viernes, 24 de enero de 2014

Filosofía galega

Miguel Ángel M. Quintanar 


Unha corrente subterránea atravesa a nosa cultura como un regueiro de auga limpa: a filosofía galega. Diante da ameaza de minorar a súa presenza nos currículos educativos, de lei é lembrar a algúns dos que, nalgún momento, ou ao longo da súa traxectoria, inseriron nela a súa inscrición: Eloy Luís André, Vicente Viqueira, Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, García Sabell, Dieste.
En 1973 bota a andar a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. As actividades da Aula Castelao (Pontevedra), Sogagi (Sociedade Galega de Filosofía), grupos Aletheia (Vigo) e Doxa (Lugo), e os Encontros de Filosofía na Costa da Morte, manteñen viva a súa utilidade cívica. Contribúen a esta labor filósofos e filósofas singulares que coa súa escrita fornecen á cultura galega de ideas, análises e perspectivas innovadoras. Exemplo disto é Luís G. Soto que vén de recibir o premio Carvalho Calero na modalidade de investigación polo seu libro ‘O labirinto da saudade’, editado por Laiovento.
O protagonismo da saudade non é novo na nosa cultura. Asenta en fondas raíces: Pondal, Rosalía, Curros. Nas dúas primeiras décadas do século XX é estudado por Porteiro Garea, Xaime Quintanilla, Cabanillas, Risco, Dieste e Viqueira. Logo da polémica provocada en 1927 polo médico Nóvoa Santos, resulta exemplar a reacción de Plácido Castro en defensa do triplo elo de galeguismo, saudade e vida. Blanco Amor e Castelao, nos anos corenta, e a comezos dos cincuenta Ánxel Fole e Otero Pedrayo, meditan sobre ela. A partir de 1953 cinguen o tema Piñeiro, Sabell, Rof Carballo, Salvador Lorenzana, entre outros. Próximos a nós están os traballos do filósofo e teólogo Andrés Torres Queiruga.
No país veciño, en Portugal, a saudade tamén é protagonista da cultura. O saudosismo, inaugurado por Teixeira de Pascoaes na primeira década do século XX, configúrase como unha potente corrente de renovación artística, social e política, materializada nun notable florecemento da cultura portuguesa, que abarca filosofía, literatura e arte. E nos nosos tempos a saudade ten suscitado as reflexións dun filósofo tan laureado como Eduardo Lourenço ou, entre os máis novos e xa no século XXI, Paulo Borges.
Nos nosos eidos a saudade tense investigado desde tres puntos de vista: estético, psicolóxico, metafísico. A novidade de ‘O labirinto da saudade’ radica en tratala outramente, nas súas dimensións menos evidentes, malia ser as máis produtivas e fértiles: ética e política.
Cunha escrita áxil e persoal, cómplice coas experiencias do lector atrevido e curioso, Luís G. Soto proponnos un percorrido biográfico sobre os fitos da saudade súa: libros, paisaxes, esculturas, pinturas, poemas, encontros, fotos, lugares. As reflexións sobre as saudades galegas, o saudosismo portugués, e, sobre todo, Pondal, entre outros, sorpréndennos co descubrimento (ou construción) dun novo concepto de saudade e agasállannos cunha conclusión (ou hipótese) inédita. O autor atopa na saudade un percorrido pola «experiencia do recoñecemento»: da propia situación de soidade, do contexto social no que acontece esa soidade, das outras persoas como posibilidade de superación desa situación, da mensaxe da saudade como rotura do illamento e reactivación da socialidade (durmida, silenciada, alienada). Esta experiencia de recoñecemento encárnase nun chamamento público, político, e, tamén, nunha interpelación persoal, ética.
A saudade non é parva morriña dun lugar, ou señardade sinxela dunha época pasada, dunha persoa ausente. Non é tristura no tempo nin presenza rabenada. É consciencia da propia soidade, mais acompañada dunha «vontade de sociedade» que se materializa nunha mensaxe comunicativa lanzada aos outros. Mercé á saudade as persoas expresan a súa soidade tentando establecer (ou restablecer) a común sociedade a través da lingua, artes, pensamento, actividade política a prol dun ben común. É a dimensión ética da saudade: camiño de encontro do outro. E a súa faciana política: procura dun contexto solidario que busca un novo contrato (pacto) social.
A saudade non é un tema pasado de moda. A lectura de ‘O labirinto da saudade’ mostra o seu proteico dinamismo. Se a sociedade devece por construír saídas á gravísima crise actual, quizais cadaquén deba encontrar o tempo de reflexión no que poida volverse sobre si, descubrirse de novo nas súas perdas e ausencias, e, desde aí, comezar a refacer (e revalorizar) as relacións de convivencia desde o que eu chamaría Principio da Saudade: é inelutable a necesidade que temos do outro, e o outro de nós, para facérmonos xuntos (na xustiza, na ledicia) o camiño do labirinto no todos que estamos arroxados.


Publicado no Progreso 6-4-20123

No hay comentarios:

Publicar un comentario