sábado, 1 de marzo de 2014

É necesario saber perder o tempo?



Carmen González

Como cambiaron as cousas, hai anos os pequenos saian da escola, pasaban pola súa casa, recollían a merenda e marchaban xogar a rúa con amigos ata a hora de facer os deberes e cear.
Hoxe  saen da clase sen tempo para merendar e nada de xogar, a clase de Inglés, a tocar un instrumento ou facer algún deporte.
Como din moitos país “ para que perdan o tempo na casa, xogando ou vendo a tele, mellor que aprendan algo ou que fagan deporte”.
O que non aprecian é que “perder o tempo” tamén é algo importante na  aprendizaxe. A psicóloga Purificación Sierra apunta que “ as actividades  extraescolares converteron un tempo de ocio nunha obriga, porque teñen unha finalidade, uns obxectivos cuantificables e deixan de ser un mero disfrute en si mesmas.”
Isto leva cada vez máis a que aparezcan nenos estresados, sen creatividade, empachados de actividade e información, que cando non se lles organiza o tempo non saben que facer, resultándolles difícil relacionarse cos demais, traballar en grupo ou resolver problemas sós.
Efectivamente hai pequenos que lles piden a seus pais que os apunten a determinadas actividades extraescolares porque van os seus amigos e moitas veces tamén o piden porque a alternativa sería quedar sós na casa, e moitas veces serven para organizar ou cubrir as xornadas laborais dos país.
Pero a socialización que se desenvolve nestes contornos dirixidos, regulados e con monitores deixa pouco espazo para a creatividade ,pode aparecer o illamento xa que se non cumpres as regras déixante fóra e a agresividade e a frustración aparecen.
Esta agresividade e frustración, cando xugabamos na rúa, aprendíamos a controlala e sabíamos esperar as gratificacións polas nosas conductas.
Para aqueles que crean que o importante son os coñecementos, que hai que estar preparadísimos nesta sociedade, que hai que saber moitos idiomas, música, informática, facer deporte….etc. pódelles parecer estraño saber que a capacidade de aprendizaxe é limitada, e que aprender é un proceso lento, que necesita tempo para deliberar e tempo de non facer nada, de reflexionar ou de xogar.
O xogo proporciona aprendizaxes para o desenvolvemento da personalidade; creatividade, saber buscar solución ós problemas, todas elas imprescindibles para un posterior éxito profesional. Todo hai que saber relativízalo, nin os pequenos han de pasar todo o día xogando, nin deben estar saturados de actividades extraescolares, trátase de saber compatibilizar.
Todos desexamos o mellor para os nosos fillos, pero hai estratexias que empregamos que poden chegar a ser contraproducentes. Na nosa sociedade esíxeselles aos nenos un exceso de eficiencia, pero non todos son capaces de alcanzar o “éxito” e enfróntanse cada vez máis pronto a problemas psicolóxicos e son medicados como solución máxica ante os problemas escolares. E estes pequenos acaban por non ser capaces de amosar as súas emocións e ter problemas de conduta.
Non podemos ver a existencia dividida só en duas opción: os gañadores e os perdedores, porque así só conseguiremos pequenos moi cedo estresados, sen ferramentas para defenderse e recuperarse dos fracasos cos que se atopen.
Debemos transmitir aos pequenos que o que deben aprender  é á organizarse de forma autónoma, superar retos, ter perseverancia, negociar, pactar e ás veces supeditar os propios intereses, aceptar as normas, escoitar, discutir, pelexarse e reconciliarse. Todo isto serviralles para sobrevivir na súa vida adulta e sen axuda.

Publicado no Progreso o 30-11-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario