José Domingo de Prada Rodríguez
Un dos teóricos da liberdade de mercado, Robert Nozick, considera como
premisa base a liberdade do individuo, que debe estar por riba de calquera
consideración. Para respectar esta liberdade individual o Estado debe intervir
o menos posible nas relacións entre os individuos. O ideal sería que non
interviñese e que toda relación social ou económica se materializase pola
decisión libre e respectuosa dos axentes implicados nela.
Dúas son as consecuencias fundamentais deste pensamento que querería
resaltar. A primeira ten relación co individuo na sociedade, «cada individuo
pode facer o que queira mentres non quebrante a lei, e a lei ten que ser moi
pouco restritiva para non coartar ningunha liberdade individual». Así, a
liberdade se executará de forma soberana e digamos “afable” cos demais.
A segunda consecuencia é de tipo económico: presupón que «os participantes
nun acordo económico teñen plena capacidade de decisión sempre que actúen
libremente»; se chegan a un acordo, calquera pacto acadado será válido. O
Estado nin pode, nin debe intervir e só esta aí para garantir que tanto os que
pactan como os demais respectasen ese acordo. O mercado será quen estableza os
límites e as relacións de equivalencia nos intercambios.
Así pois, tanto a liberdade individual como a de mercado supoñen a
minimización do Estado. A conclusión é clara: menos Estado e menos lexislación
significa máis liberdade a nivel individual e máis oportunidades, nun mercado
libre e desregulado, para quen saiba aproveitalas.
O pensamento de Nozick desenvólvese a finais dos anos setenta e esténdese
na década dos oitenta. Reagan e Thacher foron os seus grandes impulsores
políticos. Isto, que parecía superado, volve impoñerse brutalmente da man do
neoliberalismo.
O capitalismo neoliberal ou neocapitalismo susténtase sobre falacias, tal
como podemos comprobar, desgraciada e fehacientemente, hoxe en día. Á parte de
sufrilas, tamén é posible explicitalas.
Primeira falacia: A liberdade é individual. Non hai tal. A liberdade é
social, gañámola en relación cos outros. Se teño que vivir só toda a miña vida,
non hai liberdade posible. Dicir neste caso que podo facer o que quero, é
unha inconsistencia sen sentido, pois se
sempre vivín só, comportareime instintivamente. En cambio, se vivín en
sociedade adoptarei esa liberdade como un ben aprendido socialmente e estarei
limitado polos pactos que se teñan establecidos e poidan afectarme, e por
aqueles que eu acade.
Se a liberdade é un ben social, debe ser regulado socialmente. Decidir ata
onde se limita é o problema. O neoliberalismo pretende a liberdade individual,
pero garantida pola sociedade, por ese Estado mínimo. A consecuencia real será
a represión dos que non teñan unha posición de privilexio para que exerzan a
súa liberdade individual os que si teñan esa posición. A defensa deste concepto
de liberdade é puramente ideolóxica.
Segunda falacia: O Estado non debe intervir nos pactos libres entre os
cidadáns. Non existen tales pactos libres. Só serían libres se se desen en
igualdade de condicións, pero esta situación é imposible e absurda dentro dunha
sociedade, por diferenzas económicas, de clase, de coñecementos, de intereses,
de experiencias ou de expectativas. Así, o que ten fame ou sede pagará máis pola
auga ou polo alimento que aquel que está farto e ten despensa. A necesidade,
por exemplo, acaba coa igualdade e polo tanto coa liberdade. Non podemos
aceptar o reducionismo do argumentario de que o que non queira pagar os prezos
de mercado pode deixarse morrer de fame (algo que desafortunadamente está a
ocorrer). Outro exemplo son as situacións de privilexio, ningún traballo nin
ningunha responsabilidade asumida xustifican unha xubilación de 88.000.000 de
€, coma ocorreu recentemente. Pagaranse, pero faise por ideoloxía.
Terceira falacia: O mercado regúlase a si mesmo. Nunca o fixo. Na economía
de mercado o trasfego de mercadorías estivo condicionado, non pola oferta e a
demanda (termo eufemístico e politicamente correcto), senón pola capacidade de
maximizar os beneficios. Nunha economía de mercado global esa capacidade está
chegando a límites impensados, tanto na obtención de beneficios (a crise só a
teñen os que a teñen, pero hai quen está a facer nestes momentos inxentes
negocios) como na capacidade de espolio, do Estado e dos cidadáns, por parte do
propio mercado (ou mellor dito, dos dirixentes dese mercado).
Estamos sufrindo o rexurdimento de teorías que parecían desbotadas. A
minimización, ou anorexia do Estado, é un mala praxe política que supón para a
inmensa maioría dos cidadáns executar unha práctica inxusta, frívola,
dominadora e case escravista, ideolóxica, que serve só os intereses das castas
dirixentes políticas ou económicas e ademais ten fundamentos profundamente
falsos (merman a liberdade e as oportunidades da inmensa maioría) e inmorais
(fundaméntanse no engano, na insolidariedade e na inxustiza).
Igual Nozick, como teórico, cría nas súas palabras, pero os que decidiron e
deciden aplicalas só cren nos seus negocios, desorbitados en beneficios
sufragados polo Estado.
Publicado no Progreso o 18-5-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario