domingo, 3 de abril de 2016

Hermenéutica da lectura



José Domingo de Prada

Ler é un acto intelectual complexo. Nel os individuos enfróntanse a unha serie de signos ou de símbolos e son capaces de percibir o seu significado ou reverter o seu sentido. Significado e sentido permanecen ocultos, excepto para aqueles que efectivamente son capaces de acadalos: os que saben ler.
Nas primeiras sociedades o individuo alfabetizado era aquel que podía interpretar os signos e descubrir o significado dos mesmos. A lectura foi abríndose paso a medida que medraba a configuración simbólica da realidade e despois superpúxose sobre a interpretación. Con todo, na convivencia entre a lectura de signos e de símbolos débese ter en conta que sempre é máis complexo enfrontarse aos signos, pois non responden a unha lóxica da que nós sexamos directamente posuidores. A dos símbolos é máis sinxela, por moi problemática que sexa, pois é nosa, está feita por nós. Así, coa pretensión de desvelar significados e sentidos apareceu a hermenéutica, que intenta esclarecer, interpretar ou simplemente traducir o significado dos signos ou o sentido das pasaxes simbólicas dificilmente comprensibles.
Nas sociedades complexas a multiplicación de códigos, de símbolos e de sentidos, a culturización e complexificación das nosas vidas, a inserción das mesmas en procesos cada vez máis artificiais tivo como consecuencia que aumentásemos as nosas habilidades lectoras de símbolos e que perderamos capacidade ao enfrontarnos cos signos. Lemos e entendemos as letras dos libros ou os impulsos eléctricos que saen das pantallas dos nosos aparellos electrónicos con total naturalidade. Somos sociedades altamente alfabetizadas (a pesar do índice cada vez maior de analfabetos funcionais), adquirimos novas destrezas para facer lecturas de códigos complexos, matemáticos, químicos, biolóxicos, informáticos, económicos,... nos que os procesos de lectura deixan de ser lineais e temos que recorrer a estruturas que nos axuden e manifesten o sentido ao que non conseguimos acceder por nós mesmos e así, coma se fixo noutros tempos, tiramos man da hermenéutica.
Lembremos que a hermenéutica ten na orixe un carácter sacro, de exexese. Había que interpretar a vontade dos deuses a través dos signos ou do misterio oculto tralas palabras dos libros relixiosos. Non bastando unha lectura directa algúns apropiáronse as interpretacións do que poderían querer dicir aquelas mensaxes e non se dicía explicitamente. Os hermeneutas puxéronse baixo os auspicios de Hermes, deus mensaxeiro, da elocuencia, das fronteiras e o comercio, do embuste, do soño e da astucia. Con este amparo debería amosarse o verdadeiro sentido do texto, o que aínda quedaba oculto despois de ler os símbolos ou mirar os signos. E é este o sentido que adquire o termo en filosofía: como acceder á verdade (se é que se pode), como desvelar o sentido oculto, como interpretar desde os presupostos persoais e históricos (ou a pesar deles) e como superar a mera descrición da realidade.
Pois ben, entendo que estamos nunha situación histórico-social na que non somos capaces de ler signos (semi-analfabetos respecto deles), tampouco símbolos (incompetentes para afondar na lóxica dos que os escribiron). Quédanos só recorrer a Hermes, e intentar interpretar o que teñamos diante. Xogamos cos sentidos ocultos,  coas versións soterradas e as mensaxes subliminais. Tratamos de mostrar o que esconden os signos ou as letras das palabras e damos por suposto que todo o que se di quere dicir algo diferente. Vivimos na desconfianza ante o engano, no interese que proporcione riqueza (comerciantes de ‘letras’ e ‘palabras’), na terxiversación do soño ou na fronteira dos desexos. Valga este xogo de conceptos e paralelismos para que repensen á lectura/interpretación da realidade política, histórica e social á que estamos asistindo. Pura ficción hermenéutica dos que non saben ler.

Publicado no Progreso o 2-4-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario