Elías Pérez Sánchez
No debate sobre o aborto adoitan
distinguirse dúas controversias. A primeira consiste en discutir se o feto é
unha persoa moral dende a concepción, unha criatura con dereitos e intereses
propios de igual importancia que os de calquera outro membro da comunidade. A segunda
é unha cuestión diferente: consiste en saber se o aborto é moralmente
incorrecto porque dana o valor, a santidade ou inviolabilidade da vida humana.
Entendo que o debate en torno ao
aborto é, no fondo, do segundo tipo. É un debate acerca de como e por que a
vida humana ten un valor intrínseco e sobre que consecuencias se derivan diso
para as decisións políticas e persoais. E debe ser do segundo tipo por dúas
razóns. En primeiro lugar, porque o feto inmaturo -na súa primeira etapa de
xestación, polo menos- carece de vida psíquica e polo tanto, sería incapaz de
posuír intereses e dereitos, ademais de que a utilización do concepto «persoa
moral» é o suficientemente ambiguo e ineficaz como para ser útil no debate.
Dito isto, en realidade, o
imprescindible no debate sobre o aborto (e esta é a perspectiva de análise que
mantivo o filósofo Ronald Dworkin) é encontrar un lugar intermedio, un terreo
común -a convivencia en discrepancia- entre posturas conservadoras e liberais
que a discusión sobre os dereitos ou intereses do feto non ofrece. Así pois, se
exploramos un pouco o valor -a santidade ou inviolabilidade- da vida humana,
podemos observar que tanto conservadores coma liberais comparten intuitivamente
e explicitamente a idea xeral de que a vida humana posúe un valor obxectivo e
inviolable que fai que o aborto sexa considerado por todos como un asunto de
especial relevancia e complexidade moral.
Isto é: hai algo que une ambas as
dúas dúas posturas, en principio irreconciliables, e é o compromiso co valor da
vida humana independentemente de que se produzan desacordos sobre a
interpretación relixiosa ou laica desa idea común.
Polo tanto, e dado que as
diferenzas ou desacordos reais en torno ao aborto son de índole espiritual e
afectan á conciencia das persoas, parece intuitivamente atractivo e
xuridicamente fundamentado que un Estado democrático respecte a liberdade de
conciencia e (por conseguinte) de elección en materia de aborto non impoñendo
aos seus cidadáns xuízos colectivos ou uniformes que concirnen a conviccións
espirituais.
Chegados a este punto, penso que
o recente proxecto de lei do aborto non protexe este aspecto tan relevante. É
máis, infrínxeo dun xeito solemne. Dada a carencia actual de consenso político
sobre o tema do aborto, ademais da complexidade da súa problemática que
reflicten as diferentes posicións ideolóxicas que se posicionan a favor e en
contra deste, xunto coa diversidade de crenzas seculares ou relixiosas mantidas
pola cidadanía (antes comentadas), sería esixible unha regulación legal
cimentada nuns mínimos consensos que, partindo das distintas sensibilidades e
enmarcados nun Estado aconfesional como é o noso, poida resolver e afrontar o
complexo problema do aborto.
Con outras palabras: dado que
tanto a liberdade, coma a igualdade e o pluralismo político son os valores
superiores consagrados na nosa Constitución e, como tales, deben impregnar todo
o noso ordenamento xurídico, esíxese que calquera regulación en materia de
aborto deba articularse a partir do recoñecemento da liberdade de decisión e da
preservación escrupulosa da liberdade de conciencia que garanta a pluralidade
de intereses de todas as mulleres.
E que a devandita regulación non
se fundamente nos principios morais extraseculares e relixiosos que algúns
defenden lexitimamente, pero que nin poden nin deben esixirlles aos demais
cidadáns.
Publicado no Progreso o 22-2-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario