martes, 27 de noviembre de 2018

Filosofía hoxe?





José Domingo de Prada

Comecemos cunha provocación. Vivimos en plena revolución dos analfabetos. As mal denominadas sociedades do coñecemento non son senón sociedades semialfabetizadas. Este é o logro dos tempos.
A aparición dos medios de comunicación (primeiro audiovisuais, despois dixitais) supuxeron unha transformación das relacións humanas e da aprendizaxe, forzaron novas formas de tratarnos, de entendernos, en suma, de pensarnos. Ademais, as institucións (privadas e públicas) viraron os seus intereses propios sobre esta nova forma de encontro para cimentar a súa estrutura ideolóxica de tal xeito que os avances tecnolóxicos que nun primeiro momento abrían horizontes fóronse pechando a medida que medraban os negocios.
Como ocorreu noutros momentos históricos de cambio nos que había que fundamentar estruturas irracionais, a filosofía convértese actualmente nun elemento incómodo (no ano 529 Xustiniano pecha a Academia de Atenas e os filósofos teñen que exiliarse en Persia). Hoxe as innovacións dixitais, reconducidas polas estruturas mercantís, derívannos cara a mundos cada vez máis amables, e a tecnoloxía intenta permanentemente facilitarnos a vida de tal forma que, non teñamos que expoñernos a nada nin sintamos a necesidade de saber nada. O problema, como sinala o activista  Eli Pariser, é que ao vivir nun mundo construído sobre o enramado do familiar todo o que hai resulta coñecido. Limitar tanto o mundo ten como consecuencia que non hai nada que aprender. Así, a filosofía sobra. Dende logo sobra desde a perspectiva dos manipuladores e dos negociantes. Non foi un erro que a LOMCE a minimizara e case a desterrara dos plans de estudos, foi o traballo meticuloso dun sociólogo (profesión do ex-ministro Wert) posto ao servizo dos intereses ideolóxicos e de clase (ben pagado con posterioridade, por certo), pois tal como resaltan autores como Louis Althusser, as ideoloxías son inseparables das institucións.
Temos hoxe unha reversión da situación? Laméntoo, pero non vexo tal reversión. Aínda que institucionalmente haxa certo compromiso de recuperar a filosofía, como se puido observar na unanimidade do Congreso dos Deputados solicitando a súa reposición, xa se verá en que se substancian os compromisos. Non hai moito houbo unanimidade no Parlamento Galego pedindo á Consellería de Educación a súa recuperación e só se fixo formalmente, non na práctica, co que se cumpriu a petición parlamentaria e traizoouse o espírito da petición.
A filosofía segue a ter hoxe unha consideración social secundaria, segue a verse coma un saber inútil e iso é produto dun interese concreto, dunha ideoloxía (tecnocientífica diría Habermas), dunha forma de estruturar a sociedade na que se pretende que o que hai é o que debe haber ou, en calquera caso, o mellor que podemos ter. Non é certo. Non vivimos no reino da necesidade, senón no da liberdade o que require o uso da razón. Ángel Gabilondo (filósofo antes que político) engade, ademais, o da paixón para evitar a reificación do pasado o que nos vai permitir vivir entre o probable, o posible e o discutible, é dicir, construíndo a nosa vida conscientemente, non nun mero deixarse levar.
Pensar é a forma de estruturar e acomodar á realidade, de definila e facela patente. Levamos a cabo esta actividade coas ferramentas lingüísticas, conceptuais, sensibles ou simbólicas das que poidamos apropiarnos. Pensamos para cambiar o mundo e para readaptalo ás nosas necesidades. Supoñemos que a actividade de pensar é inherente e constitutiva do ser humano. A filosofía sería entón pensamento de segunda orde, reflexión sobre o pensamento. Dado que na actualidade carecemos de tempo (o mundo evoluciona moi rápido), esta reflexión distanciada e de períodos de calma parece un luxo innecesario, ou incluso un estorbo nítido para o avance e o logro de beneficios.
Necesítase no mundo actual a filosofía?
Dende logo. Aínda que non o creamos seguimos portando lastres de prexuízos, intereses, banalidades, preguizas,... que a filosofía pode axudar a denunciar. Seguimos, coma noutras épocas, argumentando toscamente, guiándonos por modelos sociais estandarizados que se impoñen sen opción de crítica, pechando os oídos e o discurso ao diálogo e, máis específico da nosa época, pensándonos fóra do tempo, como culminación da evolución e a historia. A filosofía móstranos a nosa fraqueza, o irrisorio dos nosos dogmas e das nosas hexemonías. ‘Re-facer’ e ‘re-facernos’ son as tarefas da filosofía.
Así, a filosofía serve, e serve para o que máis importa: para facilitarnos que pensemos unha realidade distinta á que se nos dá (impón), para que artellemos os conceptos e as palabras que a posibiliten, para que estruturemos os argumentos que a sustenten, e, sobre todo, para que nos re-adaptemos a nós mesmos a esa nova realidade que construímos.
Sen pensamento non habería mundo (dende logo non o mundo que hai) e sen filosofía veriamos só aquelas siluetas en branco e negro que percorrían a caverna de Platón (incluso sen escalas de grises). A día de hoxe substituímolas polos teléfonos móbiles e as redes sociais que aloumiñan o ego constantemente. Neste eido a filosofía convértese nun elemento imprescindible, se queremos superar as escuridades impostas. A relevancia ou non  da filosofía nunha sociedade mostra a súa tolerancia, o seu desenvolvemento social e incluso material.

Publicado no Progreso o 24-11-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario