Miguel Ángel Martínez
Que significa actualidade? Por que o actual considérase mellor que o non
actual? Actualidade é concepto reitor de vidas privadas e destinos colectivos.
Criterio de decisión. Autoridade totémica, protectora. Garda dunha orde social
que debe avanzar para manterse viva. Peneira sagrada que criba o útil do
prescindible.
Concíbese a actualidade como anticipación certa do futuro. Estar informado
da actualidade, por exemplo, é coñecer o que chega, está chegando, chegou hai
un intre, mais aínda non é para todos. Ser "actual" é chegar primeiro
ao que vén, antes que outros, que todos os outros. É a maneira de triunfar na
competición que é a orde social avanzada. Na que o porvir é posibilidade, e o
agora realización desa posibilidade.
Observadas desde este ángulo, as persoas traballan no precipitado do
futuro. Adherirse aos feitos que verte o futuro, baleiran o presente, borran o
pasado, é o actual. Isto fai imposible que inscriban e rexistren con sosego a súa
experiencia vital. Quen marca este futuro? Quen dita o porvir?
O imperio da actualidade (na toma de decisións políticas, económicas,
tecnolóxicas, empresariais, xornalísticas, por exemplo) fai desaparecer o
tempo. O que non procede do futuro estímase non actual, xa que logo, inválido.
Inclusive falso. Aquí medran as ideoloxías do futuro. Converten a
interconexión, pantallización, dixitalización, en conceptos reguladores. A
seguridade, control, previsión, en ideas forza. A orixe, autenticidade, pureza,
en correntes que brotan do porvir. As persoas de boa fe cren nese futuro, na
interpretación única do futuro. Futuro do que xorde o presente máis hostil e
deshumanizado.
Sobredimensionar a actualidade promove nas persoas expectación e presas
para non perderse o que en cada momento se fai actual. Paciencia, demora,
prudencia, maduración, silencio, non se axustan á actualidade. Desbótanse.
Organizada polo tempo maquínico (funcionamento das máquinas, pantallas, redes),
a actualidade afástase da experiencia humana. Tórnase abstracta. Irreal. Unha
forma de alienación eficaz na que as persoas se mergullan sen precaución. Un
pseudotempo imaxinario, mais existente, que reclama e promove fascinación.
A actualidade é presenza viva dun futuro ideado, validado, realizado por
grupos de interese que asumen o risco de pechar o acceso á posibilidade da
experiencia das persoas: memoria e reflexión. Sabedores de que minorar a
distancia crítica e meditación sosegada dificulta a construción de sentido,
aceptan vehicular as súas desoladoras consecuencias en forma de devoración e
produción incesante de actualidades.
Na cultura occidental o acceso á posibilidade de exercer a memoria
reflexiva noméase filosofía. Velaí a cerna da liberdade e integridade persoais.
Intimidade de nós que convoca aos achegados, e a todos, para volver sobre o
vivido e meditado durante miles de anos pola especie, co fin de practicar o
coidado mutuo, razoable e racional.
A pesar das aparencias e dificultades, a actualidade inclúe, dentro de si,
a filosofía. É dicir, aínda existe a ocasión de apoderarse nun modo de vida
modesto e resistente, capaz de sentir vergonza. Vergonza que esperta a
conciencia do nada da actualidade.
Publicado no Progreso o 4-2-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario