domingo, 12 de enero de 2014

A tiranía do tempo



Mª del Mar Carballo Cela.

           Parece ser que a primeira experiencia que temos do tempo é a través dos latexos do corazón da nosa nai (é un fermoso comezo), pero isto que nos une inicialmente a todos baixo a orde natural, logo nos acabará separando dependendo da latitude na que teñamos por sorte nacer. Así é: a experiencia do tempo, á que os antropólogos chaman “temporalidade”, será finalmente modelada pola cultura atendendo ás necesidades que esta nos reclame.
          Isto fíxome reflexionar sobre por que na nosa cultura o tempo nos acabou tiranizando. Quen é o responsable de que nos vexamos vivindo baixo a escravitude do reloxo?... Sinto acabar sempre no mesmo punto, pero a industria, como “alma mater” da organización social moderna, é sen dúbida a culpable . A nosa vida laboral organízase en función dunha estrica exactitude temporal e o peor é que isto se acabou estendendo  ó outro tempo que chamamos “libre”. É bastante habitual ver como na nosa sociedade se programa o ocio con estritos horarios que a calquera persoa amante do sosego e da liberdade lle resultarían intolerables. A vida urbana, en todas as súas ordes, acaba sendo absorbida por  unha organización temporal propia da empresa, que como autómatas reproducimos sen decatarnos e mesmo levamos á esaxeración: actividades programadas, cronómetros para o deporte, obsesión por acadar marcas temporais... Chegamos a sentirnos perdidos, desorientados, cando non sabemos que día é, aínda estando de vacacións, e botamos de menos a disciplina horaria que devolva o equilibrio ás nosas vidas… Incluso falamos do tempo en termos económicos: gañamos e perdemos tempo, aforrámolo, investímolo… e ata o compramos e o vendemos (págase por horas de traballo e de ocio). Resulta moi indicativo que a palabra “calendario” veña do termo latino “calendarium” , que era como os romanos lle chamaban ó libro de contabilidade. O primeiro día do mes, a “calenda”, era cando o contador pasaba co seu libriño ou “calendarium” a cobrar as contas.
          Desde logo, esta estrica organización só é posible baixo unha consideración do tempo como algo abstracto, con entidade propia, que pode ser cuantificable e medible. Algo imposible para outras culturas que non entenden o tempo como algo que discorre separado dos acontecementos. A tribo dos amondawa, por exemplo, carece de palabras para computar o tempo, non existe na súa linguaxe algo equivalente a “hoxe”, “mañá” ou “o ano que vén”, non teñen calendario e deben facer referencia a algún suceso para situarse cronoloxicamente (un nacemento, unha morte). Só distinguen entre a noite e o día, e a estación das chuvias da estación seca.
          Son formas diferentes de vivir . Efectivamente a cuantificación temporal é necesaria para a organización social moderna, e esta puido prosperar grazas ó noso concepto de “tempo”; pero tamén invade innecesariamente outros ámbitos da vida non contribuíndo en absoluto a aumentar o noso benestar e a nosa felicidade. O estres é un dos peores males da nosa era.
          Nin que dicir ten que o noso é un “tempo” propio dunha cultura materialista, obsesionada con pesos e medidas. Falamos de algo tan intanxible como se fose un obxecto: as horas pasan lixeiras ou fanse pesadas, os anos pesan. Tamén, quizais alentados pola idea de ter cada vez máis, lle supoñemos ó tempo a capacidade de recipiente que debemos ir enchendo, ocupando, como se esta fose a maneira de engrandecer a nosa vida, de facela máis valiosa…  A linguaxe é un síntoma que nos delata.

Publicado no Progreso o 9-2-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario