Xosé Ramón Cando Vázquez
Lembro decote a expresión de meu avó cando se
producía algunha discrepancia de carácter doméstico: “A min xa non me
educades”, igualmente a dun veciño cando lle facían notar a ausencia de
información que motivaba a súa toma de
posición sobre algún aspecto concreto: “Eu para min sei abondo” ou, na
actualidade, a vontade irrenunciable dunha persoa de seguir mercando coches de
motor diésel, mais alá de toda consideración sobre prestacións, consumos ou
contaminación. Son tres exemplos de como as persoas experimentamos a tentación
de travestir de crenzas as opinións e incorporalas ao cerne do noso ser, á
identidade. Nos tres casos asistimos a manifestacións defensivas ante o
que se interpreta como unha agresión na que se ve afectada a identidade da
persoa polo que as reaccións mencionadas se expresan de xeito alporizado.
Na manifestación do pasado 8 de marzo,
anatema para o PP e para outras forzas políticas, coincidín con algunha persoa
que, estando próxima en moitos aspectos ao ideario defendido por ese partido,
consideraba necesario manifestar o seu apoio ao desenvolvemento da xeira pola
igualdade real de mulleres e homes, independentemente das consignas ditadas
dende o mencionado ámbito político. É probable que algunhas outras persoas
considerasen xusta e necesaria a citada manifestación pero non participaron por
non prexudicar o proxecto político co que se senten identificadas. En relación
co 8 de marzo, un último exemplo, a descualificación á que unha persoa
manifestante foi sometida, mais tarde, por outra persoa que era contraria a esa
marcha á que definiu como “manifestación de Podemos”. As persoas citadas ao
inicio gozan dun grao de autonomía persoal e ideolóxica que debería ser
habitual pero que resulta “anormalmente” rara. Non sucede o mesmo coas outras
persoas que sen valorar a xusteza e a necesidade da reivindicación que tiña
lugar, mostráronse como prosélitos, ou mais ben, como membros dunha seita na
que non é posible ter opinión propia, acatando
de maneira acrítica as directrices dunha opción política, mais alá da
afinidade, ou non, con todos e cada un dos aspectos da mesma, ou sexa,
convertendo esa opción política en parte integrante do seu ser.
Asistimos, decote, a agresións contra persoas
que tendo unha cor de pel particular, unha procedencia estranxeira, unha
relixión diferente ou uns criterios morais distintos non resultan aceptables
para determinadas persoas que, polo demais, se consideran propietarias do país.
Igualmente, existen agresións contra persoas que expresan os seus afectos da
maneira que mais lles peta e que tampouco son do gusto dos mencionados grupos
sociais (en esencia, os mesmos) dándose en ambos casos unha violencia sobre
vítimas que se limitan a vivir de acordo coa lexislación do estado, sen
agredir, obxectivamente, a ninguén pero cuxa presenza pode percibirse como
nociva en canto producen interrogantes que determinadas identidades, non moi
elaboradas, son incapaces de soportar. O obxectivo das mencionadas agresións
consiste na desaparición das persoas como único xeito de facer desaparecer os
furados que fan aparecer na identidade dun número importante de persoas.
Se as opinións sobre educación, sanidade,
migracións, igualdade, convivencia territorial, pensións, axudas á dependencia,
redución do paro, tratamento dos custes laborais, fiscalidade e fraude fiscal,
tratamento da mocidade, etc., acadan o status de crenza presentarase un
obstáculo insalvábel para o mantemento dos dereitos e as liberdades
democráticas, cuxo fundamento é exclusivamente o diálogo e esta é unha herba
feble que non pode superar a barreira da intransixencia. Non pode haber diálogo
entre partidarios de alternativas diversas cando ditas alternativas forman
parte da identidade das persoas, ninguén está disposto a poñerse en risco a sí
mesmo porque cando as opinións políticas se converten en crenzas xurde o medo
de perderse a sí propio.
Sendo así, non pode haber diálogo entre
partidarios da España imperial e partidarios da Catalunya irredenta, non pode
haber diálogo entre partidarios da monarquía como institución intrínseca de
España e partidarios da república como único xeito de democracia, non pode
haber diálogo entre partidarios do adoutrinamento relixioso e partidarios do
laicismo “comecuras”, non pode haber diálogo entre partidarios do feminismo
revolucionario e partidarios do machismo ancestral, non pode haber diálogo
entre partidarios do español como única lingua en toda España e partidarios do
galego tamén como única lingua en Galicia.
Os humanos precisamos certezas para
sobrevivir pero a experiencia (a historia) móstranos que non sempre son verdade
(poucas veces son verdade) polo que non estamos moralmente autorizados a
transmutalas en crenzas e incrustalas no noso cerne, no noso ser, na nosa
identidade.
Publicado no Progreso o 23-3-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario