José Domingo de Prada
En 1979 Lyotard escribe ‘La condición posmoderna’. Desde entón abriuse unha
polémica para tratar de clarificar se aínda estamos no período moderno ou se xa
o superamos e entramos na posmodernidade. Moitos consideran esgotados e caducos
os esquemas da modernidade, especialmente os derivados da Ilustración. A
frustración ante ideais perdidos e a necesidade de novas expectativas tentaron
abrirse paso pregoando unha nova época.
En ‘Nosotros, los modernos’, Alain Finkielkraut analiza o significado da
modernidade dende o século XXI ofrecéndonos interesantes matices. Destaca a
influencia do coñecemento -en especial do científico-, a importancia da acción
que terá como finalidade a (re)construción do mundo e reflexiona sobre como
afectou ao século XX e aos comezos deste XXI. Tal parece que a modernidade
aínda non feneceu, dende logo non esta tan morta como algúns pretenden.
Finkielkraut inicia a súa mirada tratando de situar a orixe do home moderno
e establécea nun autor case esquecido hoxe, Pico de la Mirándola, quen en 1482
reescribe o relato do Xénese subliñando que Deus creou ao home para que houbese
alguén que puidera admirar a súa obra e, tras facelo dunha forma indefinida,
faloulle así: -«Non che demos ningún posto fixo, nin unha faciana propia, nin
un oficio particular, Oh Adán!, para que o posto, a imaxe e os empregos que
desexas para ti os obteñas e posúas pola túa propia decisión e elección»-.
Sitúa así a orixe da modernidade nesta relectura do Xénese na que o home se
independiza de Deus. Esa independencia vai supoñer, tamén, que queda só,
desvalido. O home moderno ten que facerse a si mesmo e, á vez, ten que facer o
mundo, pero non sabe moi ben como ao non ter un guía. Non era así para o
medieval, home fundamentalmente relixioso que tiña xa estipulado o que debía
facer: o mesmo que o resto das criaturas, debía glorificar a Deus. A novidade
de Pico de la Mirándola consistiu en liberarnos desta esixencia glorificadora
e, ao perdela, perdemos as ataduras coas tarefas que implicaba: ter que
obedecer permanentemente o que Deus mandaba (as máis das veces a través dos
seus ministros ou intermediarios).
Ao quedar desvalido, este home moderno, non é nada. Se o home antigo era
fundamentalmente ‘natureza’ e o medieval ‘crenza’, agora todo se perde, pois
nin se recoñece como un ser natural, nin como un ser glorificador. Neste quedar
só consiste a radicalidade da modernidade. Se non somos nada, que somos? A
resposta a esta situación vai chegar da man de dous pensadores que establecerán
o punto de inflexión dos novos tempos.
Un será Francis Bacon, con el a modernidade deixa de lado a autoridade e o
natural adquire unha inocencia orixinal, que lle vai permitir (re)modelar o
mundo á imaxe e semellanza do propio home, e rematará no ideal de progreso, que
procurará, entre outras cousas, o acceso lento -penoso ás veces- ao
coñecemento.
O outro pensador é René Descartes, quen non satisfeito co que lle
transmitían os legados do pasado, decide aprender no ‘gran libro do mundo’.
Crea un novo método de traballo e a partir del preguntarase e preguntará á
realidade como funciona; a construción do coñecemento deslígase do pasado e da
revelación.
A modernidade culmina na Ilustración, onde o home se fai autosuficiente,
‘maior de idade’ na célebre expresión de Kant, liberado de titores e
confesores. O home moderno é o que el mesmo fai de si mesmo, seremos o que
queiramos ser, coa única condición de que o fagamos.
Pola contra, o home posmoderno trala perda dos metarrelatos vólvese
ecléctico, acepta calquera idea ante a incapacidade de sopesalas, a realidade
tórnase líquida ante el (Bauman), móvese continua e indefinidamente, faise
volátil -por usar un termo financeiro, xa que tamén el mesmo acabará cotizando
nas bolsas de valores a través dos xigantes informáticos que mercadean cos seus
datos persoais-. O cambio convértese no seu elemento constituínte, pero carente
agora de metas, e trastócase nun cambio compulsivo ao que só lle importa
moverse, aínda que só sexa en círculos. O subxectivismo imponse, o que
descualifica as certezas e a razón deixándonos ante a intuición e o azar.
A posmodernidade é sedutora (Lipovetsky), fainos consumistas e hedonistas,
todo nace fenecido -modas, obsolescencia programada-. A virtualidade substitúe
á realidade: imaxes, plasmas, teclados e conexións wifi estrutúrannos. O noso
pensamento é analizado pola enxeñería social, e a nosa realidade, incluso a
física, é virtualidade programada que analiza o que queremos ou o que podemos
necesitar, se é que hoxe hai diferencia entre ambos conceptos. Entramos entón
no reino da confusión, no que as palabras xa non significan o que significaban,
senón que ocultan o que non queremos que se exprese mentres falamos.
Así, para algúns, tras observar este proceso é difícil definirnos, nin deixamos
de ser modernos nin somos aínda posmodernos. Xorde a dúbida aínda con máis
virulencia cando pensamos no Presidente de Goberno: chegou á Moncloa prometendo
que faría as cousas «como Deus manda», que faría «O que sempre se fixo e o que
se debía facer». Tras este tempo de goberno só se nos mostra virtualmente,
‘plasmático’, repetindo o seu discurso como nun replay: estamos a facer as
cousas «Como sempre se fixeron», «Como está mandado», «Como Deus di». Onde
situalo, é moderno ou posmoderno? As súas verbas terán un sentido oculto?
Publicado no Progreso o 30-8-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario