra, menos apetecíbeis, sexan realizados
por máquinas, unha sociedade na que os seres humanos poidan dedicar mais tempo
ao desenvolvemento das súas potencialidades, á expresión das súas capacidades e, por suposto, á
participación na vida colectiva para conseguir unha organización da sociedade
erixida sobre parámetros de equidade e sustentabilidade.
Antes ou despois sucederá que a man de obra humana será substituída por
máquinas, por mecanismos automatizados que a súa vez serán dirixidos mediante a
intelixencia artificial e so na cima da pirámide será precisa a presenza
humana, responsábel en última instancia do funcionamento ordenado do proceso de
produción ou de servizos. Segundo un documental de ZEITGEIST (1) a tecnoloxía
actual permite mecanizar o 75% da actividade laboral e nese proceso de
substitución nos atopamos, proceso que se vai acelerar se é que algún día se
produce a recuperación económica e as empresas (baleiradas de traballadores coa
axuda da reforma laboral) recuperan a súa actividade económica, para a que
contratarán o menor número de persoas posíbel
porque as máquinas serán mais competitivas e o beneficio económico dos
investidores experimentará o incremento correspondente.
A conclusión resulta obvia, ou a cidadanía emprega o seu (elefantiásico)
poder para conseguir que a tecnoloxía estea ao servizo do ben común e dese
xeito todos poidamos vivir dun xeito mais humano, ou enormes masas de cidadáns
veranse (verémonos) empurrados a unha loita pola supervivencia abocada, en
termos xerais, ao fracaso, ou sexa, a desesperación e á morte.
(1) Zeitgeist Moving Forward (subtítulos en español)
Publicado no Progreso o 2 - 2 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario