Gonzalo Pérez López
Dende que iniciou a súa andaina cara
a facerse co control global da humanidade, o capitalismo foi expresándose
historicamente de variadas formas e
aliándose sucesivamente con diferentes compañeiros de viaxe, segundo as súas
necesidades puntuais. Dende o século XIX, ven demostrando unha capacidade de
adaptación moi superior ó que prevían algúns dos seus críticos, aplicando en
cada momento histórico a estratexia máis axeitada para lograr simultaneamente o
freo de calquera intento de organizar a sociedade en beneficio de todos e o
desenvolvemento das ben calculadas accións de explotación cara a multiplicación
sen límites da plusvalía que o sostén. Así, alternou momentos de máxima
exclusión con formulacións momentaneamente
compensatorias e tan propicias para as súas pretensións como o “estado de
benestar”, por exemplo, provocou e xestionou crises cíclicas para saír
reforzado das mesmas, manifestouse como neocolonialismo ou imperialismo para
expresar sen pudor ata onde está disposto a chegar para abortar calquera
intento de poñer en cuestión o seu dominio, botou man do fascismo, entendido en
sentido amplo, combinou a “guerra fría” coa “guerra quente”, creou o FMI
despois da Segunda Guerra Mundial como unha institución teoricamente neutra,
pero o transformou en administrador dos seus intereses, actuando como azote dos
países pobres, converténdoos en dependentes, espoliando as súas riquezas naturais e deixándoos atrapados nun
bucle do que non poden escapar; potenciou, noutro momento, o neoliberalismo e a
globalización económica, co seu corolario social, cultural e político,
impoñendo o libre fluxo de capitais, a privatización de empresas públicas,
minimizando o papel dos estados e potenciando a creación de paraísos fiscais
como blindaxe protector ante calquera veleidade confiscatoria e redistributiva
da riqueza, orientando todo isto a facilitar, en cada momento, a imposición do
capitalismo como sistema hexemónico a nivel planetario.
Ante tamaña ameaza, discutir sobre os matices diferenciais entre fascismo, imperialismo ou
neoliberalismo parece puro diletantismo, e poñer a énfase nas diferenzas entre
os primeiros e o neoliberalismo,
presentando a este como cualitativamente distinto para salvalo da crueza ao que
nos remiten aqueles, un despropósito.
Así, calquera intento de dilucidar se o que padecemos hoxe a nivel mundial
responde ou non ao que canonicamente se pode denominar fascismo, se non o
situamos no marco amplo da explotación do home polo home, corre o perigo de desembocar
nun mero xogo terminolóxico que nos
afaste da realidade que pretendemos describir.
Só alguén interesado, amnésico, ou afectado ideoloxicamente polo síndrome
do “fin das ideoloxías”, pode cualificar
como trasnoitada e obsoleta a
apelación á explotación citada para explicar o momento presente, resultado do
devir histórico da humanidade. Que poidan existir hoxe persoas que pensen isto
de boa fe, demostra ata que punto a anestesia mental aplicada produce efectos
sobre a poboación que permiten realizar con precisión a extirpación calculada
da capacidade analítico- crítica no ámbito do pensamento que coadxuve ao plan
estratéxico despregado no ámbito económico.
Con tal bagaxe, o neoliberalismo non necesita, polo momento, botar man en
Europa de proclamas estentóreas, xa que non precisa cruzar aínda a liña
divisoria que o separa do fascismo dado que, como sistema, bastase para ter o control social, dispoñendo dunha
combinación de exclusión e autoritarismo, ameazando con atravesar a liña, se
fora necesario.
Se observamos o mapa electoral europeo, podemos detectar o considerable
avance do voto a partidos que nos programas, e nas actitudes que derivan deles,
ofrecen unha opción parafascista que raras veces tratan de ocultar. En diversos
países teñen representación parlamentaria e mesmo participan en varios
gobernos.
A peculiaridade do estado español consiste en que, aínda que estes partidos
non teñen representación formal nas cámaras estatais nin nos parlamentos
autonómicos, o seu poder de decisión é, neste momento, moi superior ao dos seus
homólogos europeos.
Tempo atrás, os valedores de Fraga Iribarne (aquel ministro da ditadura, da
que nunca renegou, que tiña “el estado en la cabeza” e que afirmaba sen
rubor que “la calle es mía”), que
buscaban “méritos” para lexitimalo democraticamente, argüíron ó seu favor o
feito de ter controlado á dereita fascista española introducíndoa en AP, xermolo do actual PP.
Progresivamente os introducidos, coa a aquiescencia dos introdutores, foron
ganando espazo de poder ata que hoxe, dende o goberno, asumen fielmente as
políticas que ditan os mercados e deciden, sen control nin contrapeso, sobre a
traxectoria e as expectativas vitais da
maioría dos cidadáns.
A asunción da ditadura dos mercados conduce a este neoliberalismo
sucursalista a aplicar neste país un darwinismo social, potenciando as elites económicas e practicando a exclusión
social a base de privatizar servizos e
recortar dereitos sociais irrenunciables. Mantén un férreo control da maioría
dos medios de comunicación que, seguindo estratexias de corte goebbeliano,
substitúen a información pola
propaganda. Actúan constantemente con autoritarismo e dogmatismo, manifestado
no desprezo do Parlamento, representante
da soberanía popular, da sociedade civil, propiciando a desconfianza dos
cidadáns nas institucións e no Estado de Dereito como tal, xa que en vez de
división real de poderes, estes operan a modo de masa informe e opaca,
intelectual e moralmente insostible.
A utilización arbitraria do estado, ao que adelgazan cando se trata de
prestar servizos aos cidadáns e engordan para beneficiar as elites dominantes,
a proxectividade e a violencia psicolóxica gratuíta que supón a inculpación das vítimas dos males
que padecen, a falta de empatía e de sensibilidade ante o sufrimento alleo, que
non exclúe a xactancia humillante (a do
“que se jodan”, o do “cuanto peor, mejor” e o que aldraxou publicamente ás
vítimas do franquismo son, respectivamente, deputada, ministro e portavoz parlamentario
do grupo de goberno), a prepotencia, a
dureza, o cinismo, a mentira como parte da acción política, a obstinación, o
talante displicente, a falta de diálogo, o rexeitamento do diferente e a
degradación política que supón o nepotismo, a prevaricación e as máis variadas
expresións da corrupción, compoñen un panorama desolador.
Por iso, aínda que o cheiro que emana desta sintética enumeración parece
remitirnos ás análises dos totalitarismos de Arendt ou Adorno, ante a grave
situación que nos circunda, non paga a pena centrarse en como denominar ó
modelo. Parece máis urxente preocuparse de se traspasarán, como ostentación
obscena do seu poder omnímodo, a tenue liña divisoria.
Publicado no Progreso o 21-12-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario