martes, 4 de marzo de 2014

Temos dereito a ser felices?



 Mª Del Mar Carballo Cela

O concepto de “felicidade” ten, como todos, a súa historia (un libro moi interesante sobre este tema é o de Darrin M. McMahom, “Una Historia de la Felicidad”, editado en Taurus no 2006). Os homes e mulleres de cada época, entenderon este complexo sentimento de maneiras moi diversas, por non falar das diferenzas entre culturas. En occidente, se volvemos a mirada cara ó mundo clásico atopámonos coa idea de que a felicidade dependía da sorte ou do destino, de maneira que nada neste asunto quedaba nas nosas mans. De feito o termo grego para designala, “eudaimonía” (“bo deus” ou “bo espírito”), fai referencia a unha forza caprichosa e sobrenatural que guía as nosas vidas. E así as cousas, só cabía esperar que os deuses tivesen a ben concedernos esa gracia que, por outra banda, moi poucos merecían. Os seres humanos, crían os gregos, vivimos nun mundo de penurias e sufrimento (cousa entendible tendo en conta a precariedade para a maioría da xente da época) e só os deuses e un reducido número de afortunados poden ser felices. Nada máis lonxe do que pensamos na actualidade: se ben seguimos conservando algo dese ingrediente caprichoso que nos remite á sorte ou ó destino, hoxe non dubidamos de que cada un constrúe a súa felicidade e de que todos temos dereito a ela. Pero, como vemos, non sempre foi así.
Na Idade Media o sufrimento era un valor, e a ansiada felicidade era cousa da outra vida en xusta recompensa ás nosas desgracias terreas. Houbo que esperar á Ilustración para que se considerase que tódolos homes e mulleres podiamos e, incluso, tiñamos a obriga moral de ser felices, e que na nosa man estaba conseguila. Tanto era así, que na Declaración de Independencia de Estados Unidos, Thomas Jefferson recoñeceu no preámbulo o “dereito á vida, á saúde e á busca da felicidade”, e tamén na Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán, trala Revolución Francesa, aparece recollida a necesidade de garantir a “felicidade de todos”. Foi a primeira vez que se considerou un dereito.
Pero recoñecer dereitos implica proporcionar medios para acadalos. Neste sentido, podemos preguntarnos se a felicidade debe ser unha cuestión política, é dicir, se debería terse en conta a felicidade dos cidadáns na toma de decisións en canto a políticas sociais e económicas. Parece que a ONU así o está considerando ó aprobar unha resolución que recoñece a busca da felicidade como un “obxectivo e aspiración universal” da humanidade e invita ós Estados membros a elaborar novas medidas nas súas políticas públicas que teñan en conta a importancia do benestar e a felicidade para un desenvolvemento máis sostible, humano e holístico. Isto implicaría establecer  un marco social de referencia que proporcione as condicións idóneas para unha vida feliz, o cal nos devolve a ideas tan antigas como as de Aristóteles, quen consideraba que o fin último do Estado non era outro que o ben do cidadán, proporcionándolle unha vida boa e feliz. Pero, que é a felicidade? Moitos argumentarán que non pode haber un concepto universal, obxectivo, de felicidade, pero cabe seguir preguntando: non hai sequera uns mínimos que nos unan na nosa igual naturaleza para iso que chamamos “felicidade” ou “boa vida”? A nosa intelixencia, que admitimos como guía en tantas outras cousas, non ten nada que dicir ó respecto?. Os avances materiais e científicos son necesarios, pero non suficientes. A todos nos gustaría ter condicións laborais sen abusos nen estrés, poder confiar no funcionamento da política e da xustiza, poder educar ós nosos fillos con igualdade de portunidades e non velos frustrados ante a manipulación publicitaria, ser valorados e protexidos na nosa vellez. …En definitiva, que necesitamos revisar a idea de progreso e necesitamos de políticos que estean dispostos a facelo.
Dende logo, unha cousa está clara: non se trata nin da alegría e a diversión permanentes, nin da busca constante do pracer ou de paraísos lonxanos, nin da ansia por satisfacer a última necesidade publicitada. A felicidade que actualmente se nos vende é unha obriga que, paradoxalmente, ten custos de ansiedade, frustración e sufrimento, ligada interesadamente ó consumismo. Impónsenos de tal maneira que incluso nos dá vergoña recoñecernos infelices, e ata usamos a palabra “infeliz” como un insulto. É unha palabra que se banalizou, adaptándoa á sociedade do inmediato e do mercadeo. Pero, volvendo a Aristóteles, ó que tanto lle preocupaba este tema, non lle parecía unha boa vida aquela que tiña por finalidade a pura diversión. Non se trata de renunciar a ela, senón de non convertila no proxecto guía da nosa vida: “…Pero o traballo e o esforzo serios unicamente dirixidos á diversión antóllanse estúpidos e excesivamente infantís. En realidade, parece que o correcto é que nos divirtamos coa fin de facer algo serio”.  Efectivamente, a felicidade vai ligada a tomarse a vida en serio, a recuperar a confianza na razón para plantexarse o tipo de vida  que nos convén.
Foi unha mágoa que os filósofos deixaran de reflexionar sobre a “boa vida” deixando esa ocupación en mans de interesados vendedores de ilusións… Pero sempre podemos recorrer ós clásicos, que nos deixaron nos seus escritos un legado de plena actualidade.

Publicado no Progreso o 7-12-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario