sábado, 4 de octubre de 2014

Verdade histórica e retorno da xeopolítica



Juan Carlos Fernández Naveiro

Catro nenos que xogan nunha praia de Gaza ou un pasaxeiro de avión que despega de Amsterdam e sobrevoa o espazo aéreo de Ucrania, encarnan unha fatalidade biográfica (por que ese e non outro, por que el e non eu), a vida está exposta á contixencia que reparte sorte e desgraza, a producir innumerables vítimas colaterais.
Os acontecementos están sen embargo tan trenzados de antecedentes que determinalos sempre é complexo, máis non por iso carecen de explicacións, incluso os feitos máis reprobables obedecen a procesos nos que se entrecruzan intereses, propósitos, sentimentos e de seguro tamén razóns. Está por tanto no certo Pablo Iglesias, o líder de Podemos, cando di que a violencia de Eta ten explicacións políticas, cousa que non implica ningún xuízo de valor senón que se trata dunha simple costatación epistemolóxica, tan xenérica que permite darlle tamén a súa parte de razón a Vladimir Putin cando di que o avión malasio non tería sido derribado se o exército ucranio non tivera intervido no conflito cos separatistas prorusos (o que é unha especie de autoacusación), nin o exército israelí tería desatado a operación Marxe Protectora se os palestinos non se botasen previamente nas mans de Hamás. Todas as razóns son parciais e por iso en parte falsas, e tan difícil de aprehender a verdade histórica desde un punto de vista obxectivo e de separala das xustificacións desde o punto de vista dos fins que se persiguen ou dos valores que se defenden.
Pódese apreciar ese xogo de motivos superpostos da verdade histórica nunha das conmemoracións centrais de 2014, o centenario da Primeira Guerra Mundial. Pódese dicir que a súa causa foi o atentado do activista serbio Gavrilo Princip que lle costou a vida ao archiduque Francisco Fernando de Habsburgo en Sarajevo? Podería ser en todo caso a chispa que prende un incendio, que non se houbera producido sen a militarización do II Reich ou sen a previa humillación francesa pola proclamación da unidade alemana en Versalles, por non falar das expectativas creadas pola propaganda, o nacionalismo ou o futurismo.
Aínda sumando todas as causas nunca é previsible -como dí o novelista francés Jean Echenoz na espléndida ‘14’- que a guerra vaia comenzar xustamente este sábado, pois a continxencia tamén é parteira da Historia, e non menos que as causas tamén as consecuencias conteñen variables fóra de control. «Asunto de quince días -escribe Echenoz- salvo que quince días despois, trinta días máis tarde, ao cabo de máis e máis semanas, cando comenzou a chover e os días pasaron a ser máis fríos e curtos, as cousas non foron como estaba previsto». Como adoita dicirse, aínda que se saiba como comenzan as guerras nunca se sabe como acaban, como mostra o exemplo iraquí, e por iso os paralelismos históricos son sempre tan enganosos, pero son tentadores e sobre todo didácticos, porque mostran que ao lado das variables posibles os feitos tamén están trenzados de constantes.
1914 e 2014: nun e noutro caso abundan as rivalidades entre élites que se sinten amenazadas porque pertencen a imperios en declive, e advirten profundas transformacións na distribución global do poder. De canto poder americano poden prescindir as élites de Israel, alimentadas polo extremismo de Hamás, cada vez máis decididas a actuar por sí mismas, a resgardo do seu propio paraugas ofensivo? Canto poder ruso precisan os rebledes de Donetsk para non sentirse fagocitados por Occidente? Estranos camiños levan agora a EE.UU. a necesitar a influencia crecente de Irán no avispeiro sirio-iraquí, pero que efectos terá eso nas élites saudíes? O comercio mundial do petróleo e a extensión do yihadismo dependen de equilibrios cada vez máis fráxiles e menos garantizables por ningunha superpotencia.
Deberíamos sacar algunha lección dese ciclo tremendo que se inicia nas trincheiras da Gran Guerra e continúa coa invasión de Polonia que encende a Segunda Guerra Mundial (agora en setembro conmemoraranse os 75 anos), unha Guerra dos Trinta Anos que rematou con Hiroshima e a creación da Onu. De aí saíuse mediante políticas redistributivas e a creación dos Estados de benestar, e pretendendo superar rivalidades que quedaron conxeladas pola política de bloques, para reaparecer despois, rexurdindo unha orde internacional de novo basicamente hobbesiana: a política como unha pura función da forza. Non hai estruturas políticas globais axeitadas a un mundo multipolar. Estase a fracasar por arriba na tarefa de trenzar soberanías e constituir cidadanías cosmopolitas, igual que se está a fracasar por abaixo co aumento das desigualdades. Nin transversal nin inclusiva, vivimos nun simulacro de cidadanía.
En Oriente Medio e toda Asia, pero tamén en África e Latinoamérica e cada vez máis en Europa, terra, relixión e raza volven ser criterios para afirmar esferas de influencia. As loitas que se poden agardar no futuro semellan así moi parecidas ás tensións da vella xeopolítica, que incendiaron o mundo hai agora cen anos.

Publicado no Progreso o 16-8-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario