Xosé Ramón Cando Vázquez
Diego Reina, profesor de instituto de Murcia, é o primeiro obxector de
conciencia (coñecido) contra a censura parental relativa ás actividades
complementarias. Este feito trasládanos a outros tempos e a outras
circunstancias nas que a ausencia de democracia permitía a proclamación de leis
contrarias aos dereitos humanos e polo tanto, en xustiza, obxectables. Sócrates
non foi partidario do incumprimento da lei aínda que fose tan, manifestamente,
inxusta como a súa condena a morte, cando tivo a oportunidade de fuxir e
salvarse. Gandhi, en cambio, obxectou contra as leis racistas da Gran Bretaña,
tanto en Suráfrica como, mais tarde na India. Rosa Parks obxectou contra das
leis racistas dos Estados Unidos, defendendo a súa dignidade. Muhammad Alí
obxectou contra a guerra de Vietnam e aceptou pena de cárcere.
A obxección de conciencia é unha das posibles reaccións contra a falla de
respecto aos dereitos humanos, ou mais precisamente, contra a percepción de
estar sendo privado dalgún deles, neste contexto, pode un estado democrático
promulgar leis contrarias aos dereitos humanos? Constitucionalmente é imposible
porque a norma fundamental de calquera país democrático proclama a Declaración
Universal de Dereitos Humanos (DUDH) como referencia ineludible e
inquebrantable. Se aceptamos que DEMOCRACIA=DEREITOS HUMANOS, a obxección de
conciencia non sería, moral nin politicamente, admisible nun estado
democrático. Conclusión, se existe obxección de conciencia lexítima, non hai
democracia.
É lexítima a obxección de conciencia do profesor mencionado? Tratábase
dunha charla dun catedrático de arte da universidade de Murcia sobre o artista
Marcel Duchamp para a que, legalmente, precisaba o “nihil obstat” das familias,
negándose a solicitalo e incumprindo, así, a lei. É razoable pensar que algún
apercebemento ou sanción recaerá sobre o citado profesor por transgredir a lei,
aínda que sexa co obxecto de ampliar o coñecemento do alumnado sobre ese
aspecto concreto dos contidos educativos; contidos que, polo demais, son
analizados, debatidos e aprobados nos órganos correspondentes de natureza
democrática, debendo, xaora, estaren abertos á discusión a partir das novas
achegas que poidan producirse.
Polo anterior cabe considerar lexítima a mencionada obxección de conciencia
e polo tanto deficitario o funcionamento democrático do estado (comunidade
autónoma) que constrúe un artefacto lexislativo tan pouco respectuoso coa DUDH
que alimenta dita xustificada obxección. A este respecto sería interesante
interrogarse verbo das condicións ou variables que vician o exercicio da
democracia nesa comunidade, das que seguramente non está exento o conxunto do
estado español nin o resto das democracias. En todo caso a análise non poderá
ser moi concluínte e polo tanto a achega de conclusións deberá quedar no ar.
Pode funcionar adecuadamente un estado democrático no que importantes
decisións son adoptadas por partidos políticos que non teñen natureza democrática?
Que se entende por partidos políticos democráticos? No contexto deste traballo
enténdese como partido político democrático aquel que asume, sinceramente, a
defensa e aplicación dos trinta artigos que compoñen a DUDH. Non existiu ao
longo da historia en ningún tempo e ningún lugar un código moral e político con
tan amplo apoio como o que se recolle na mencionada Declaración, na que se
establecen os principios de “ética mínima” e polo tanto lexislable que deben
rexer en toda sociedade que aspire á xustiza e á equidade.
Esíxese aos partidos políticos defensa expresa dos DDHH? Esíxese a asunción
deses dereitos como propios ata o punto de situalos por enriba de calquera
outra consideración? Debe quedar esa esixencia, exclusivamente, en mans do voto
da cidadanía ou debe existir un filtro legal que garanta que a representación
política, en ningún caso obrará en poder de quen non estea comprometido,
inequivocamente coa DUDH? Estas cuestións requiren unha reflexión acougada
aínda que resultan bastante urxentes dado o nesgo que o tratamento dos DDHH
está adquirindo no mundo desenvolvido no que, tradicionalmente, polo menos no
aspecto formal, gozaban do apoio do conxunto da chamada “clase política”
representativa. No que atinxe ao resto do planeta, no ámbito dos DDHH resulta
imposible non botarse a chorar.
A obxección de conciencia do profesor Diego Reina é un feito que abre un
oco para a esperanza porque sempre que, historicamente, se xeralizaron xestos
semellantes constituíron un factor moi relevante para abater os muros da
intransixencia, defensora a morte da súa base nutricia que non é outra que a
ignorancia.
Publicado no Progreso o 7-3-2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario