Elías Pérez Sánchez
Na clausura do Foro Mundial Social celebrado en Porto Alegre no 2002, José
Saramago leu un breve relato sobre un campesiño florentino do século XVI que
sufrira un atropelo por parte dun rico lugareño quen, sen escrúpulos, lle
espoliara a súa pobre parcela mediante o procedemento consistente en ir pouco a
pouco cambiando de sitio os marcos dos lindes das súas terras, meténdoos na
pequena parcela do campesiño co fin de reducir ao máximo a súa extensión. Ante
semellante situación o campesiño protestou, implorou compaixón e queixouse
amargamente ante as autoridades. Porén, a espoliación da súa terra continuou.
Desesperado, o campesiño decidiu anunciar a morte da xustiza facendo soar a
defunto a campá da igrexa talvez, dicía Saramago, coa finalidade de que o seu
xesto de exaltada indignación lograría conmover e facer espertar ao mundo
adormecido acerca do perigo que supoñía a morte da xustiza. Pero o son
melancólico daquela campá de bronce non conseguiu introducirse nos xélidos corazóns
do rico lugareño nin das autoridades xudiciais.
O relato do campesiño florentino foi utilizado polo escritor portugués co
fin de levar a cabo unha descrición descarnada da situación do mundo, ofrecendo
a súa visión persoal sobre o papel dos dereitos humanos, a participación cidadá
nos sistemas democráticos, e para denunciar o estado de inxustiza global e
indefensión no que se encontraba o ser humano en contextos democráticos
claramente decadentes e dominados polo poder económico e financeiro mundial.
Hai pouco celebrouse o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Asinada en
1948, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos tiña como obxectivo o
recoñecemento e a expansión da protección dunha ampla gama de dereitos e
liberdades básicas que todos os Estados debían recoñecer e recoller
explicitamente nas súas respectivas Constitucións. Tratábase, pois, dun
"ideal común" de todos os pobos e todas as nacións. Non obstante
parece unha obviedade dicir que nin a citada Declaración nin a súa "tradución
normativa" a través da Constitución Española poden considerarse vixentes.
O goberno español foi amoestado nos últimos tempos polo Comité de Dereitos
Humanos, polo Comité de Tortura e polo Comité contra a Desaparición Forzada ao
considerar prescritos os crimes cometidos durante o franquismo e ao negar
calquera posibilidade de investigación sobre as violacións dos dereitos humanos
levadas a cabo durante a transición política. Tamén foi advertido por Amnistía
Internacional ao adoptar medidas económicas afastadas dos principios éticos e
das necesidades primarias das persoas máis desprotexidas.
O ideal dunha sociedade libre e democrática na que todas as persoas vivan
unidas en harmonía e gozando das mesmas oportunidades, dereitos e liberdades,
parece esvaecerse a medida que transcorre o tempo. E aqueles dereitos
considerados sempre como o "couto vedado" (Garzón Valdés) ou o
"territorio inviolable" (Norberto Bobbio), é dicir, aqueles dereitos
absolutamente inalienables están a ser hoxe mancillados dun xeito absolutamente
pavoroso, moitas veces en beneficio dos intereses de determinadas elites
económicas e financeiras.
"Non hai dereito", berraba o campesiño florentino. "A
xustiza morreu", insistía, cando os veciños da aldea lle preguntaban a
razón pola que facía soar a campá a morto. Catro séculos despois, o amargo
episodio do campesiño florentino debera servir para reformular a esencia da
democracia moderna e os seus defectos, a necesidade imperiosa de considerar os
dereitos humanos como o maior avance que a humanidade levou a cabo ao longo da
súa historia e, por fin, levar a cabo un serio debate sobre as novas
estratexias de dominio sobre a cidadanía que, pouco a pouco, se están a
institucionalizar.
Publicado no Progreso o 14-12-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario