jueves, 13 de febrero de 2014

Tragadeiras e regresión social



Gonzalo Pérez López

Tería eu seis ou sete anos, a cabalo entre os cincuenta e os sesenta, coa ditadura en plena canícula, cando desembarcou na vila un cura expresamente encargado de aqueles castradores “exercicios espirituais” cos que, cada Semana Santa, nos obsequiaba  o párroco no seu afán por reconducir ás posibles “ovejas descarriadas”. Especialmente arrepiante resultaba  a específica preparación para a confesión dos nenos. Lembro con nitidez  o paralelismo que facía aquel cura entre a gradación de pecados, segundo a súa gravidade, e batracios e réptiles varios que pululaban polo noso interior e que, como os pecados a confesar, pugnaban por saír. Se lograbas expulsalos, recuperarías a posibilidade da contemplación divina, do contrario, quedarías destinado ó infernal castigo. Durante anos, facíaseme presente aquela escena do sapo-pecado que, atrapado na miña gorxa, volvía cara atrás, acumulando pecados inconfesados, que me oprimían o diafragma ata impedirme alentar. Terrible tortura aquela, sen dúbida.
Pero, quen me ía dicir que, co paso do tempo, recuperaría aquel represivo e cruel esperpento  infantil como metáfora idónea para reflectir  as últimas décadas da nosa historia? Como podía  imaxinar que acabaríamos expiando no presente a culpa por ter tragado tantos pecados sociais e políticos desde a morte (só física) de Franco ata hoxe? Unha retrospectiva histórica, non exhaustiva,  permitiranos esbozar as claves explicativas do proceso. Intentémolo.
Tras case corenta anos de ditadura e tres  de algo menos dura (o franquismo sucedéndose a si mesmo, baixo o modelo bruto de Arias-Fraga ou do refinado de Suárez), aprobouse a Constitución de 1978, elaborada tras un posibilista consenso entre conspicuos franquistas, franquistas transformados en demócratas conversos, os que din que se opuxeron á ditadura pero de tal maneira que ninguén se decatou e un representante dos que, tendo loitado contra o réxime de Franco con máis ou menos acerto, pero arriscando as súas vidas, aceptaron participar neste xogo consensual.
Os estrategos dese consenso que nos devolvería ó estado de dereito e á democracia formal (incluso a este nivel, tan escasa no noso devir histórico), incluíron no acordo o propagar que a constitución era a “mellor das posibles” (que era como non dicir nada, se ben  traducible polo “permitido polos poderes fácticos”), que representaba o triunfo das que, sen rigor conceptual, deron en chamar “forzas democráticas” ou que supoñía  o “final da transición”, palabra difusa que nunca  explicou a onde transitabamos.
Para poder recoller no texto constitucional aquilo de que somos cidadáns (nunca o fomos en sentido pleno) dun estado social, de dereito, coa correspondente división de poderes (aínda sen tradución real hoxe), aconfesional (en ningún momento a igrexa católica fixo o haraquiri para absterse da súa intromisión e influencia na toma de decisións políticas),  invitóusenos a tragar sapos, algún deles enorme, como o da monarquía, forma de estado de infausto recordo histórico para nós, personalizada en quen aportaba como único “mérito” para ostentar a xefatura do estado  ter sido elixido polo ditador para prolongarse no tempo. É verdade que a meritocracia non é unha contribución propia dos monarcas que no mundo son, pero, neste caso, o engadido de ser o encargado de cumprir os designios do “Caudillo de España por la Gracia de Dios”, non representaba, precisamente, un incentivo para  calquera  aspirante a acadar a categoría de cidadán.
Para paliar a embarazosa situación, tanto os que crían cumprir a vontade de Franco como os monárquicos conversos, emprenderon unha febril campaña de  maxia e corramos un tupido veo que fixeran tragable tal desatino, intentando que o propio monarca acabara por convencerse de que a súa mesiánica misión non era outra que a de “traer a democracia” a este sufrido país. Con tan excelsa labor colaboraron os medios, invitándonos a xogar á monarquía e custodiando celosamente o tabú creado ó redor da figura e a actuación do xefe de estado, familia e círculos de poder próximos.
A maioría silenciada, que inxenuamente pensou que deixaría de selo, tragou ese sapo a cambio, supoñía, dos beneficios que lle reportaría ese “estado social e democrático”, versión serodia do estado de benestar, ese invento necesario do capitalismo, mestura de doutrinas keynesianas e adornos socialdemócratas, para reactivarse e frear calquera intento de alternativa.
Dado que partíamos das catacumbas en materia de dereitos, as faragullas que nos deixaron sufriron en nós un efecto amplificador, levándonos a pensar que os dereitos da letra constitucional só eran punto de partida de superiores conquistas e impedíndonos ver o que nos quedaba por tragar, xa que sen unha reforma fiscal autenticamente progresiva e soportando  as rendas do traballo a maior carga impositiva, o estado social era unha quimera. Nesas estabamos cando o capitalismo mundial provocou outra desas cíclicas “crises necesarias”, intrínsecas ao sistema, e o que pensamos consolidado e punto de partida converteuse en punto de chegada  e volta atrás en pendente. Desactivado o sempre necesario estado de alerta crítico e infantilizados por tanta maxia e milagre, tragamos a “culebra” das consecuencias da crise, autoinculpándonos da mesma e quedando, así, sen capacidade de reacción social fronte á brutal campaña privatizadora  e de recorte/perda de dereitos emprendida polo poder.  Aquel estado social precipítase cara ó seu deceso  sen solución de continuidade.
Reducido o Parlamento ao papel de comparsa  formal, o executivo gobernando  por medio de decretos-lei  (case corenta en ano e medio de lexislatura), unha boa parte deles  en dirección  contraria ó defendido no seu programa electoral, espoliados de dereitos básicos, a corrupción ganando espazo, cunha igrexa institucional insolidaria ante a crise e marcando programa e axenda do executivo en materias que afectan a dereitos e liberdades individuais, co asociacionismo  en retirada, dado o individualismo imperante, cuns medios ferreamente controlados polo poder, sen reforma fiscal  solidaria no horizonte, perdida a esperanza de que o poder xudicial, piar básico para que o estado de dereito sexa tal, reconduza a desfeita constitucional emprendida, co Tribunal Constitucional  seriamente mediatizado politicamente e convencidos de que a xustiza non é igual para todos, é dicir, encontrándonos en estado de privación cidadá, deglutimos o máis grande pecado socio-político, a “culebrona”, en terminoloxía do cura aquel, que nos condena a expiar a culpa por tempo indefinido. Tal pecado supón asumir que a democracia real universal, esa lexítima aspiración permanentemente cernada, non pode pasar dun soño mentres o poder siga nas mesmas mans dos que secularmente o ostentaron e a plutocracia globalizada exprese a forma de goberno mundialmente dominante.

Publicado no Progreso o 3-8-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario