miércoles, 1 de marzo de 2017

Días con conciencia



Mª Isabel Sánchez Corral

            Ao longo do ano imos celebrando datas sinaladas en conmemoración de certas efemérides. Estamos a falar deses días que lembramos a golpe de calendario: día internacional da muller, día do traballo, día da paz, día do medio ambiente, día do neno, día da auga... e así o calendario tórnase infinito.
            Tanto día e tanta celebración xenera nalgunhas persoas certo escepticismo. Asalta o pensamento de que isto non serve para nada e que en certa medida lavamos a nosa conciencia. Acordarse e participar nalgo nesa data depura os remorsos. Quizais non lles falte razón, e estas celebracións ou recordatorios realmente non serven senón para encher un día anodino na institución e un día diferente nas aulas, quedando todo aí. É máis, xorde tamén a polémica na inutilidade de lembrar certas datas, como o 25 de novembro, día Internacional contra a Violencia Machista, e pensar que os actos e os recordos xa non serven, pola contra,  tanta publicidade provoca o efecto “chamada”.
            Nesta última reflexión hai unha confusión de base, pensar que o que non se fala non existe. Baixo a frase “antes isto non pasaba”, escóndese  a realidade de que o que non pasaba era a visualización da violencia, pero non por iso deixaba de existir. Non existe no escaparate desa sociedade pulcra que de portas cara adentro, na trastienda,  maltrata mulleres, nenos, nenas,  abusa sexualmente de menores e comete todo tipo de violencias que sofren sempre a parte máis vulnerable da sociedade. Violencias arraigadas ainda na nosa sociedade e que por non falar delas non deixan de existir.
            Lembrar esas datas, si. Se isto lévanos a relacionar a realidade co calendario, a que non quede todo nun día. A que o 10 de decembro, día Internacional dos Dereitos Humanos, non quede en tinta. Porque a tinta se converte en sangue cando morren persoas por falta de luz, auga, comida e un sitio sobre o que gorecerse. Os seres humanos necesitamos ter unhas necesidades básicas cubertas, para a partir de aí poder desenvolvernos como persoas, como cidadáns. Por esta razón sobran as fronteiras e falta solidariedade (que non caridade); sobra destrución e falta distribución da riqueza. Non podemos mirar a outra lado cando morre unha persoa, xa sexa no mediterráneo, na súa casa por un corte de luz, dunha malleira ou froito dunha guerra allea aos seus intereses.
            Días con conciencia que nos fagan responsables todo o ano das nosas actuacións. Pensemos que si só os consumimos acabaremos protagonizando as consecuencias da súa vulneración. “Vivir a miña vida é unha sorte, pero podería estar a vivir a túa”.

Publicado no Progreso o 14-1-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario