José
Domingo de Prada
Conta Slavoj
Žižek a seguinte anécdota: un catedrático inglés foi invitado a dar unha
conferencia no Ruskin College de Oxford (institución para estudantes de clase
obreira). En Inglaterra era costume na época, en determinados círculos de
cabaleiros ingleses, iniciar a charla pedindo escusas polos escasos
coñecementos que sobre o tema puidera ter o conferenciante. Tal fixo o bo home,
e comezou coa súa habitual formalidade de falsa modestia e cortesía
desculpándose polo que non sabía. Entón, dende o fondo da sala alzouse un
vozarrón que lle recriminou: “Pois
páganche para que saibas”.
E esa é a
cuestión que querería proporlles hoxe como tema de reflexión. O que debemos
saber. Máxime tendo en conta que vivimos nas autodenominadas “sociedades do
coñecemento”, máis que fillas, netas, das sociedades ilustradas, nas que o
saber é a base de todas as nosas actividades.
Sen embargo
hoxe en día o non saber é a escusa máis socorrida por aqueles que
necesariamente deben saber. É absolutamente inescusable que non se saiban
certas cousas, sobre todo cando nos movemos en determinados niveis de prestixio
e responsabilidade social, de remuneración económica e de capacidade de
decisión. É indignante, desesperante e
rabiosamente depravado que certos personaxes que están apoderándose do
espazo público aleguen continuamente a súa ignorancia, e nestes casos alegar
ignorancia é algo máis ca unha fórmula de cortesía.
Fixémonos
nalgúns exemplos sacados da inmediata actualidade para non falar sempre en
abstracto e que ninguén se de por aludido. Comecemos por arriba porque esta
estratexia de non saber comezou no ‘cuspe’ da pirámide e vainos empapando a
todos:
A Infanta
Cristina, cunha ‘Educación Real’ e empregada de alto rango na Caixa, non sabe
nada das súas contas familiares. O seu home, Iñaki Urdagarín, non sabe porqué
cobra grandes cantidades de cartos, o seu socio, Diego Torres, sabe que lle
pagan a Urdangarín pero tampouco sabe por qué. Aínda sen saber, recollen os
cartos procedentes de tanta ignorancia.
Mariano
Rajoy, presidente do Goberno e do Partido Popular non sabe quen é un tal
Bárcenas. Dolores de Cospedal, presidenta de Castela-A Mancha e secretaria
xeral do mesmo partido non sabe cómo como o despediron se ‘a prazos ou en
diferido’. O resto do partido non sabe nada de nada, porque quen ten saber é a
Xunta Directiva, que o ignora todo.
Ana Mato,
ex ninistra de Sanidade, non sabía quen pagaba as súas facturas nin quen
aparcaba na praza de garaxe da súa casa. Tampouco sabía que pasaba co évola,
pero ela non é médico para coñecer destas cuestións. O ministro de Industria
José Manuel Soria non sabe que as petroleiras acordan os prezos dos
carburantes, tenllo que explicar a xustiza. Das tarifas eléctricas ignórao todo
e fáinolo ignorar a todos. Claro que aquí contou coa inestimable axuda de
Miguel Sebastián. José Ignacio Wert, Ministro de Educación, Cultura e Deporte,
non sabe de qué se queixan os estudantes, nin os profesores, nin os reitores,
nin os pais, e iso que o saber forma parte das súas competencias. Tampouco sabe por que protestan
actores, cantantes ou escritores. O caso oposto é Alberto Ruíz-Gallardón, ex
Ministro de Xustiza, que é o único que
sabe efectivamente qué necesitan as mulleres para liberarse de si mesmas. Tamén
soubo que necesitaban os cidadáns para apartarse da xustiza. Jorge Fernández,
Ministro de Interior, aínda non sabe en que valla limitan España e Marrocos.
Poderíase seguir, pero case mellor deixar a ‘lista’ dos ministros.
Merecen,
por méritos propios, un apartado especial os banqueiros. Os presidentes das
antigas Caixas cobraron cantidades inxentes por non saber, ou si se prefire,
por saber como levalas a bancarrota. O caso mais rechamante é Bankia. Miguel
Blesa, presidente da entidade, non sabía nin como cotiza unha tarxeta de crédito,
pero como non hai ignorancias absolutas, si sabía como utilizala. No mesmo grao
de ignorancia está Rodrigo Rato, quen cun currículo desorbitado: Vicepresidente
do Goberno, Ministro de Economía, Director Xerente do FMI, Presidente de Bankia
e Conselleiro asesor para Latinoamérica e Europa de Telefónica, recibe tarxetas
de uso persoal e sen saber máis, entende que pode gastar nelas como gastos
particulares da súa remuneración, sen explicacións nin declaración de impostos.
Pura sabedoría financeira. Por telos mais preto, podemos referirnos aos
dirixentes de Novacaixagalicia que recibiron indemnizacións millonarias por non
saber defender a Caixa, en concreto 23 millóns para tres directivos (10,8 para
Pego, 7,5 para Gorriarán e 5,3 para Paredes), o 13% do valor da Caixa, e os que
faltan Gayoso, os Méndez ‒pai e fillos‒
e outros.
Nesta liña,
e por resumir, é terrorífico e obsceno que o suízo HSBC, e resto de bancos, nin
saiban nin queiran saber, a orixe dos cartos que lles ingresan nas súas contas,
especialmente, cando son moitos cartos. Aquí si que opera a formula de
cortesía: “Por favor señor, nós nunca preguntamos pola orixe do diñeiro”. De
non saber temos a triste imaxe dunha serie de xuíces, maxistrados, secretarios
e fiscais que non sabían que non poden cobrar de empresas privadas como Indra.
Saberán como xulgarnos cando esteamos diante deles? Saberán que como eles
executan, o descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento? A que si sabe,
e moito, é Celia Villalobos, o único erro aquí é que a súa nómina debería
pagala unha empresa probadora de videoxogos.
Pero este
problema non aparece de súpeto na sociedade, querería advertir como estas
sociedades nas que se cobra por saber (esa é a teoría) degradan este
coñecemento desde o primeiro momento, mentres se está a adquirir, fanno así os
estudantes que non estudan, os que copian nos exames ou os que perden e fan
perder o tempo na clase. Tamén o fan así os profesores que non explican, os que
non esixen o que deben esixir ou os que consenten perder o tempo das clases.
Tamén o fan así os proxenitores que prefiren aprobados a coñecementos e
disimulan ou directamente incitan aos seus fillos a facer trampas. Aos
profesores páganlles por saber e por transmitir ese saber, aos alumnos
pagaranlles por saber (esa é a teoría) e o título só é o recoñecemento público
do que saben. En canto aos proxenitores, deberían coidarse de orientar,
acompañar e tutelar aos seus descendentes cando o necesitan e non desfacerse en
queixas cando xa é tarde.
Como moitos
destes presupostos non se cumpren e contra o que dicía o mozo de Glasgow a
moitos parece que “se lles paga por ignorar” e como aquí o que non sabe é case
o que máis proveito saca, xa saben, mellor volvernos todos parvos, parvos,
parvos.
Publicado no Progreso o 14-3-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario