Carmen González López
Case sempre unimos agresividade e
violencia, pero non en todos os casos é así. Os especialistas en condutas
adolescentes adoitan distinguir entre agresividade adaptativa (unha función de
supervivencia) e agresividade maladaptativa (agresividade desinhibida ou non
regulable onde a resposta do suxeito non é proporcional ao estímulo que a
causa). Esta última é a que lles preocupa aos país pois xorde sen unha causa
aparente e esta é a que máis posibilidades ten de desembocar nunha conduta
violenta.
O adolescente está nunha etapa da
súa vida na que é moi sensible á influencia do contorno, a baixa autoestima e a
ansiedade, onde sofre moitos cambios e confusións que non fan outra cousa que
aumentar o malestar que xa de por si viven os adolescentes, por iso é nesta
etapa onde están más propensos a condutas agresivas.
A comunicación entre pais e
fillos é fundamental, os pais non deben ser amigos, deben ser pais, pero
tampouco deben ser detectives, deben por iso establecer un vínculo de confianza
cos seus fillos para que estes non teñan vergoña de compartir as súas
preocupacións, as súas preguntas acerca da vida, das relación cos amigos, do
instituto…
Os pais deben deixar crecer,
madurar e formarse como persoas os fillos, deben ser os acompañantes que os
eduquen, mostrándolles as cousas sen tapuxos sendo sinceros en todo momento e
co obxectivo de que sexan eles mesmos os que creen a súa propia conciencia de
todo o que lles rodea e aprendan a formar opinións con criterio suficiente para
quedar con todo aquilo que lles aporte cousas positivas e discriminar aquilo
que xere cousas negativas.
É importante aprender a recoñecer
as mensaxes non verbais que amparan o comportamento dos nosos fillos, cada unha
ten unha razón de ser e ao aprendelas a interpretar, pódenos levar a comprender
determinadas accións que a simple vista poden desconcertarnos pero que no fondo
levan unha mensaxe de axuda e atención.
Cando nos convertemos en pais,
empezamos a asumir un papel diferente, unha responsabilidade que de maneira
case insconsciente nos leva a pensar que debemos ser firmes nos nosos
sentimentos, pouco flexibles, ser un modelo de autoridade e aplicar as sancións
disciplinarias que correspondan.
Pero non debemos olvidar que os
nosos fillos son seres humanos, con defectos e virtudes, con sentimentos e
limitacións persoais.
Recoñecer a súa agresividade como
un comportamento que debe ser analizado, pedirlles que nos describan o
problema, pódenos levar de maneira sutil a averiguar cales son as causas e os
sentimentos que os levaron a ela, e así procuraremos que non se volva a
repetir, polo contrario, se tomamos medidas drásticas o que faremos é reforzar
esta actitude agresiva. Moitas veces non se sabe como actuar porque esas condutas
van en contra dos principios e normas que se infunden na casa, pero é un reto e
unha responsabilidade que aparece no mesmo momento no que somos país e que
estará presentes ata a vida adulta do noso fillo.
Publicado no Progreso o 8-2-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario