José Domingo de Prada
Hai uns anos cando esta sociedade estaba menos instruída do que está agora,
falábase con orgullo da boa educación. Despois o termo caeu en desuso e
substituíuse pola perífrase “politicamente correcto”, expresión un tanto
“cursi” que naceu xa pasada de moda. Mentres a boa educación estivo vixente,
expresou unha forma socialmente aceptada e valorada de comportarse, na que
predominaba o control dun mesmo e a avaliación das circunstancias concretas que
repercutían en cada acto.
A vixencia da boa educación culmina na Modernidade, que herda as boas
formas ilustradas do século XVIII e quebra coa chegada da Posmodernidade. Nas
últimas décadas do século XX o termo comezou a perder forza coincidindo co auxe
do novo liberalismo, coa crise das ideoloxías e coa busca dunha liberdade
individual exacerbada, característica da época, que levou a romper normas, ás
que definiu como restritivas. A consecuencia inevitable foi que –sen normas–
caeuse na escravitude dos desexos.
Reclamábase a liberdade individual, pero realmente o único que socialmente
se conseguía era a liberdade económica, que permitiu a quen soubo e quixo
aproveitarse dela, sen cuestionarse dilemas morais, pingües beneficios (véxase
a situación política actual). Non se dubidou en cualificar á boa educación como
imposición e, por extensión, tamén se cualificou de imposición á educación en
xeral. Finkielkraut sinala esta quebra posmoderna na confusión entre “o mestre
que instrúe e o amo que domina”.
A liberdade individual, entendida como dereito a gañar cartos e a realizar
a inmediatez do propio capricho, erixiuse como único valor aceptable. Así, a
sociedade valoraba aos que gañaban moito e quedaban nun segundo plano os que
sabían, os que tiñan experiencia ou incluso os ben educados.
Esta exaltación da liberdade individual levou a excesos, aos que houbo que
poñer algún límite, e para iso inventouse o do “politicamente correcto”, pois
ninguén se atrevía a recuperar o que botáramos no lixo –a boa educación parecía
un prexuízo arcaico e intolerable–. No seu lugar impúxose o “politicamente correcto”,
unha mala copia, máis feble, sen carga histórica, baleiro, sen conceptos que o
ampararan e sen mestres que o tiveran imposto. Tal parecía como se o
“politicamente correcto” acabara de caer do ceo como un “maná” en estado
virxinal. Por certo, este pseudoconcepto íalle moi ben as nosas sociedades
pseudopensantes, levantadas sobre pseudoideas a medio estruturar e bastante
burdas, nas que se confunde cultura, natureza, saber, ignorancia, valor,
cartos..., e nas que, desde logo, non se sabe estar cun mínimo de dignidade ou
de ética e preténdese acadar o lexítimo e o ilexítimo coa mesma soltura e coa
mesma naturalidade.
Rapidamente o “politicamente correcto” utilizouse como elemento de control do que se dicía ou
facía nas sociedades. Coartaba o modo de actuar dos individuos, aínda que
paradoxalmente non tiña influencia sobre
o modo de ser, nin o pretendía, pois é un termo do ámbito do simulacro das
sociedades posmodernas, e nel só interesa non ferir a sensibilidade do
espectador. O simulacro convértenos a todos en simples espectadores e non pode
molestar a nosa sensibilidade por se decidimos voluptuosamente ceder ao desexo
de cambiar de canle ou de alterar o sentido do noso voto.
O “politicamente correcto” permítenos ser uns bárbaros maleducados na nosa
vida privada, pero esíxenos un comportamento determinado de cara á sociedade.
Educación de portas para fóra, ou o que é o mesmo falta de educación, pois a
verdadeira educación lévase dentro. Carentes de modelos de actuación, cando
aparecía alguén ben educado había que fuxir del, pois podía coartar a nosa
liberdade. Empezamos a deixarnos influír por arribistas e manipuladores
maleducados, que berraban pola liberdade de cada quen para logo impoñernos as
súas regras e facer os seus negocios.
Fixéronnos crer que nos liberaban do corsé das normas sociais, máis
atáronnos coas ligaduras dos seus intereses impostos coas sogas das leis
escritas nos Boletíns Oficiais. Á vez, eles obtiñan beneficios netos. O
“politicamente correcto” impedía que nos rebelaramos, aínda que fose
educadamente. Pecháronnos a boca e as accións coa milonga do “politicamente
correcto”, que, como non significaba nada, pasou a indicar “o que quere o que
logra o poder”.
Así, en moi poucos anos, a nosa sociedade foi cedendo a súa capacidade de
reacción. Todos fomos culpables (ós políticos dun e outro partido, eu mesmo,
vostede, o resto dos nosos concidadáns e ás institucións coas que nos
relacionamos a diario). Esta sociedade leva tragados carros, carretas, rodas de
muíño e muíños enteiros. Xa vai sendo hora de que sexamos educados ao vello
estilo, con firmeza, desenmascarando decididamente ao que ten posta a careta do
interese propio, chamando ás cousas polo seu nome, como se facía desde a boa
educación que esixía honestidade persoal, moral e intelectual (e, por suposto,
económica).
Os cidadáns ben educados son críticos e previdos ante o poder, os politicamente correctos submisos e
confiados. ¿Como pensan vostedes que nos prefiren os nosos gobernantes?
Publicado no Progreso o 20-7-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario