Mar Carballo Cela
Cando algo deixa de ser útil
acaba por desaparecer; é unha lei básica tanto da evolución natural coma da
cultural. E isto debeu ser o que lle sucedeu á ética: na sociedade de mercado a
ética caeu en desuso porque xa non é importante, nin tan sequera necesaria.
A ética xorde como unha
necesidade puramente social (para vivir sos fronte á natureza non necesitamos
dela), é como o pegamento que nos mantén unidos. Sen esa clase de normas, non
coercitivas pero firmemente interiorizadas que regulan as relacións humanas
dentro do grupo, este acabaría por disolverse. O paradoxo do noso tempo é que
vivimos en sociedade, e cada vez en grupos máis grandes, coa firme crenza de
que non necesitamos dos demais; coexistimos, pero apenas convivimos. E isto é
outra devastadora consecuencia do consumismo: baixo lemas mercantís tales como
«fágao vostede mesmo, sen necesidade de axuda» ou «comodamente desde a súa
casa, sen ter que saír»… fixéronnos crer, e así parece que o asumimos, que
dispoñendo dos cartos suficientes calquera necesidade pode quedar cuberta. Non
debemos preocuparnos porque, previo pago, ofrécennos seguridade no fogar,
coidados, educación…, ou sexa, todo aquilo que previamente nos foi arrebatado.
Aspiramos a non necesitar de ninguén, a ser totalmente autosuficientes; e así,
para que queremos a ética?
Que gran erro, porque se algo nos
caracteriza , como moi ben sinala César Rendueles no seu atinado libro
‘Sociofobia: el cambio político en la era de la utopía digital’, é precisamente
a necesidade de coidado mutuo. En vez de asumir a nosa fraxilidade e
dependencia natural, aspiramos inutilmente a superala deixándonos enganar polos
mercaderes que nos venden autosuficiencia. Olvidamos que todos necesitamos
coidados en algún momento da nosa vida, amigos duradeiros e fieis que nos
apoien, relacións que nos proporcionen esa seguridade cuxa ausencia agora nos
angustia máis que nunca. Pero tamén no auxilio desa angustia aparece o mercado
ofrecéndonos as redes sociais como terapia, unha terapia que aceptamos e na que
poñemos esperanzas para aliviar a nosa vida danada.
E en coherencia con este panorama
aparece a figura do político xestor, ao que só se lle pide que canalice
eficientemente as condicións favorables á produción e distribución de bens de
consumo. Non é necesario que teña ideoloxía, incluso pode chegar a ser perigoso
,como se a pretendida xestión aséptica non fose en si mesma unha clara
ideoloxía neoliberal en toda regra. Pensabamos que o da ideoloxía era algo xa
superado. Tampouco nos preocupaba que os políticos tivesen ou non valores, e
ademais o que fixeran na súa vida privada dábanos igual (o debate aínda segue
aberto) mentras cadraran ben as contas, pero é que para cadrar ben as contas
tamén entran en xogo os valores. E así empezaron a aflorar a corrupción
xeralizada e a prevaricación, consecuencias directas da ausencia total de
ética, tanto na vida pública como na privada; porque ética só hai unha,
aplicada á diversidade de situacións da vida humana.
En definitiva, que todos nos
deixamos seducir por unha terra prometida próxima á autosuficiencia dos deuses,
e cando viñeron mal dadas e miramos ao noso arredor buscando compañeiros, todos
estaban no centro comercial ou de viaxe, porque o prexuízo causado non lles
afectaba ( non olvidemos que a democracia de mercado consiste no dereito a
defender os teus propios intereses, sen obriga moral ningunha con respecto ós
intereses dos demais). Como unirnos agora baixo unha causa común? Como
pretender que o veciño proteste porque eu non teño traballo? Algún honroso
intento houbo, e segue habendo, que nos alenta a non dar todo por perdido; algo
desa vida ética permaneceu, pero non é suficiente. Fáltanos por saber se
acabará prendendo a chispa dos valores cívicos, da solidariedade que non da
caridade, ou se seremos de novo reabsorbidos polas trampas do sistema. Mentras
tanto convén que non olvidemos «por quen dobran as campás», como dicía John
Donne nos seus famosos versos:
«(…)Ningunha persoa é unha illa;
a morte de calquera aféctame
porque estou unido a toda a
humanidade; por iso, nunca preguntes
por quen dobran as campás; dobran
por ti».
Publicado no Progreso o 15-2-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario