Gonzalo Pérez
López
“Queres deixar de pertencer ao número dos
escravos? Racha as túas cadeas e desbota de ti todo temor” (Epicteto)
Asisto, entre triste e frustrado, pero
non sorprendido, por esperado, aos recentes embates do sistema capitalista, tanto
na súa manifestación mundial como na máis próxima a nós, e que, coherentemente
cos valores que o sustentan, conducen, progresiva e inexorablemente á
descomposición integral da sociedade que o padece.
Para acadar os seus propósitos, o sistema
que controla o mundo, empezou por inocular o seu veleno ideolóxico para que
fosemos capaces de asumir o individualismo exacerbado e a insolidariedade que
comporta, por medio dunha calculada e obscena manipulación, na que xogaron un
decisivo papel os medios de (in)comunicación masivos baixo o seu dominio.
Repetiu de xeito pertinaz perversións
lingüísticas de interesada carga
ideolóxica, tales como “libre mercado” (traducida á realidade, a liberdade
desaparece), “mercado somos todos” (esencialmente imposible, eu non son o FMI,
por exemplo), “ó contrario co público, o privado sae barato, funciona e
dinamiza a economía” (os datos obxectivos a converten nunha falacia), “vivimos
no mellor dos mundos posibles” (e cada vez estamos máis lonxe da pretendida
ataraxia), “capitalismo de rostro humano” (a acumulación de plusvalía que o
fundamenta é, pola súa propia natureza, ilimitada, polo que só hai un
capitalismo, salvaxe por definición e, polo tanto, inhumano), entre outras
moitas dirixidas con precisión científica a minar a liña de flotación
psicolóxica do cidadán.
O modelo económico e socialmente
dominante foi adoptando historicamente moi diversas formas, sempre coa
intención de facer ostentación do seu dominio. Hoxe en día, animado pola
virtualidade imperante, orientouse pola vía do capitalismo financeiro
especulativo, o cal, tras uns anos de exercer como tal, emprendeu unha
desas crises cíclicas , cientificamente
calculadas, co obxecto de incrementar a
súas ganancias e, tras anular calquera intento de reacción, saír, como sempre,
reforzado.
E outra vez, coa
inestimable colaboración mediática, comeza
un proceso acelerado, tendente a que os cidadáns asumamos os drásticos
recortes de dereitos, cuxo recoñecemento supuxo o sacrificio solidario das xeracións anteriores, como se fora algo
estritamente natural.
Así lograron que, desviando as causas
reais da crise que padecemos, todos, menos os que a provocaron, nos auto
inculpáramos (“viviamos por riba das nosas posibilidades”, din moitos
mileuristas atribulados por ter “abusado” do sistema, “hai que apertarse o
cinto” ou “todos temos que arrimar o ombro”, afirman traballadores que teñen o
ombro dislocado de tanto arrimalo a un
traballo precario, mal retribuído e alienante, en empresas que evaden, amparadas
en subterfuxios de dubidosa legalidade pero de indubidable inmoralidade, os xa
de por si escasísimos impostos que
terían que pagar neste país).
Pero conseguiron
tamén a desmoralización, e mesmo a auto inmolación, da sociedade civil,
invitando ós cidadáns a renunciar ao papel que lles corresponde e a sumarse a
unha especie de festín da corrupción
xeneralizada, fixeron da mentira e do “todo vale” o fío condutor das relacións sociais e
políticas, aproveitando, de paso, para desmantelar servizos e empresas públicas
nunha campaña frenética de privatización directa de todo o rendible ou, previo
saneamento con cartos públicos, de todo o susceptible de garantirlles enormes beneficios sen o máis mínimo risco.
Ademais,
fixéronnos crer que a gradación social básica entre os cidadáns radica na
diferenza entre os que teñen traballo e os parados, entre os funcionarios e o
resto dos traballadores, entre os que teñen algún traballo ocasional e os que
teñen certa estabilidade inestable, entre os mileuristas e os que ganan o
salario mínimo, en vez de afondar na separación esencial: a que existe entre
todos os casos anteriores, tomados en conxunto, e os que, desde a súa situación
privilexiada de poder, non só provocaron a crise senón que foron capaces de
multiplicar as súas ganancias a costa dos que a sufrimos.
Pero, o máis
grave é que todo o antedito foi aceptado pola que se supoñía a sociedade mellor
formada da nosa historia, coa docilidade propia dun rabaño que, como tal,
perdeu a súa capacidade de pensar autonomamente.
Ante esta situación, nin as máis firmes
conviccións en que outro modelo para
regular dunha maneira máis xusta as relacións humanas é posible, resisten á
caída momentánea no pesimismo existencial.
Sumido neste estado, por unha desas inescrutables
asociacións, lembrei unha das máximas que acostumaba a dicir a miña avoa que,
obviamente, non tiña lido ao filósofo Epicteto, pero co que coincide nunha reflexión similar. ”O peor dos medos,
neno, é o medo ao medo”, dicía con frecuencia. De pequeno, aínda que intuía a
súa transcendencia, as súas sentenzas resultábanme tan crípticas que provocaron
en min a necesidade de desentrañalas, o que supuxo un aguillón intelectual
inestimable para o fomento do meu espírito indagador e, polo tanto, crítico.
Nunca llelo agradecerei suficientemente.
Efectivamente, o aforismo deume a clave
para interpretar a situación actual. O medo ten o efecto paralizante que
garante a consecución dos obxectivos do poder, polo que, unha vez aboado o
terreo, nunha pendente esvaradía imparable, introducíronnos primeiro o medo ó
futuro (asumir que calquera alternativa ao que hai leva ó abismo), o medo a nos
mesmos (que non nos recoñezamos), despois, e, por fin, o peor de todos, o medo
ao medo. Atenazados por estes medos, e case sen tempo para reaccionar, perdemos
dereitos humanos inalienables: sociais, laborais, humanos, en suma; perdemos o
estado de dubidoso e desigual benestar
(de que tipo?, para quen?), perdemos a confianza nos alicerces que sustentan o
estado social de dereito, perdemos o
fundamento moral do concepto de xustiza como referente … Podería dar a
impresión de que o temos todo perdido, pero aínda nos queda algo que, por si mesma, xustifica a
resistencia activa para non perdela: a dignidade!
Publicado no
Progreso o 23-2-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario