domingo, 2 de agosto de 2015

Salto dixital




José Domingo de Prada

Para a antropoloxía actual a aparición da intelixencia está ligada á liberación das mans do proceso de marcha. As mans libres poden manipular a realidade, e a reacción man / ollo / cerebro converteríase na cadea motora do proceso intelixente. Formaríase esta intelixencia paseniñamente, sen grandes saltos nin elos perdidos, graduando o seu avance con feitos imperceptibles, pero fundamentais, nos que paus, pedras, osos ou calquera outro material eran accesibles as mans. Xa sei que presentado así o proceso perde épica, pero é seguro que describe mellor a realidade que os mitos que nolo presentan doutros xeitos. Os esforzos repetidos da man para manipular obxectos, do ollo para recoñecelos e do cerebro para recordalos foron agrandando a capacidade de pensar desde puntos de partida mínimos.
No estadio evolutivo a intelixencia irase incrementando en cerebros cada vez máis grandes e complexos. Neles, as ferramentas, como prolongación das mans e das habilidades do que as usa, reconvértense nun aliado do propio home para ampliar as posibilidades de pensamento. Un paso posterior na expansión da intelixencia dáse a través das ferramentas complexas, dando espazo entón aos instrumentos, que alén da mera prolongación da man multiplican as capacidades do propio ser humano e incitan novas superacións nun cerebro que debe esforzarse para deseñalos, construílos, obter resultados e novas lecturas da realidade que eles lle desvelan. Pensemos, por exemplo, no que tivo que supor fitos tan importantes como a invención de ferramentas para cortar,  da roda para facilitar o movemento ou das pinturas e signos gráficos para a simbolización e o recordo; máis recentemente podémonos fixar en instrumentos que amplían a capacidade dun sentido, como o caso do telescopio. Galileo tivo que implicarse completamente nel antes de orientalo cara aos ceos, desde a súa construción física ata a explicación teórica do que lle permitiu observar. O instrumento serviulle para alongar a mirada, agrandar a intelixencia  e multiplicar os coñecementos dos que dispuxo a partir de entón tanto el persoalmente, como a sociedade.
Este proceso de ampliación da lectura e comprensión do mundo estivo presente ata os nosos días, pero os expertos están a dar ultimamente a voz de alarma pola nova situación na que nos atopamos debido á introdución de sistemas electrónicos que non actúan xa nin como ferramentas, nin como instrumentos e que en vez de ampliar as nosas capacidades actúan como substitutos delas. A chegada das tecnoloxías dixitais permítenos interpoñer máquinas que fan o noso traballo, que nos marcan o ritmo de aprendizaxe e de vida, que modelan os nosos comportamentos e actitudes, que deciden por nós e deixan o humano nun segundo plano para automatizar e optimizar tempos, traballos e beneficios. Están, literalmente, minguando a nosa intelixencia. Estamos vivindo no que estes expertos (???) denominan a “caixa de cristal”. Rodeados de pantallas xa non interactuamos co mundo, senón coa súa representación simbólica, virtual; xa non vemos a realidade, senón que a filmamos cos nosos móbiles. O historiador da ciencia Dyson fai a seguinte e inquietante pregunta que pode resumir o exposto anteriormente: e se o custo de dispoñer de máquinas que pensan é que a xente non chegue a facelo? Tal parece que fosemos por ese camiño e que como afirma Nicholas Carr a “caixa de cristal” acabe converténdose na “gaiola de cristal”, na que aparte de pecharnos estean observándonos permanentemente e dirixíndonos incluso no noso pensamento. A tal aspira, por exemplo, Google, para quen chegará o día no que  “as buscas serán contestadas sen sequera preguntar”, xa que saberán “que imos querer” (Ray Kurzweil). A verdade é que dá un pouco de medo que un directivo de Google se exprese nestes termos. Aspiran a saber o que imos querer antes de que poidamos expresalo e, o peor, están traballando para conseguilo e parécelles que van camiño de logralo; o que non significa que vaian polo bo camiño!
Sen embargo, quero rematar cun fío de esperanza. Ao igual que pasou cando Sócrates protestaba contra Platón porque fiaba as argumentacións aos signos escritos en vez de fornecer a memoria para sustentalos e desatendendo ao mestre contribuíu a dar o salto da oralidade á literatura, e ao igual que lle pasou a Galileo co instrumento co que apuntou ao ceo e que a el lle serviu para agrandar a súa propia intelixencia e a da sociedade en xeral, a pesar dos problemas persoais que tivo que sufrir e de que o resto da sociedade do seu tempo utilizouno para a guerra ou parolar, espero que hoxe algúns consigan izarse por riba das críticas, dos prexuízos, da preguiza e da manipulación que as empresas informáticas como representantes de intereses mesquiños de clase e ideoloxía fan coa maioría de nós. Hoxe temos “na punta dos dedos” unha nova lectura da realidade, un novo salto no proceso evolutivo da intelixencia, o salto dixital. Evidentemente non todo o mundo vai dar ese salto, pero bastará con que haxa alguén que o faga e que transmita esa nova actitude as futuras xeracións. Para logralo necesitarán facer fronte a traballos, ingratitudes, incomprensións sociais e incluso, aos que imos quedar no camiño, pero serán os únicos que poderán conseguir elevar esta sociedade por encima de si mesma e das súas miserias.

Publicado no Progreso o 1-8-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario