Xosé Ramón Cando Vázquez
O pasado día 20 de marzo tivemos coñecemento de que a ministra de Sanidade
tivo a ben introducir no currículo da Lomce (lei Wert) «contidos específicos e
obrigatorios sobre a igualdade e prevención da violencia de xénero» nas
materias obrigatorias Ciencias Sociais e Ciencias Naturais correspondentes a
etapa de educación primaria. Aporta algo de conforto esta medida, pero ao mesmo
tempo pon de manifesto a orfandade á que o ministro de Educación condena os
contidos educativos propios da ética e a cidadanía.
Antes desta actuación da mencionada ministra un alumno ou alumna podía
encetar e rematar o ensino obrigatorio sen recibir a mais mínima formación en
valores democráticos e, en xeral, no relativo aos dereitos humanos. Un alumno
ou alumna cuxa familia optase pola escolarización na relixión que considerase
oportuna, non participaría da formación nos valores que, historicamente,
resultaron tan custosos e, humanamente, tan imprescindibles para que unha vida
poida cualificarse como digna. A intervención da ministra supón que unha
pequena parte (cualitativamente esencial) dos citados contidos sexa obrigatoria
na educación primaria, pero non o conxunto dos mesmos nin na etapa de educación
secundaria da Eso.
Significa esta ausencia que o Estado deixa en mans dos bispos católicos a
formulación do programa de estratexias destinadas ao coñecemento dos dereitos
dos nenos? Ou nas mans dos imames e/ou mullahs a asimilación da igualdade de
xénero e o rexeitamento da violencia de ídem? Se cadra adxudícalle aos rabinos
o impulso cara a igualdade étnica e a interculturalidade? Ou aos sacerdotes que
predican a amputación do clítoris a docencia da inviolabilidade da integridade
das persoas? Sería cómico se non fose tráxico que algo así poida chegar a
suceder nun país que se predica democrático e que ten asinado todos os acordos
internacionais sobre dereitos humanos.
Eurydice, a rede europea de información en educación (Comisión Europea), na
súa publicación de 2005 ‘A educación para a cidadanía no contexto social
europeo’, explica que o concepto de «cidadanía responsable» leva a cuestións
relativas á sensibilización e ao coñecemento dos dereitos e deberes. Así mesmo,
está estreitamente relacionada cos valores cívicos, como a democracia e os
dereitos humanos, a igualdade, a participación, o asociacionismo, a cohesión
social, a solidariedade, a tolerancia á diversidade e a xustiza social. Ao de
«cidadanía responsable» asocia o concepto de «educación para a cidadanía» que
entende referido á educación que os mozos reciben no ámbito escolar, cuxo fin é
garantir que se convertan en cidadáns activos e responsables, establecendo como
temas de interese especial: a) a cultura política, b) o pensamento crítico e o
desenvolvemento de certas actitudes e valores e c) a participación activa.
Ante este esbozo do que nunha institución tan pouco sospeitosa de
subversiva como é a Comisión Europea se consideran como contidos necesarios
para a formación dunha «cidadanía responsable» procede preguntarse que
elementos resultan nocivos a xuízo do Goberno español: o coñecemento dos
dereitos?, dos valores democráticos?, dos dereitos humanos?, da igualdade?, da
participación?, da cohesión social?, da tolerancia? ou, se cadra, da xustiza
social?...Por que estes valores que semellan gozar de consenso entre os trinta
e tres países que participan en Eurydice non son aceptables para o Goberno do
señor Rajoy como contidos dunha educación para todos e todas, con inclusión dos
adeptos e adeptas das distintas confesións relixiosas? Por que este retroceso
na tarefa de formar cidadáns e cidadás responsables? Por que crear unha
división, ata o de agora inexistente, e que pode ter consecuencias graves,
entre alumnado formado en relixión e moral católica, musulmana ou… pastafarista
(con p de pasta) e alumnado formado en cidadanía responsable (se ese é o
obxectivo da chamada educación en valores).
Significa isto que o Goberno do Partido Popular considera que os valores
relixiosos están por enriba dos valores cidadáns? Ou que as persoas relixiosas
non están obrigadas a ser cidadáns/as responsables? No que se podería definir
como paranoia integrista, chegará o ministro Wert a defender, con criterio
tomista, a primacía da lei eterna (da fe) sobre a lei positiva (do Estado)? A
falla de información alimenta a fantasía, por iso os cidadáns e as cidadás que
intentamos ser responsables sentimos a necesidade de que dende o Goberno
Español se responda a estas cuestións ou se cadra a unha soa, por que a
formación en valores democráticos non é obrigatoria para o alumnado de
educación primaria e secundaria?
Publicado no Progreso o 05-04-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario