domingo, 12 de enero de 2014

Escola e mercado



Mª Isabel Sánchez Corral

            Houbo un tempo no que mestres e profesorado debatiamos concienzudamente sobre o papel da escola na sociedade e o seu efecto no individuo, no noso alumnado.
            O debate centrábase en dar resposta á pregunta de se a escola emancipaba ao ser humano ou, pola contra, reproducía o sistema. En cambio, hoxe en día esa gran cuestión substituiuse por unha preocupación entre os docentes ben distinta: a de se sacamos ao noso alumnado ben preparado para o mercado laboral.
            A escola como parte da sociedade e reproductora da mesma, atópase ante unha situación contradictoria: por unha banda, é un reducto desde onde se transmiten coñecemento e valores; e por outra, está sendo absorbida polo mercado. Esta escola, que dentro do propio sistema  foi quen de transmitir cultura, saber e virtudes non certamente capitalistas, permitía que das nosa aulas saíse un alumnado crítico, demandando máis cultura, máis participación, máis democracia. Sendo mellorable, resistía os embates da continua imposición do mercado como medida de todas as cousas, arraigada nun forte espírito ilustrado.
            Pouco a pouco foron introducindo os parámetros do neoliberalismo, expresión última do capitalismo. O profesorado foi sorteando obstáculos materiais e morais, intentando transmitir algo dese espírito ilustrado e de civismo. Sen embargo, unhas veces por inercia e outras por simple afán de mellora, acabamos falando de competencias e alumnado competente, de eficacia e alumnado emprendedor, de rendabilidade e dos mellores resultados en non se sabe que ranking, de regulación, de xestión, de financiamento, de prestación de servizos, de competitividade... a tan recurrida “competitividade”.
            A escola ten que estar viva e nese anhelo sempre busca mellorar, aspecto este que se aproveita interesadamente, xunto aos distintos problemas educativos, para dar solucións mercantilistas de carácter neoliberal. Os intelectuais neoconservadores defenden unha “volta” a maiores niveis de esixencia e a unha suposta “cultura común” que Silvio Berlusconi xa resumía co lema das tres ies: Inglese, Internet, Impresa. El denominábao “as tres estrelas polares” da política educativa. Non cabe dúbida que queda condensada neste lema a aplicación do ideario neoliberal.
            A pretensión é crear as condicións para aumentar “a competitividade”, as ganancias e a disciplina, intentando que voltemos a un pasado baseado nunha imaxe idealizada da escola, a familia e o fogar.
            Esquecen, ou de feito abandonan, a idea de que a educación debe estar ao servizo do desenvolvemento integral dos seres humanos; que debe formar a cidadáns e cidadás críticos con capacidade para ler, intervir e transformar a realidade que lles toca vivir. Pola contra, promóvese un modelo educativo cuxa prioridade é a súa utilidade para as necesidades do mercado e para homoxeneizar e integrar aos que se educan nun pensamento pragmático, acrítico, aceptable socialmente.
            Estas políticas educativas neoliberais implántanse en todo o planeta. Reformas similares, aínda que en tempos, lugares e formas diferentes, evidencian un mesmo obxectivo: a privatización da escola. E non só se privatiza abrindo a educación aos mercados, rompendo a concepción da educación como un dereito social protexido polo Estado, senón que se está adecuando a mesma educación aos principios e prácticas  do mercado. Esta práctica e o seu discurso  instalouse como “o normal” na nosa sociedade dunha forma tan poderosa que, como diciamos ao principio deste artigo, case todos sucumbimos a ela.
            A escola que están creando para que reproduza a sociedade capitalista será, ou está sendo xa, esa escola sen memoria de virtudes, sen debate sobre o xusto e o inxusto, que non lembre dereitos humanos, que esqueza principios, que esqueza... E o home e a muller que perden a súa memoria, a memoria colectiva, perden os seus valores e acaban converténdose nalgo peor que bestas, quedando desposuídos da súa dimensión moral.
            En palabras do filósofo francés J.C. Michea:” A que fillos deixaremos este mundo?”

 
Publicado no Progreso 5-1-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario