Mª Isabel Sánchez Corral
Aínda que o pareza non vou falar do independentismo catalanista, nin do das
outras comunidades históricas, nin sequera de federalismo ou do construto que
poida ser esta España nosa. Non o fago a conciencia, aínda sendo interesante o
tema, pero non me gusta que me marquen o tema a elite política e os mass media
para despistar e así non darnos conta do número de parados que ten este país ou
o que sexa. Estou máis por pensar en se o cidadán ten algún dereito a decidir
sobre se comer ou quentarse, se ten dereito a decidir a gorecerse do frío en
inverno e a paliar a calor en verán baixo teito, ou se dorme no patio; se ten
dereito a decidir a estar san, estar educado ou se hai dereito a que nos
privaticen a cotidianeidade. E nese non dereito a non decidir nada porque nolo
impoñen todo, tamén queren impoñer a maternidade ás mulleres. Si, o título do
artigo refírese ao dereito a decidir das mulleres sobre a súa maternidade, ese
dereito que nos roubou a lei antiabortista e provida aprobada na antesala do
nacemento do fillo de Deus.
Ben é certo que cando falamos do aborto xorden cuestións abertas, dúbidas e
tamén moitos prexuízos. Isto vén dado porque se trata dun conflito básico entre
o valor da liberdade e o valor vida como algo sagrado. En cambio, moitas veces
quérese levar ao campo do moral e inmoral, do xusto ou o inxusto ou da opción
entre matar e non matar, mostrando unha visión maniquea do tema.
Ante este conflito hai dúas posicións antagónicas: a que denominamos
proelección ou dereito a decidir, que defende o dereito a elixir se proceder ou
non a un aborto e por outro lado, estarían os antiabortistas que manteñen o
dereito absoluto á vida.
As persoas que se sitúan na posición de polo dereito a decidir ou
proelección encóntranse ante un dilema, pois non lle quitan todo valor ao feto
e polo tanto intentan ser coherentes con certas cuestións que xorden sobre se
este ten ou non un valor intrínseco, enfrontando o dereito a abortar por propia
decisión sendo as razóns múltiples. Os antiabortistas non se cuestionan nada,
pois utilizan o dogma como solución a todo.
A realidade é que o feto depende da nai, só a nai pode asegurar a súa vida.
Só pode renunciar a el matándoo. Esta cuestión para os antiabortistas remarca a
obriga absoluta que ten a nai de seguir levando o feto no seu seo,
independentemente de calquera circunstancia. O seu fundamento pende sobre o
principio de que se empezaches algo o tes que rematar. Así para os movementos
pro-vida, co seu principio básico «a vida é boa», se unha muller mantén
relacións sexuais e concibe, debe asumir as consecuencias das súas accións, o
queira ou non. Así consideran o embarazo como un castigo e as relacións sexuais
como algo malo en si mesmo, só serían boas cando xeran vida que é sagrada. Sen
entrar a valorar que entenden estes grupos por vida ( Que vida? A vida é boa?
Para quen? Onde? En que circunstancias?...), o que si fan é airear o mito de
Eva, a expulsada do paraíso, entendendo o embarazo como castigo por
experimentar pracer. Chegan así á conclusión de que a vida é boa, pero a muller
debe ser castigada se manifesta desexos propios. Eva cuestionou o patriarcado
manifestando os seus propios desexos e foi castigada a parir con dor.
A visión de que a muller debe rematar o que empezou voluntaria ou
involuntariamente, a obriga de facer algo co seu corpo que non quere facer, é
visto polo outro grupo antagonista como algo inxusto. Levar un organismo vivo
que non se quere, é condenar á muller á escravitude, un castigo onde se perde a
autonomía e esta perda enténdese como algo non desexable moralmente. Levar a
cabo un embarazo non desexado é unha perda de liberdade onde a muller se sente
secuestrada ,no sendo dona do seu propio corpo.
As persoas temos dereitos sobre o noso propio corpo pero isto non sempre
foi así. Ao longo da historia o matrimonio para a muller supoñía a perda deses
dereitos e aceptar o acto sexual obrigaba a levar durante nove meses o feto.
Esta visión que está no fondo do argumentario dos provida, percorre o
pensamento do cristianismo teorizado por Tomé de Aquino cando expón as
tendencias naturais nas que fundamenta a moral e o dereito positivo. Para o
santo, o home ten tendencia natural a procrear e a coidar dá súa prole, polo
tanto, nada de aborto e nada de homosexualidade posto que son antinatura e non
teñen esa finalidade. Esta visión da sexualidade coa fin única da procreación
dista moito da visión de Desmond Morris. O zoólogo e etólogo inglés entende que
as relacións sexuais ademais de ser fonte de pracer, serven para cimentar lazos
permanentes non relacionados no tempo co momento da ovulación. Porque levando
ao límite os argumentos antiabortistas, se o sexo só é para procrear, non só se
debería prohibir o aborto en todas as súas versións, senón tamén a súa práctica
fóra dos días do mes que poida ter lugar a concepción.
A posición provida vólvese intolerante xa que non admite ningún caso e o
prohibe para todo o mundo en calquera circunstancia. Fronte a eles, os e as que
optamos polo dereito a decidir, non obrigamos, senón que ante a realidade dos
feitos, cremos que se debe lexislar para todos e todas independentemente do
sexo, a clase, a procedencia, o credo, etc.; pola contra, se fomentará o
desequilibrio social volvendo ás que abortan con perexil e os que fan turismo
de luxo a outros países.
Unha vez máis óbviase a esas mulleres cargadas de dramas, volvendo a
castigalas en vez de darlles unha solución. Desposuíndo aínda máis as
desposuídas. Non se pode obrigar a unha muller a ser nai, o efecto de axuizar o
aborto non produce restrición na demanda, só evidencia o non recoñecemento do
drama social.
En pleno século XXI non se pode restablecer o Dereito Canónico como Dereito
común. A moralina cristiá non pode permanecer en vigor como Dereito Positivo. A
nivel privado pódense manter as categorías e fundamentos morais que cada cual
considere, pero non se poden exportar por decreto a outros colectivos humanos,
con códigos éticos diferenciados.
Dende o respecto a calquera relixión, o poder lexislativo ten que garantir
que o Estado non se confunde cunha confesión determinada.
Esta lei retrógrada e ultraconservadora fundaméntase e avala todo o ideario
antiabortista e provida, porque é o seu. Os seus intereses son tamén
macroeconómicos e outra lei, coa obriga ética de lexislar para a cidadanía,
quizais poña en perigo a man de obra barata, subverta a orde, poña en perigo o
poder eclesiástico e o executivo sen oprimir a muller.
Publicado no Progreso o 18-1-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario