lunes, 31 de diciembre de 2018

Democracia e capitalismo: maridaxe imposible


Gonzalo Pérez López

O capitalismo financeiro que se impón hoxe sobre o produtivo  xa non ten necesidade de botar man do pacto capital-traballo, eufemisticamente estado de benestar, para manter o dominio. Abonda coa especulación para afondar nas desigualdades varias  que o nutren. Triunfante como modelo único, sen contrapesos estatais que o modulen, confirma a incompatibilidade, por definición, entre capitalismo e democracia real. Apelidar real á democracia permite diferenciala desa impostura que supón a democracia meramente formal como recurso para adormecer ós aspirantes a cidadáns mentres se incautan da súa capacidade de pensar, decidir e elixir.
Establécese mundialmente a hexemonía capitalista en sinerxía coa degradación democrática. España, a maiores, arrastra  un lastre de partida, aínda hoxe sen eliminar. Non se produciu unha auténtica ruptura coa ditadura e os prebostes do franquismo manteñen intacta a influencia económica (véxanse os apelidos dos consellos de administración das grandes empresas) e política (un ministro con Franco, que asumiu sentencias de morte de opositores,  foi ministro nesta democracia e  presidiu Galicia durante 15 anos sen bochorno xeral). Os poderes fácticos, coa banca e a Igrexa ó fronte, conservan, arrogantes, prebendas e influencia e a liñaxe segue condicionando demasiado a realización persoal.
A democracia non é posible fora do marco dun Estado de dereito que asegure a dignidade de todos mediante a  realización práctica dos dereitos humanos. Pero a repetición ritual de “España é un Estado de dereito” como parapeto formal para acalar e humillar á cidadanía, non asegura que o sexa realmente; e substantivamente nono é, converténdose nun exabrupto conceptual, como intentarei evidenciar.
A necesidade de optar polo mal menor ante o perverso dilema ofrecido (si á constitución ou involución), levou a referendar a Constitución de 1978, na que colaron elementos antidemocráticos (monarquía e rei avalado polo ditador, entre outros) e artigos programáticos nunca desenvolvidos plenamente. Que os herdeiros do franquismo e os demócratas de salón a teñan embalsamada, abrazándoa hoxe sen pudor, ponnos sobre aviso.
A realidade corrobora a inexistencia de facto da esixible división de poderes. Basta  observar o que maquinan as elites, para acadar un poder omnímodo, sen divisións nin fisuras, poñendo especial énfase no control do poder xudicial, coa aquiescencia sen rubor do executivo e do CJPJ, ese ente opaco, corporativista e ao marxe da cidadanía, que desfigura o mandato constitucional. Sen un sistema xudicial  autónomo e equitativo non hai garantías democráticas.
As leis promulgadas nas plutocracias nunca teñen como horizonte o interese xeral  porque a correlación de forzas no poder lexislativo é moi favorable aos intereses desa minoría que emprega a lei como instrumento para perpetuar o dominio. Pero, ademais desta eiva de orixe, a pregoada igualdade ante a lei é unha quimera. A reiteración na desigualdade de trato, en función do poder do transgresor, que adoptan certos encargados de facela cumprir, é asumida pola dócil cidadanía entre o escándalo reprimido e a resignación por impotencia. A diferente actitude da Fiscalía ante delitos similares e as resolucións do Tribunal Supremo, capaz de reinventarse e corrixirse a si mesmo para protexer aos poderosos, provocan un maioritario e razoable temor ante o poder xudicial en xeral.
Unhas oposicións memorísticas e enfundar a toga, sen máis, non avalan o equilibrio psicolóxico e a equidade imprescindibles dos xuíces. Pouco cabe esperar dalgúns presuntos garantes da democracia que a infravaloran e desprezan co clasismo, xenofobia, machismo e homofobia que destilan moitas das sentencias que ditan, sen a corrección e explicación institucionais ás que os cidadáns teñen dereito. Percibidas como arbitrarias, moitas decisións do poder xudicial provocan desconfianza e inseguridade, precisamente o contrario do demandado  en democracia.
Se engadimos o secuestro polas elites dominantes tanto dos medios como da participación directa dos cidadáns, o transformismo e a corrupción consentidos e indultados na práctica política, a ausencia intencionada da educación en valores cívicos e a provocada amnesia histórica, a erosión actual da democracia resulta tan comprensible como abominable.
O apoio maioritario das decisións non as lexitima, porque a democracia  non pode ser unha mera técnica organizativa do estado, senón que esixe respecto á dignidade persoal, liberdade, solidariedade, igualdade e xustiza social; é dicir, a antítese do capitalismo. Democracia sen valores morais é, cando menos, autoritarismo; sen utopías e ás costas da sociedade civil, un despropósito.
Dado que a dinámica actual non é propicia para reverter a situación descrita, se a sociedade civil quere revalorizarse, non deberá facer algo máis que esperar submisamente algunha graciosa dádiva do poder absoluto?

Publicado no Progreso o 29-12-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario