Mª del Mar Carballo Cela
Os seres humanos buscamos na cultura e na sociedade
minimizar as inseguridades e inquietudes ás que a nai Natureza nos ten
sometidos, e se unha cousa fomos acadando co progreso foi, precisamente,
acrecentar esa sensación de protección que mellora a nosa calidade de vida.
Evidentemente, hai incertezas e avatares que temos que aceptar, pero os logros
en canto á supervivencia e á saúde foron enormes. Resulta gratamente
tranquilizador saber que a organización do grupo no que te integras fará todo o
posible porque non che falten medios para poder garantir os recursos necesarios
para vivir. E digo esta obviedade porque, ás veces, faise necesario recordar o
obvio. A pretensión de facernos tragar estupideces interesadas pode ser tan
teimuda que acabemos defendendo posturas claramente contrarias ón nosos
intereses.
Últimamente oigo, con certa frecuencia, o discurso de
que debemos facernos á idea de que se acabaron as seguridades, entre outras, as
relativas á consevación dun posto de traballo, e que ademais temos que aceptar
esta máxima como a mellor garantía para un futuro próspero derivado do
crecemento económico ó que esta actitude nos conducirá. E inmediatamente xorde
o exemplo dos Estados Unidos, o peor pesadelo dos meus ideais de benestar
social. Pero resulta que este discurso está calando e, para a miña sorpresa,
está sendo asumido en vez de reivindicar como ideal polo que loitar un mundo no
que aspirar á tranquilidade e á seguridade. Os propios traballadores estamos
empezando a vernos, de natural, como utensilios ó servizo dos intereses da
empresa e non nos outorgamos a mesma dignidade que merecen os intrépidos
emprendedores, que parecen ser o equivalente moderno ós heroes clásicos da
Ilíada. Parece que ata che boten en cara querer aspirar á seguridade, oia! pois
a min como meta que situar no horizonte dos ideais, non me parece tan mala
idea!, mellor iso que aceptar sen máis a espada de Damocles enriba da cabeza
como estilo de vida, moi desexable, dende logo, para as elites postas a
cuberto, pero ben lonxe do interese xeral ó que debe servir todo goberno.
Non me parace de recibo que unha persoa que precisa de
tres minitraballos para chegar a fin de mes, cunha xornada laboral inhumana,
falta de descanso (estou falando de casos reais), teña que oir o afortunada que
é. Claramente estase perdendo a conciencia do que significa ser un traballador:
a base que sustenta todo o entramado social.
Reivindico a seguridade como idea pola que loitar,
porque as ideas ás que se aspira non só marcan unha meta, senón que delas se
derivan toda unha sorte de valores que fan mellor ou peor a unha sociedade no
camiño que percorre. En parte, estamos retrocedendo porque o pobo non acaba de
tomar conciencia dos seus dereitos e, ante a confusión de tanto ruído
informativo, acepta as migallas que lle van ofrecendo como o mellor dos males.
A palabra “seguridade” acompaña os logros máis
importantes da convivencia: seguridade social, seguridade nacional, seguridade
xurídica, …A ver se agora temos que empezar a falar das súas correspondentes
“inseguridades” como modelo de progreso e acoller entusiasmados o novo rumbo
que pretenden marcarnos. Parece que se nos olvide que a loita pola dignidade
foi longa, e demasiado custosa como para que agora aceptemos que non somos nada
máis que peóns ós que mover segundo as necesidades de producción. É máis,
paréceme que olvidalo é unha falta de respecto para aqueles que deixaron
sangue, súor e bágoas en construír un legado que agora nos deixamos arrebatar.
O progreso económico non serve de nada se non vai
acompañado dun progreso ético. Se as persoas non nos sentimos protexidas polo
grupo, a estratexia do grupo e a súa propia existencia deixan de ter sentido,
convértese naquelo que intentamos superar: a competencia cruel e solitaria, a
insolidariedade, o temor….a inseguridade.
Publicado no Progreso o 21-9-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario