viernes, 24 de enero de 2014

Corrupción e intelixencia ética



             Mª del Mar Carballo Cela

Non é o poder o que corrompe ós homes, son os homes os que corrompen o poder. Non é casualidade que nunha sociedade de tradición “pícara” se democratice a corrupción, é dicir, que as persoas educadas nesa tradición obren segundo teñen por costume no momento en que acceden a postos políticos. Seguimos, e a este paso seguiremos, recollendo os froitos da pouca importancia que historicamente neste país se lle deu á educación. E aínda que nos últimos anos nos puxemos á cabeza de Europa en títulos universitarios  non nos puxemos así en cidadáns responsables, canteira imprescindible para o exercicio honesto da política.
A construción dunha sociedade digna e dun futuro digno pasa, inevitablemente, por formar a cidadáns que asuman as súas responsabilidades para actuar na vida en común desde unha solidez ética. Sen ética que aplicar á economía, á política ou á xustiza deixan de ter sentido todas estas disciplinas, deixa de ter sentido a sociedade mesma. Pero se isto non o entende un ministro de educación, creo que debemos esperar que os pais sigan instruíndo ós fillos na arte de “ir trampeando” nun mundo de caciques.
Que neste país a educación non é unha prioridade non só se nota nas escolas: a permisividade coa publicidade dirixida a menores é moito maior que noutros países europeos, por poñer un exemplo. Deberían preguntarse os políticos que grao de responsabilidade teñen no feito recoñecido por tódolos pais e profesores da ardua tarefa que hoxe supón educar, porque consiste basicamente en contradicir gran parte dos modelos sociais imperantes (estase deixando a educación en mans do mercado), e se a isto lle sumamos o nefasto exemplo que os mesmos políticos están dando na súa actividade pública, e a impunidade coa que actúan, a cousa agrávase considerablemente.
Ética é o nome culto que usamos para a bondade, esa calidade resultante de actuar cos demais de maneira intelixente, porque só os intelixentes entenden que respectar os lugares comúns é respectarse a un mesmo. O binomio socrático de igualar intelixencia e bondade non é unha simpleza, aínda que a primeira vista poida parecelo, senón o resultado dunha análise profunda das relacións humanas. En efecto, obrar mal non demostra senón un descoñecemento das posibles consecuencias negativas dos nosos actos, e unha das características fundamentais da intelixencia é a capacidade de previsión, de anticipación. Nunha sociedade corrupta os lugares comúns son os lugares de ninguén e ó final acabamos por tirar o lixo na vía pública e levar os bancos para a nosa casa,  pensando que así nos estamos beneficiando. Non entender a relación entre o ben público e o ben privado é un erro da intelixencia que fixo caer imperios enteiros.
A intelixencia ética é a que nos leva a organizarnos da maneira máis beneficiosa, pero hai que cultivala ó igual que se cultiva calquera outro tipo de intelixencia, e o Estado ten unha enorme responsabilidade sobre isto. Progresar é educar na idea de xustiza e sobre esta idea se constrúen as democracias sólidas, non simuladas. España quizais se preocupou máis por simular ante Europa que era un país democrático e moderno que por intentar selo realmente, e os simulacros duran pouco, aínda agora parece que preocupe máis a imaxe que se dá de cara ó exterior (“a marca España”) que a descomposición mesma da nosa sociedade. Aquí, a crise da democracia neoliberal que afecta a toda Europa  píllanos sen ter asentadas unhas bases democráticas sólidas, funcionando sobre  ramificacións caciques que se herdaron da etapa anterior e se seguiron propagando e amplificando.
O fracaso das sociedades é sempre o fracaso da educación e, insisto, a responsabilidade do Estado sobre este tema non acaba nas escolas, continúa na preocupación polo que aprenden os menores a través dos medios de comunicación ou na preocupación porque o funcionamento das institucións sirva de exemplo e referencia para os homes e mulleres do futuro. Só indo todos na mesma dirección se pode educar de maneira seria e intelixente, de non ser así seguiremos no simulacro.

Publicado no Progreso 20-4-2013


No hay comentarios:

Publicar un comentario