Gonzalo Pérez López
Case setenta anos despois da súa publicación, 1984, a novela de Orwell,
converteuse hoxe nun éxito de ventas provocado pola asociación, inducida
mediaticamente, coas decisións e actitudes exhibidas sen pudor polo recente
elixido presidente dos EE.UU. Ademais de demostrar que todo é susceptible de
ser convertido en obxecto de mercado, resulta dunha flagrante hipocrisía que os
supostos intelectuais do sistema dominante, con finxida consternación, falen
agora da "habitación 101", de "neolingua" ou da
"policía do pensamento" como se eses elementos da distopía orweliana
agromaran de súpeto animados por un tolo que quere enzoufar a nosa inmaculada
'vida democrática'.
Denunciaron as múltiples vallas levantadas no mundo, os 'guantánamos',
"habitacións 101" e a variada inversión para atentar contra
liberdades e dereitos? Que supón o perverso emprego de eufemismos e a represión
calculada de palabras ao servizo dos intereses do poder, senón a neolingua da
obra de Orwell? Que posición adoptaron ante as accións reais da actual
"policía do pensamento" tendentes ao control social e político dos
cidadáns, para tentar lexitimar a colonización económica a través da
colonización mental? Son estas preguntas pura retórica porque o efecto
devastador dos controis e as colonizacións que lograron leva implícita a
resposta ás mesmas. Asentado o pleno domino na estrutura económica, aplícanse
coa mesma fruición no ámbito das ideas, importante para garantir ese control
total ao que aspiran e que parece escandalizar a algúns dos que prestan a súa
colaboración para acadalo.
Nada novo, polo tanto, agás a necesidade de adaptar as formas á orde nova
do actual momento histórico. Precisamente sobre esa superestrutura ideolóxica
que, a través da uniformización do pensamento, pretende reproducir, asegurar e
lexitimar os intereses da presente fase do capitalismo, quería reflexionar para
desenmascarar as andrómenas que foi entretecendo con habilidade cara ao logro
dos seus obxectivos. Foron moitos os pensadores, desde o primeiro terzo do
século pasado, que deron conta de como se foi xestando ese control ideolóxico,
que chamaremos aquí "pensamento único", alertando das intencións do
mesmo, describindo as características que ía adoptando en función das
necesidades inmediatas do sistema dominante e advertindo das consecuencias
alienadoras para a humanidade que se derivarían de lograr impoñerse
universalmente.
Parece obrigado recoñecer a importancia da achega gramsciana da
"hexemonía cultural", tanto pola novidade do seu enfoque como pola
influencia exercida. Con ela, patentiza como a clase dominante impón a súa
cosmovisión e os seus valores para convertelos na ideoloxía dominante comunmente
aceptada. A consideración da hexemonía como expresión da dominación e a súa
incorporación á análise política resultaron un acicate cara á reflexión sobre o
tema que nos ocupa. Non menos importantes foron as contribucións da Escola de
Fráncfort. Así, por exemplo, Horkheimer, critica a razón que, impregnada por
unha lóxica de dominio, devén en razón única instrumentalizada para salvagardar
o sistema. Marcuse fala dun "pensamento unidimensional" como
resultado da imposición, tanto no ámbito público como no privado, da única
dimensión do pensamento liberal: a económica. Máis recentemente, o galego
Ramonet reelaborou o concepto de pensamento único para expresar como o
economicismo neoliberal, no seu afán de universalizar os intereses do capital
financeiro internacional, se presenta como o único pensamento válido. En
síntese, caracterízase polo predominio do económico sobre o político e a
imposición do mercado como único criterio regulador da distribución da riqueza.
Para asentar ben isto idearon a globalización económica, a división
internacional do traballo para abaratar salarios, a privatización, a
competitividade, o individualismo, o consumismo, a obsolescencia calculada de
calquera produto e a redución ó mínimo do estado como paliativo das inxusizas
implícitas no capitalismo e a ampliación ó máximo para compensar calquera
diminución da plusvalía da clase dominante. A idea que vertebra esta ideoloxía
é que o mercantilismo apuntado é algo natural e pensar outra alternativa
considérase como unha enfermidade adolescente, converténdose a aceptación dese
pensamento único como o rito de paso para ser recoñecido socialmente. Escapando
de idealismos interesados, resulta evidente que a dominación derivada do
pensamento único non depende do pensamento en si, senón da enorme asimetría na
distribución de poder na sociedade actual. Igual que na novela orwelliana, o
'Gran Irmán' ten o control absoluto.
A monopolización dos medios polo poder establecido actúa hoxe como a máis
eficaz policía do pensamento, exercendo unha estreita vixilancia para garantir
que a maioría pense e actúe de acordo aos patróns impostos polas elites, pero
que asume e emprega como se foran propios, aínda que vaian en contra dos seus
intereses obxectivos. Ante a forza destrutora do monstro manipulador, cal será o
nivel de resiliencia esixible para non vernos arrastrados polo pensamento
escravo e a subseguinte acción alienada que provoca?
Publicado no Progreso o 25-2-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario